A Xunta destina preto de 828.000 euros a financiar a contratación de 79 perceptores da risga en 36 concellos ourensáns

O delegado territorial da Xunta en Ourense visitou esta mañá o concello de Bande, un dos municipios receptores das axudas para impulsar o emprego das persoas con máis dificultades para atopar un traballo

Publicidade
  • O delegado territorial explicou que a medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral
  • Gabriel Alén incidiu en que esta medida ten como obxectivo conseguir a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables e completa outras iniciativas da Xunta para favorecer a contratación laboral por parte dos concellos galegos
  • O importe da subvención que se concede ás entidades beneficiarias será o equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, durante un período de nove meses

– O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá, acompañado da alcaldesa, Sandra Quintas, o concello de Bande, onde desenvolverán as súas tarefas laborais dous traballadores preceptores da Risga como operarios de limpeza e mantemento de zonas axardinadas.

Na visita, o delegado territorial informou  que a Consellería de Emprego e Igualdade destina  preto de 828.000 euros a colaborar con 36 concellos da provincia de Ourense para contratar a un total de 79 persoas perceptoras da Risga (renda de integración social de Galicia), que se encargarán de realizar obras ou servizos de interese xeral nos seus respectivos municipios.

Gabriel Alén, explicou que a medida busca favorecer a inserción laboral destas persoas co obxecto de proporcionarlles a experiencia e práctica profesional necesarias para facilitar a súa inserción laboral.

En canto á distribución das achegas, na comarca de Valdeorras, o Goberno galego destina 134.018.600 euros para facilitar 13 contratacións en catro municipios: A Rúa (5), A Veiga (2), O Barco de Valdeorras (5), e Petín (1).

Na comarca de Celanova a Xunta inviste 119.757 euros para ocupar a 11 persoas beneficiarias da Risga en cinco administracións locais: Mancomunidade Terra de Celanova (4), Cartelle (2), Ramirás (2), Quintela de Leirado (1)e Verea (2).

Ao Ribeiro, a Administración autonómica destina 78.488 euros que benefician a 7 traballadores de cinco concellos: Ribadavia (2), Arnoia (1), Cenlle (1), Leiro (1) e Melón (2).

No Carballiño, a Xunta inviste 92.782 euros na contratación de 9 operarios de tres concellos: Maside (5), Boborás (2)e San Cristovo de Cea (2).

Na comarca de Verín, o Goberno galego destina 81.313 euros para ocupar a 8 persoas beneficiarias da Risga en catro administracións locais: Castrelo do Val (2), Laza (2), Monterrei(2) e Oimbra (2).

Así mesmo, con cargo a estas axudas autonómicas tamén se financiarán contratos nos concellos de Xinzo (5), Vilar de Santos (2), Sandiás (2), Amoeiro (2), Barbadás (2), Taboadela (2), Allariz (2), Maceda (2), Castro Caldelas (2), Montederramo (1)e Xunqueira de Ambía (1).

O importe da subvención que se concede ás entidades beneficiarias será o equivalente ao necesario para sufragar os custos salariais totais, incluída a cotización empresarial á Seguridade Social, durante un período de nove meses.

O delegado territorial incidiu en que esta medida ten como obxectivo conseguir a mellora da empregabilidade dos colectivos máis vulnerables e completa outras iniciativas da Xunta para favorecer a contratación laboral por parte dos concellos galegos.