O parlamento aproba a iniciativa socialista para esixir un “plan inmediato, áxil e eficaz” para a hostalería

Juan Carlos Francisco lamenta que “os 12 ou 15 millóns de euros anunciados polo goberno galego son insuficientes e ridículos para paliar as consecuencias dun peche que afecta a 12.800 negocios”

Publicidade

Esixe unha “reacción inmediata” e “similar á que están a levar a cabo outras comunidades como País Vasco ou Comunidade de Murcia, que destinarán 45 e 38 millóns de euros, respectivamente, ao sector”

O Parlamento aprobou hoxe por unanimidade a Proposta Non de Lei do Grupo Socialista para esixir ao goberno galego que adopte un “plan inmediato, áxil e eficaz” de axudas directas a fondo perdido para paliar os estragos económicos da covid no sector da hostalería.

O portavoz de Economía do Grupo Socialista, Juan Carlos Francisco, esixiu ao goberno galego “unha reacción cun plan económico similar ao que están a levar a cabo outras comunidades autónomas”, como é o caso de “País Vasco e Comunidade de Murcia, que destinarán 45 e 38 millóns euros” ao sector respectivamente. Así, reclamou á Xunta que “empregue toda a súa capacidade de gasto público e de endeudamento” para “rescatar ao sector”.

O responsable socialista lamentou que os “12 ou 15 millóns de euros anunciados polo goberno galego son insuficientes e ridículos para paliar as consecuencias dun peche que afecta a 12.800 negocios”. Neste senso, criticou “a estratexia de confusión na que está instalado Feijóo” e instou ao goberno a “facer política económica a curto e medio prazo, con carácter inmediato”.

Francisco lembrou que “diversos concellos de Galicia modificaron os seus orzamentos e outorgaron axudas directas” á hostalería, “o que non fixo a Xunta de Galicia”. Así, incidiu en que “non se pode confinar e obrigar a pechar os establecementos, sen establecer medidas económicas de compensación” para os negocios.

Por último, Francisco urxiu que se materialicen as axudas, xa que “se anunciaron medidas hai 15 días, pero aínda non se ‘efectivizaron’ no DOG”, tendo en conta que o sector que está a vivir “unha situación dramática”. Ademais, lamentou que a hostalería foi “inxustamente estigmatizada, dado que o nivel de contaxios neste ámbito non é tan importante como o que se vén producindo noutros eidos”.

Texto da iniciativa aprobada hoxe:

– O Parlamento galego, dentro da súa capacidade orzamentaria e tendo en conta a marxe fiscal derivado da flexibilización das regras de déficit autorizadas polo Ministerio de Hacienda, insta á Xunta de Galicia a adoptar de xeito urxente un plan de axudas directas a fondo perdido dirixidas a paliar estragos económicos que a covid-19 está a producir no sector da hostalería en Galicia.