Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (III)”.O secuestro de tres foguinos

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

AVANTAR ACTIVIDADES

Á miña admirable afillada Auri Chan e á súa encantadora irmá Marinieves

Charles non ocultaba estar interesado en relatarme con todo detalle a historia de tres foguinos que foran secuestrados polo capitán Fitz Roy nunha anterior viaxe do Beagle. Sentados nunha pedra achaiada no medio daquela heteroxénea e mesta vexetación das illas Bridges, podiamos contemplar placidamente as peiteadas e níveas melenas das montañas andinas que nos axexaban desde o horizonte próximo. Probablemente desde alí iniciara o voo un maxestoso cóndor que cruzaba o ceo do canal para aterrar naquelas illas. Charles, sen desatender a maxia daquel espectáculo improvisado, comezou a relatarme a historia de Jemmy Button, York Minster e Fuegia Basket.  

-“O capitán Fitz Roy fixera unha primeira viaxe no Beagle, de 1826 a 1830. Nela tomara como reféns a varios nativos da Terra de Fogo, ao parecer como castigo á súa tribo por roubarlle un dos seus botes baleeiros. Ao final, liberou á maíoría dos reféns e quedou só con tres deles, aos que lles puxo nomes un tanto extravagantes: Boat Memory -que faleceu tan pronto chegou a Inglaterra-, Fuegia Basket e York Minster. Máis tarde capturaron a un cuarto, ao que de forma despectiva lle deron o nome de Jemmy Button, que aceptando a información de Fitz Roy significaba que ese indio o mercara polo valor simbólico dun “botón de nácar”.

Pero cal era a finalidade de levar aqueles indios a Inglaterra como castigo do roubo do seu bote? Pregunteille a Charles.

-“Esa mesma pregunta lle formulei eu ao capitán Fitz Roy no momento de zarpar o Beagle na súa segunda viaxe de 1832. Ao atoparme no barco aqueles tres indios quixen saber quen eran, de onde procedían e cal era o seu papel nunha viaxe de investigación científica.

            O capitán Fitz Roy, sempre tan amable comigo, confesoume que o drástico rapto daqueles mozos podía resultar fabulosamente interesante tanto para os indíxenas como para a investigación científica. Por tal razón, os mozos foguinos foron trasladados a Inglaterra coa idea de sacalos da súa tribo, bruta e ignorante, para ensinarlles inglés e para que participasen dos beneficios da civilización británica. Fitz Roy relatoume que actuou coa certeza e a esperanza de que, a longo prazo, os beneficios de coñeceren os hábitos da civilización e o idioma inglés compensarían a separación transitoria da súa familia e do seu país. Polo tanto, despois de pasados uns anos en Inglaterra, regresaban ao país do que foran afastados.”

Como valorabas ti naquel momento a decisión do capitán? Considerábala improcedente, autoritaria, utópica no seu propósito, ou parecíache pertinente e realista a súa intención? E, ademais, como valoraron as autoridades inglesas a audacia do capitán e como actuaron con estes indios?

-“Aceptando o relato de Fitz Roy, estes tres foguinos foron recibidos e colmados de agasallos polo rei Guillermo IV e pola raíña Adelaida de Inglaterra. Con todo, apareceron múltiples opinións e reflexións sobre aquel proxecto. E non todos aprobaron aquel experimento. A pesar diso, o Almirantado inglés e, fundamentalmente, o capitán Fitz Roy, ademais de cartografar a zona da Patagonia e facer o seu levantamento, proxectaran iniciar a primeira colonia relixiosa anglicana do extremo sur do continente americano. Dita colonia estaría inicialmente formada polos tres foguinos -Jemmy, Fugia e York Minster- e polo reverendo Richard Mattews. Razóns polas que as autoridades inglesas mimaron aos tres foguinos”

Como eran aqueles mozos que regresaban ao lado da súa familia despois de pasaren uns poucos anos en Inglaterra?

-“Despois de case tres anos daquel rapto por Fitz Roy, o propio capitán e a Sociedade Misioneira Británica, que pretendía cristianizar aqueles territorios, decidiron devolver aos tres foguinos, da tribo dos iagáns, á Terra do Fogo e así aproveitar esa oportunidade para establecer bases na Illa Grande da Patagonia. Para esa Misión Anglicana foi nomeado pastor Richard Matthews, quen acompañou aos tres adolescentes no Beagle.

Puiden comprobar no barco que cada un daqueles foguinos era diferente aos outros. Así, York Minster era baixiño, groso e moi forte. Tiña un carácter reservado, calado, taciturno, pero moi exaltado e apaixonado cando se excitaba. Era intelixente e afectuoso con algúns dos poucos amigos que tiña no barco.

Jemmy Button era o favorito da tripulación, aínda que tamén era apaixonado. Era baixo, groso e gordo, e moi vaidoso da súa aparencia persoal. Adoitaba levar sempre luvas, o cabelo puntillosamente cortado e incomodábase cando os seus ben lustrados zapatos se lle emboutaban. Gustáballe moito mirarse ao espello. Era ledo, ría a miúdo e sentía pena das desgrazas dos demais. A expresión do seu rostro reflectía a súa boa disposición. Cando o mar estaba picado, eu adoitaba ter pequenos mareos e el viña verme; e dicíame con acento apenado: “pobre, pobre amigo!”. Pensar que un home poida marearse despois de levar tanto tempo no mar… Xeralmente, víase forzado a volver a cabeza para ocultar un sorriso ou unha gargallada, e volvía repetir: “pobre, pobre amigo!”.

Era un mozo que quería á súa tribo e gustáballe eloxiala dicindo que nela había “moitas árbores”. Pero mofábase das outras tribos. Aseguraba que na súa terra non había diaño”.

Polo que relatas, Jemmy aprendera perfectamente as formas inglesas de vida, das que facía bo uso. Porén, non parece que York Minster puxese en práctica ese mesmo estilo na súa conduta. E cal era a conduta de Fuegia Basket, a moza secuestrada?

-“ Existía, certamente, unha gran diferenza entre York Minster e Jemmy Button.

Respecto a Fuegia Basket, teño que dicir que era unha nena bonita, modesta e reservada, cunha expresión afable, aínda que triste ás veces, e moi rápida para aprender calquera cousa, especialmente idiomas. Así o demostrou co portugués e co español no curto tempo que se detivo en Río de Xaneiro e Montevideo, e o mesmo no seu coñecemento do inglés. York Minster tiña celos de calquera atención que se tivese con ela; quedaba claro que estaba decidido a casar con ela tan pronto como desembarcasen.

            Se ben é certo que os tres podían falar e entender bastante ben o inglés, era moi difícil obter información que eu buscaba referente aos costumes dos seus compatriotas, debido en parte á gran dificultade que tiñan na comprensión das alternativas máis sinxelas. Quen teña experiencia do trato con cativos moi pequenos, sabe que rara vez se poden obter respostas seguras a preguntas tan sinxelas como pode ser a de se unha cousa é branca ou negra. As ideas de branco e negro parecen ocupar alternativamente a súa mente. O mesmo pasaba con estes foguinos, e por iso resultaba case imposible descubrir, a través de preguntas, se entenderan ben o que contestaban”.

 –Despois de máis de tres anos en Inglaterra, lonxe das súas tribos, había algo compartido entre os tres secuestrados por Fitz Roy e as súas respectivas tribos?

-“Compartían cualidades máis naturais que culturais. Posuían unha vista dunha agudeza extraordinaria. Tanto York como Jemmy eran superiores a calquera dos mariños de a bordo. En varias ocasións dixeron o que eran vultos confusos que se vían de lonxe, e aínda que todos dubidasen, comprobouse que tiñan razón cando se examinaba co catalexo. Eles eran conscientes do seu poder, e Jemmy, despois dalgunha pelexa co oficial de garda, adoitaba exclamar: “Me see ship, me non tell” (“Eu ver barco, eu non dicir”).  

 Integrantes das tribos áas que retornaban os tres foguinos                   

Cando desembarcamos, foi interesante observar a conduta dos salvaxes das tribos para con Jemmy Button. Inmediatamente notaron a diferenza entre el e nós, os da tripulación. Certamente falaron moito entre eles sobre este asunto. O vello da tribo dirixiu unha longa arenga a Jemmy exhortándolle, ao parecer, a que quedase con eles. Con todo, Jemmy entendeu moi pouco da súa linguaxe. Mesmo se avergoñaba completamente dos seus paisanos de tribo.  

               Logo do desembarco de York Minster, recoñecéronlle de igual modo a diferenza connosco; e dixéronlle que debía afeitarse, a pesar de que non tiña máis de vinte pelos na cara e de que todos nós levabamos a barba crecida e descoidada. Despois, examinaron a cor da súa pel e comparárona coa nosa. 
               Cando un dos nosos descubriu o seu brazo, expresaron a maior sorpresa e admiración pola súa brancura, na mesma forma que eu vin facelo ao orangután nos Xardíns Zoolóxicos. Creo que tomaron por señoritas da nosa expedición a dous ou tres oficiais nosos, algo baixos e louros, e cunha longa barba. O máis alto dos foguinos estaba contento de chamar a atención pola súa estatura. Cando para medirse se puxeron de costas a costas cos máis altos dos que iamos no barco, el intentou colocarse nun lugar un pouco máis alto e poñerse de puntillas. Logo, abriu a boca para mostrarnos os seus dentes e virou a cara para que puidésemos vela de perfil. Fixo todo iso con tal satisfacción que, sen dúbida, se consideraba o home máis fermoso da Terra de Fogo.



Despois da nosa primeira impresión de gran asombro, nada podería ser máis ridículo que a estraña mestura de sorpresa e imitación que constantemente manifestaban aqueles salvaxes.”

             Que sorprendente a actitude e a conduta dos salvaxes no regreso dos tres adolescentes que formaban parte da súa propia tribo! Cal foi o seu proceder e o seu trato convosco?

-“ Ao desembarcar naquela zona de Terra de Fogo onde se pretendía deixar aos tres foguinos e crear a colonia relixiosa, atopámonos con moitos aborixes. Estes buscaban o contacto connosco polo seu afán de quedar con obxectos da tripulación. Todo empezaba por pedirnos roupa, botóns, botellas, chapeus, panos… utilizando a palabra “Yamerscuna”, que nós interpretabamos como “dáme” tal cousa. Cando se daban conta que non lle dabamos o que pedían empezaron a propoñernos trocos. Un daqueles foguinos chegou a ofrecernos á súa filla por un coitelo. Máis tarde, ao comprobar que non entrabamos no seu xogo, directamente nos roubaban.

Que actitude mostraron os tres foguinos coas súas tribos e como foi a súa acollida por parte das súas familias?

 -“Pareceume moi estraña a actitude dos tres adolescentes coa súa xente no momento do regreso. O primeiro que querían os tres era pasar por europeos. Eu mesmo observei como un ancián dunha tribo, ao recoñecer a York Minster, este comezou a rirse do vello tratando de demostrar que era ridículo que o considerase salvaxe coma el. Mirou ao ancián e mostroulle a súa roupa como dicindo: “Non ves que eu uso roupa? Son do barco”. 

Jemmy, o outro foguino, ría da súa propia xente dicindo: “Ja, ja… Están espidos. Que aspecto de animais!”

Lembro de forma especial o encontro de Jemmy coa súa familia aquel 24 de xaneiro de 1833. Aquel día, empezaron a chegar foguinos, entre os que estaban a nai e os irmáns de Jemmy. Este recoñeceu a voz estentórea dun dos seus irmáns a gran distancia. O encontro foi menos interesante que o dun cabalo que, ao volver do campo, se atopa cos seus vellos compañeiros. Non houbo a menor demostración de afecto; miráronse o un ao outro por un momento, e a nai foise inmediatamente a coidar da súa canoa. Nós xa notaramos que Jemmy esquecera case totalmente a súa propia lingua. Era cómico, aínda que daba mágoa oílo falar cos seus irmáns en inglés e preguntarlles logo (en español orixinal) se entendían ou non. As mulleres, en cambio, interesáronse moito por Fuegia e foron moi amables con ela, aínda que ela, cos seus doce anos, negábase baixar do Beagle e atoparse cos demais aborixes.

Ao ver esas reaccións coa súa xente, pregunteille a Jemmy se quería quedar en Terra de Fogo ou volver a Inglaterra. “Non lugar para min en Inglaterra, contestou. Gústeme ou non, este é o meu lugar. Aquí debe vivir Jemmy”.

Días despois deste desembarco, o capitán Fitz Roy decidiu buscar un porto para o Beagle e iniciar a creación da colonia evanxélica e civilizadora. Navegamos para atopar un lugar ideal para aquel proxecto. O capitán logrou dirixir o barco cara a un porto seguro para iniciar naquela mesma contorna o seu plan. O lugar era coñecido polos aboríxes como Voollya, unha baía da illa Navarino.

               Poucas horas despois, o capitán deu instrucións para comezar a construír cabanas e un xardín. Jemmy axudoume a buscar algunhas plantas estrañas porque sabía do meu interese en investigar plantas e animais, sobre todo, por descubrir as leis biolóxicas das súas mutacións e transformacións”. 
 
Imaxino que non debeu ser doado acceder a un lugar ocupado por aborixes tan interesados polos recursos que transportabades no barco, como acabas de relatar...
               “Evidentemente. O proxecto daquela nova colonia en territorio salvaxe entrañaba grandes riscos. Por tal motivo, Fitz Roy cercou a obra cunha corda para evitar a entrada de salvaxes. Aínda así, houbo varios altercados, pero ningún tan violento como aquel no que o reverendo Matthews foi golpeado por un salvaxe forte, deixándoo case morto. A partir de entón, os roubos e enfrontamentos na colonia foron constantes. A pesar de todos aqueles perigos, Fitz Roy estaba decidido a que aquela colonia tiña que funcionar porque así se comprometera de forma persoal. Presentara a Fuegia á raíña de Inglaterra, que se interesara polo proxecto aportando fondos e doazóns. A Igrexa Anglicana mostrárase entusiasmada coa creación desa colonia, nomeando para a misión un pastor, o reverendo Matthews. E Fitz Roy sabía que tería que explicarse do seu compromiso cando volvese a Inglaterra”.
 
E tí estiveches colaborando de forma física na construción da colonia?
               “Non, non. Mentres se construían as cabanas na misión Voollya, o capitán, eu e os membros da tripulación continuamos inspeccionando as montañas próximas. Cando nos afastabamos da baía onde se construía a colonia, observamos unha montaña moi alta diante nosa. Fitz Roy detívose a contemplala e apuntándoa coa man dereita dixo en voz alta: “Señores, preséntovos... o Monte Darwin”. Parabéns, señor Charles. Agora o seu nome aparecerá en todos os mapas da Terra do Fogo. 
               En realidade, aquela é a montaña máis alta da zona, superando os dous mil catrocentos metros de altura. Días despois dei o nome de Fitz Roy a outra montaña situada entre Arxentina e Chile, de máis de tres mil catrocentos metros de altura. Considerei xusto que o nome do capitán tivese que ser inmortalizado na Patagonia”.  
 
Gran detalle do capitán ao inmortalizarte nese monte andino que observamos desde aquí dominando o canal Beagle, e posterior gratitude a túa ao proclamar co nome de Fitz Roy a montaña da Patagonia entre Chile e Arxentina.
               “Aquela afouteza de ambos demostraba innegablemente a nosa sintonía e complicidade. 
               Cando despois de catro días de levantamento volvemos á colonia, vimos como algunhas canoas das tribos se afastaban da colonia. Iso preocupou ao capitán. O reverendo Matthews saíu impresionado a saudarnos. Tras el saíron os tres foguinos con cara de medo. 

Matthews comezou a relatarnos os problemas aos que se enfrontaron na colonia durante a nosa ausencia:

“O primeiro día da vosa saída ao relevantamento das montañas todo estivo en calma. Pero ao día seguinte chegaron unhas trinta persoas en canoas; logo, seguían chegando máis canoas e congregouse unha gran cantidade de salvaxes ao redor da colonia como para dar un asalto. Aqueles salvaxes entraron nas cabanas levándose todo o que atopaban. Aos tres foguinos increpábanos chamándolles “traidores, amigos dos brancos”, á vez que lles gritaban que lle comerían o corazón.

Ao día seguinte, un daqueles salvaxes empuxou a Jemmy tirándoo ao chan, saíndo na súa defensa Matthews, ao que dous forzudos salvaxes o ameazaron con comerlle o corazón. Aqueles indíxenas chegaran á conclusión de que os ingleses nos marcharamos e non regresariamos, por iso levaron todo o que había na cabana”.

Naquela situación de tanta inseguridade e violencia, que pensaba facer Fitz Roy cos tres foguinos e co pastor Matthews? -pregunteille a Charles. Comenteille que deixalos alí á fronte da colonia parecía unha gran temeridade.

 -“O capitán, mentres miraba aos tres foguinos, díxonos: “Xa ven a situación da colonia. Que siga adiante ou se converta nun proxecto frustrado depende dos nosos amigos -Jemmy, Fugia e York Minster. Vós que queredes facer? Desexais volver ao Beagle e regresar a Inglaterra ou preferides quedarvos aquí?”

-“Fuegia e mais eu quedaremos aquí. Ela será a miña muller”- dixo York. Fuegia fixo un xesto de aprobación.

-“E ti Jemmy?” -preguntou o capitán. -“Quedarei aquí. Este é o meu lugar” -contestou Jemmy.

-“Pero non che asusta quedarte entre esta xente tan agresiva, que nin a túa propia familia te vai defender?” -replicou o capitán.

-“O único medo de Jemmy é que teña que deixar de ser Jemmy -dixo o foguino con tristeza. Esta parte de Jemmy que lle gusta vestirse con luvas e galera, así como pasear en carruaxe por Londres terá que pasar ao esquecemento”.

-“Iso non é así -replicou o capitán-, porque non significa que debas esquecer esta colonia. Os tres debedes seguir adiante coa horta e refacer as cabanas. Pero se para sobrevivir aquí e refacer a túa vida debes de ser o Jemmy que es, todos o comprendemos e desexámosche o mellor”.

            -“Farei o esforzo para continuar a nosa colonia, capitán”.

-“Fitz Roy deu por finalizada a conversación e díxolles aos foguinos que volvería dentro de tres días con ferramentas e sementes para a colonia. Con todo sabía que aquel proxecto era un gran fracaso”.

-“Estiven mal en facerlle isto aos tres foguinos -dixo o capitán unha vez afastados daqueles tres adolescentes. Saqueinos do seu mundo e cargueinos coa responsabilidade de levar adiante algo que eles nunca quixeron. Agora non son de aquí nin de alí. Arruineinos”.

Ante aquela confesión de Fitz Roy, eu intentei reflexionar ante Charles sobre os dilemas que aparecen na educación e os enfoques aportados desde as illas británicas e desde o continente europeo. Nunha etapa anterior á de Darwin, o século XVIII -denominado século da Ilustración-, Rousseau planificou a educación da persoa desde a infancia ata a maioría de idade. Nese proxecto educativo, explicado na súa novela Emilio, amosou o problema central da educación, que consiste na contradición entre o ser humano natural e a necesidade social por altruísmo. Na súa opinión, as institucións sociais son aquelas que mellor poden desnaturalizar ao ser humano, transformando a súa existencia desde unha existencia absoluta a unha existencia relativa, transportando o ego persoal á unidade común da sociedade.

Non obstante, transmitínlle a Chareles que Fitz Roy debía entender mellor ao seu paisano John Locke que ao suízo Rousseau, pois Locke consideraba que “a educación é o único capaz de formar á persoa, provocando diferenzas sociais” (J. Locke: Pensamentos sobre a educación). E, en consecuencia, aqueles tres foguinos tiñan que educarse en Londres para distinguirse das súas tribos bárbaras e salvaxes, ás que os tres tiñan que educar na cultura inglesa para progresar.

Logo desta reflexión,  pregunteille: E ti, Charles, compartías naquel momento a opinión do capitán? Non cres que foi demasiado iluso e utópico con aquel proxecto?

-“Absolutamente. Con todo, coñecendo o seu optimismo e a súa boa vontade, díxenlle: “Non comparto as súas opinións, capitán. York e Fuegia adaptaranse á súa vida e terán unha familia. E Jemmy é un mozo moi intelixente, así que estou seguro que sempre lle agradecerá a vostede coñecer o mundo”.

 Esa foi a despedida definitiva da colonia e dos tres foguinos? -pregunteille a Charles.

 -“Así foi. Despedímonos de Jemmy, de Fuegia e de York desexándolles éxito á fronte daquel utópico proxecto. Logo, fomos ao Beagle para navegar cara a novas relevacións de montañas pola Patagonia. Con todo, antes de iniciar a viaxe, o capitán aínda quixo volver despedirse daqueles foguinos que anos atrás secuestrara. E contounos que volvía ser optimista co futuro da colonia porque os aborixes salvaxes non volveran por Voollya. Fuegia, York e Jemmy estaban a traballar na horta, arranxaran as cabanas destruídas e parecían ilusionados en crear unha illa de civilización en terreo inhóspito. O único que lle parecía un mal signo ao capitán era que xa os tres non usaban roupa europea, senón peles como os demais foguinos salvaxes.

Cando o Beagle navegaba mar adentro rumbo a outros territorios, Jemmy baixou á praia, acendeu unha fogueira da que o fume subiu en espirais para brindarnos unha longa despedida.”

Que esperabas do futuro daquela colonia? Cumpriríanse as expectativas do capitán Fitz Roy?

            -“A perfecta igualdade que reina entre os individuos das tribos foguinas debe forzosamente atrasar por longo tempo o desenvolvemento da civilización. E creo que nesta parte extrema de Sudamerica é onde o home se acha nun estado de progreso máis baixo que en ningures do mundo”.

Charles parecía desconfiar do éxito  inmediato que auguraba Fitz Roy, e con estas últimas palabras predicía o que pasaría no futuro .


Outros artigos de Avelino Muleiro:

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (II)”. Darwin, os foguinos e o espectáculo da Natureza”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Viaxando -no metaverso- con Charles Darwin pola Patagonia, (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (II). A soidade psicolóxica “

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Maldita soidade (I). A soidade na filosofía “”

Artigo: “Avelino Muleiro: “Perdón, rancor e cicatrices””

Artigo: “Avelino Muleiro: “A mentira como ascensión do nihilismo””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…””

Artigo: “Avelino Muleiro: “O erro categorial nas Ciencias Sociais (II) A orixe filosófica do fetichismo das ideas””

Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.