I Presentarase aos medios o luns 10 de xuño, ás 11.00 h, na Casa dos Poetas
I A mostra enmárcase no proxecto «Corrente cultural» que propicia a colaboración entre ABANCA, Afundación e o Concello de Celanova
A Casa dos Poetas do Concello de Celanova acollerá o vindeiro luns, 10 de xuño, ás 11.00 h, a presentación a medios da exposición fotográfica «Auga. O sangue da terra», de Manuel Valcárcel. Esta iniciativa é posible grazas á colaboración entre o Concello de Celanova, ABANCA e Afundación, institucións que estarán representadas no acto coa presenza de Antonio Puga Rodríguez, alcalde de Celanova; Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez; Mateo Alonso San Román, coordinador institucional de ABANCA en Ourense; e a coordinadora institucional de Afundación en Ourense e Lugo, Beatriz Fernández-Anguiano.
A exposición «Auga. O sangue da terra» realiza un percorrido pola relación do ser humano coa auga mediante fotografías dos cinco continentes. Lugares tan remotos como Nova Celandia, India, China, Níxer, o deserto de Atacama ou a cunca do lugués río Lor foron fotografados por Manuel Valcárcel e recollidos neste proxecto expositivo que ten como obxectivo valorar a importancia da auga como elemento vital e amosar como inflúe a presenza ou ausencia da auga nas culturas, nas paisaxes e nos ecosistemas. Esta mostra, de entrada libre e gratuíta, poderase visitar ata o 6 de xullo, de luns a venres de 10.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h, e os sábados de 11.00 a 14.00 h e de 16.00 a 19.00 h.
Esta colaboración é parte do proxecto «Corrente cultural», que considera a arte como un instrumento imprescindible para fomentar o coñecemento e o desenvolvemento colectivo. Grazas a este proxecto, Afundación, a Obra Social de ABANCA, impulsa a capilaridade da cultura en Galicia, ampliando a oferta artística alén das súas sedes e trasladándoa ás vilas galegas para desenvolver tamén nelas as actividades da entidade.
Esta exposición enmárcase na iniciativa «Cultura por alimentos» que Afundación leva a cabo en colaboración con FESBAL (Federación Española de Banco de Alimentos) e que pretende achegar alimentos de primeira necesidade aos bancos de alimentos locais. A entidade invita aos visitantes a colaborar con esta iniciativa a través da doazón de alimentos non perecedoiros ao visitar a mostra.
Evento | Inauguración da exposición «Auga. O sangue da terra» |
Lugar | Casa dos Poetas do Concello de Celanova |
Data e hora | Luns, 10 de xuño, ás 11.00 h |
Toda a información da actividade de Afundación, na nosa SALA DE PRENSA.