O grupo socialista reclama ao goberno galego máis feitos e menos publicidade na recuperación das terras agrarias

Martín Seco lembra que o goberno galego ten máis de 100 concentracións parcelarias sen rematar, e non decretaron ningunha nova zona de desenvolvemento dende a aprobación da Metaga en 2015

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, mantivo hoxe un encontro coa Asociación de Enxeñerías de Ordenación do Medio Rural –Asiomer- para avaliar a Lei de Recuperación da Terra Agraria e a “fonda necesidade da nosa Comunidade Autónoma por mobilizar terra agraria”. O responsable socialista sinalou que Galicia perdeu máis de 150.000 hectáreas produtivas nos últimos 30 anos, o 20 por cento da superficie agraria útil.

AVANTAR ACTIVIDADES

Seco reclamou “máis feitos e menos publicidade” na recuperación das terras agrarias, e sinalou a “escasa credibilidade” do goberno galego, que anuncia a súa intención de mobilizar terra cando manteñen máis de 100 concentracións parcelarias sen rematar, ademais de que levan sen decretar ningunha zona de concentración nova dende 2015, cando aprobaron a Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia –Metaga-.

Explica que Galicia ten unha superficie agraria útil de pouco máis do 20 por cento do territorio, “unha das porcentaxes máis baixas de Europa”, cando en países como Francia ou Alemaña esta supera o 40 por cento. Ademais, a superficie media por granxa sitúase no entorno das 20 hectáreas, cando no resto de Europa pode chegar ás 45 ou 50, o que “lastra o futuro do noso rural e a actividade agrícola e gandeira, ademais de xerar problemas no reparto dos fondos da PAC”.

O responsable socialista coincidiu cos representantes da Asociación na importancia das concentracións parcelarias para a posta en valor da terra agrogandeira e “na necesidade de darlle un impulso dende a administración autonómica”.

Seco sinalou a paralización do desenvolvemento do Regulamento da Lei de Mellora da Estrutura Territorial Agraria de Galicia, comprometido polo presidente da Xunta en 2017, imprescindible para “seguir avanzando na mellora do proceso de concentracións parcelarias”. O Regulamento, explica, permitiría acurtar prazos e diminuír o custe por hectárea dun instrumento “esencial para o campo”, e que “debe de ser complementaria a outras figuras de loita contra o abandono de terras”.