Aínda que rebaixando a proposta inicial, o plan de rehabilitación, que pretende fixar poboación no rural e loitar contra o despoboamento, contará con 200.000 euros a repartir entre os concellos interesados.
O servizo itinerante de atención ás adiccións actuará en concellos con limitados recursos aportando información, orientación e asesoramento, amais dun acaído diagnóstico e tratamento.
O Grupo Provincial Socialista acada que a Deputación de Ourense poña marcha dun plan de axudas de rehabilitación de vivendas para o seu aluguer social en concellos de menos de 20.000 habitantes. Os socialistas, que demandaban dotar ao plan cun orzamento de 1.820.000€ euros, que correspondía a unha axuda anual de 20.000 euros para cada un dos 91 concellos da provincia, arrincaron o acordo do PP para dotar inicialmente á iniciativa con 200.000 euros, a repartir en réxime de competencia competitiva entre os municipios que queiran optar ás achegas. “Está claro que non é o óptimo, que non é o que nós reclamabamos, pero é un punto de partida, un inicio, que conta co compromiso do grupo popular para incrementar a partida en sucesivos exercicios orzamentarios“, sinala Álvaro Vila, voceiro socialista na Deputación de Ourense.
Na exposición de motivos, Vila xustificou a proposta socialista na necesidade de loitar contra o despoboamento no rural, afirmando que “os concellos, e a Deputación, non poden ser alleos a esta problemática”. “Xerar vivenda de aluguer social ten amosado ser un mecanismo efectivo para fixar poboación e que reabran outros servizos”, afirmou o voceiro do PSdeG-PSOE. Para Vila, “esta axuda servirá de complemento aos diferentes plans estatais e autonómicos, que só cobren unha parte do orzamento das obras para a adecuación de inmobles, non pudendo moitos concellos asumir o resto dos custos”. “A rehabilitación entóxase unha valiosa ferramenta para aumentar a oferta de vivenda e atraer novos veciños, sendo a obriga da política, e neste caso da Deputación de Ourense, o exercicio responsable dun rol facilitador e dinamizador a través dos nosos concellos”, sentenzou Vila.
Servizo itinerante contra as adiccións
O Grupo Provincial Socialista logrou o acordo maioritario do Pleno da Deputación de Ourense para a implementación dun servizo itinerante de prevención, sensibilización e atención das adiccións que atenda a concellos de menos de 20.000 habitantes. “Un servizo chamado a aportar información, orientación e asesoramento, amais dun acaído diagnóstico e tratamento das vítimas de adicción”, subliñou a deputada socialista Elvira Lama. Segundo esta, “o tratamento das adiccións representan unha dificultade maior para os concellos pequenos que, polo limitado dos seus recursos, son incapaces de atender axeitadamente ás veciñas e veciños que as sofren”. “Sen o concurso da Deputación, a loita contra as adiccións preséntase coma un desafío imposible para os municipios pequenos polo limitado dos seus recursos”, dixo Lama.
As adiccións son un dos grandes problemas que enfrontan as sociedades modernas, que non só afectan ás persoas que as padecen, senón tamén ás súas familias e á sociedade no seu conxunto. A iniciativa socialista destaca a existencia dun importante abano de adiccións e de perfís humanos que son vítimas, xa sexa ás drogas, ao alcohol, xogo e apostas online, os dispositivos electrónicos ou mesmo ao sexo e a pornografía, como reflicten as estatísticas e informes do Observatorio español das drogas e as adiccións. “As adiccións afectan a unha ampla gama de figuras, que poden ser traballadores por conta allea ou emprendedores, de diferentes estratos sociais, incluso acomodadas, con estruturas familiares normalizadas e funcionais, homes e mulleres, en idades maduras ou na adolescencia, galegos de berce, naturalizados ou inmigrantes”, destacou Lama.