Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.

AVANTAR ACTIVIDADES

Acaban de imprimirse os derradeiros poemas do poeta Manolo Vilanova. O Instituto de Estudios Carballiñeses é o editor dos vinte e oito poemas que deixou no seu ordenador o gran poeta de Barbantes antes de que definitivamente se “perdesen os seus suspiros no vento”. Eu sabía que existían eses poemas por compartir con el moitas horas de tertulia, paseos e retransmisións deportivas, satinadas case sempre coa faísca da súa ironía, perspicacia e clarividencia. 74 saudades para ascender aos ceos foi a súa última publicación, póstuma porque se editou en 2019, ano do seu deceso. Pero non entraron nese poemario uns poemas que estaban extraviados nalgunha carpeta do ordenador que Manolo utilizaba para gardar os seus documentos. A súa esposa, Conchita Diz, e os seus fillos puideron localizar, despois dun profundo varrido no computador, eses vinte e oito poemas que parecen xa os derradeiros. E coa súa autorización o Instituto de Estudios Carballiñeses, do que formaba parte Vilanova, quere ofrecer a edición da súa obra póstuma aos seus socios, amigos e persoas que seguían con admiración e cariño a poesía deste gran poeta galego.

Poemas Filosóficos

Poemas filosóficos

Cada poema deste libro póstumo reflicte a engrenaxe implacable da existencia humana coa morte. Esa morte que Vilanova presaxia personalizándoa nunha linguaxe directa e descarnada como resultado dunhas vivencias emerxentes que con toda a crueza da situación estouran en erupción volcánica nunha alma plenamente abatida: “A lingua que convén aos poemas, Antonio das Mortes, ás veces a convertes en fogo desbocado” (poema 22). O poeta albisca o desenlace da súa situación mergullándose no máis profundo do visible para tratar de penetrar o enigmático e inescrutable invisible: “Contemplarei a miña vida. O meu corazón agotarase de melancolía, de medo e de vergoña” (poema 14). Cada poema, cada verso, é a resposta do poeta ao eco distante dunha voz que examina a súa propia vida: “Alí pousarán as miñas cousas como axustadas. Contemplarei a miña vida” (poema 14).

Comprobamos, pois, como a poesía mostra a fraxilidade da vida sen necesidade de conceptualizar. Así o detectamos neste poemario cargado de gravidade existencial e concibido no horizonte dunha inminente e ineludible extinción: “O meu pensamento é triste, non hai moito falaba, cantaba e estaba todo o día rindo” (poema 1). Apropiándose da finitude ontolóxica heideggeriana do ser humano como Sein zum Tode (ser para perecer), Vilanova versifica cruamente a propia vivencia ante dito transo.

Derradeiros poemas é a confesión testamentaria de Manuel Vilanova na que en clave metafísica entrega aos lectores a súa historia vital e nunha donación elexíaca reparte o seu legado. Son poemas de despedida, pero de aceptación estoica, con esperanza de trascendencia nunha emancipadora “luz da Aurora”. Esa conciencia tráxica da morte arrastra ao poeta á exaltación do amor como catarse da dignidade humana; amor ao seu paradisíaco Barbantes: “En Barbantes os meus horizontes están detidos” (poema 14); amor á protagonista do seu Banco na Gran Vía: “Hoxe o pensamento é triste, saes moito do banco da Gran Vía…” -dedicado á súa esposa- (poema 20); lembranza dos amigos: “Daremos honra aos vellos amigos dos que tanto aprendimos e tanto amamos…” (poema 21); apego cariñoso ao Miño: “No Miño toda riqueza se mellora…” (poema 28); doce tenrura aos poboadores da terra: “Volverán a cigarra e a derradeira abella… volverán emboscarse nos camiños” (poema 19); e unha entrañable paixón pola terra á que de modo inexorable vai devolver o seu corpo de maneira inminente: “A tarde da noite daquel día hei morrer… esperei para ser forma en contacto coa terra” (poema 5).

Derradeiros poemas é a última obra, a máis breve, é sen ningunha dúbida a máis filosófica e recóndita do noso poeta amigo. Eu sei que a el lle gustaba con entusiasmo a filosofía, que coñecía perfectamente e sobre a que debatiamos con frecuencia. Na tertulia na que participamos máis de cinco anos sempre introducía algún elemento filosófico nos debates tratando de refutar as propostas do avogado e político (Ventura Pérez Mariño), do economista e tamén político (Víctor Moro), do enxeñeiro e empresario (Gerardo Soaje) e do funcionario (José Ramón Rodríguez Sabugo). A Emilio Bonome e mais a min sempre nos tiña de aliados.

De esquerda a dereita: José Ramón R. Sabugo, Gerardo Soaje, Emilio G. Bonome, Víctor Moro, Manolo Vilanova, Avelino Muleiro e Ventura Pérez Mariño, os sete integrantes da tertulia “O mirador”

Dicíalle moitas veces, para crear debate, que o gran filósofo Platón criticaba aos poetas na República, onde escribe que “os poetas que proliferan na súa época non eran creativos, senón imitadores, e en vez de exaltar as virtudes, enxalzaban os vicios. Por iso tiñan que ser expulsados da República para non ser mal exemplo á xuventude”. Pero de seguido eu completáballe a teoría platónica, para crecerse, explicándolle que o mestre de Aristóteles admiraba e defendía aos bos poetas, creativos e defensores das virtudes -como era el-: “Se os poetas son grandes persoas que demostran coas súas palabras ou cos seus actos valor e firmeza, será preciso fixar neles a mirada e escoitar os seus versos… renderémoslles homenaxes como seres sacros, marabillosos e encantadores” (República, libro III). E quero repetirlle agora mesmo, aínda que non me escoite, esas últimas palabras tan afectuosas que Platón dedicou aos grandes poetas, entre os que merece un lugar de privilexio Manolo Vilanova.

O poeta e amigo

A valía de Manolo Vilanova como poeta está fóra de discusión. Manuel Forcadela, profesor na universidade de Vigo e excelente poeta, utiliza estas palabras no prólogo desta edición para referirse e describir a Vilanova:

“Manolo foi un escritor descomunal e un poeta de torrente continuado. Os seus quince libros de poemas merecerían, un por un, un lugar destacado en calquera das tradicións que frecuentou, polo inusitado da súa calidade, pola súa modernidade, polo seu impulso devastador. Creo que ninguén escribiu en ningunha outra época tal cantidade de versos, e de tanto tamaño, en Galicia”.

            Eu direi que o que máis me sorprende destes dous libros, como da poesía en xeral de Vilanova, é a súa frescura, a súa vitalidade, o seu afán por explorar o mundo adornándoo de metáforas incribles.

Quédome sobre todo co amigo, co que compartín momentos de alegría e de entusiamo, nas tertulias do “Mirador” e en tantas tardes de café. Sempre ameno na conversación e retranqueiro na visión política e social. Era un culé de corazón e con paixón. Desde que se foi, o Barça non levanta cabeza, porque seguramente lle falta esa enerxía que lle enviaba Manolo.

De dereita a esquerda: Gerardo Soaje, Manolo Vilanova, Emilio G. Bonome, José Ramón R. Sabugo, Víctor Moro e Avelino Muleiro, para iniciar unha sesión da tertulia “O mirador”

 74 saudades para ascender aos ceos

Sei ben da ilusión coa que Manolo compuxo este poemario. Cinco días antes de falecer, coa tenrura dun neno embelesado, mostroume a portada do libro no terminal dun teléfono móbil recén estreado. Esa tarde, coa súa esposa Conchita ao lado, ilusionábase falando das persoas que estaban implicadas na presente publicación. 

É unha obra póstuma -se ben foi preparada con delicado esmero polo autor e mesmamente impresa poucos días antes de falecer- que se presentou catro meses despois do seu pasamento. Foi un acto agarimoso e de especial entusiasmo porque na presentación do libro agochábase unha afectuosa e merecida homenaxe ao autor. Esas 74 saudades para ascender aos ceos foi daquela unha apropiada metáfora da realidade presente, unha presenza da ausencia, un fillo orfo que presenta en sociedade o léxitimo legado paterno. A presentación dun libro resulta insólito cando o autor está ausente para defendelo, pero cando esa ausencia vén condicionada polos caprichos da parca é terriblemente incrible. E xa non por non poder defender a súa obra -porque aínda estando presente o autor, o libro sería igualmente orfo xa que a presenza de calquera tipo de escrito é inevitablemente unha forma de ausencia-, senón pola pesadume, nostalxia e outras emocións que desencadean esa privación.

Un libro ofrece sempre dúas caras: a pervivencia e a ausencia. Sobrevive ao autor, pero este nunca o pode defender ante críticas e interrogantes dos lectores. O libro fala, como di Emilio Lledó, e fala aínda que non poida facelo xa a persoa que o creou (E.Lledó: El surco del tiempo). Roland Barthes, nun escrito titulado A morte do autor, explica que o acto de escribir estase reformando, pois un escrito non é máis que a reconstrución, un reescrito, e por esa razón o autor desaparece ou metaforicamente morre. Neste caso, o autor non morre metaforicamente, senón biolóxica e realmente. Barthes afirma que a idea de autor ten que ver cun xesto, coa idea de firma, de apropiarse das ideas; con todo, as ideas escritas nun papel non son propias de cada persoa, pertecen á cultura histórica en xeral. Así, para que exista o lector, a voz do autor debe desaparecer, pois o lector convértese nun axente reconstrutor. Nese mesmo sentido exprésase Michel Foucault no seu escrito Que é un autor?, ao considerar que o autor está relacionado coa idea de morte e explicando que a obra sobrevive ao autor. A pesar de todo, eu penso que os escritores nunca morren, porque cando un escritor morre, como é o caso de Manolo Vilanova, sempre regresa aos lectores.  

            E os seus amigos e lectores seguimos aquí para coidar e mimar eses textos que nos legou Manolo. E temos que lelo, interpretalo e asumilo, porque nós como lectores somos contexto tamén deses dous poemarios. Os poemarios 74 saudades para ascender aos ceos e Poemas derradeiros foron escritos e impresos, aínda que só serán recitados cando os leamos. E todos os lectores, do presente e do futuro, xa non necesitamos a Manolo Vilanova para que nos descifre o fondo de cada poema, porque esta escritura orfa -social e literariamente- vai dicir sempre o mesmo; eses poemas están privados do seu creador e atopan en si mesmos a independencia e sustento. Como sinala acertadamente o prologuista Manuel Forcadela, o discurso de Vilanova “é unha forma de reconstruír o espazo, pero sobre todo o tempo” na cidade de Ourense, en Barbantes, na Gran Vía de Vigo… Nese fluído da temporalidade, á que fai referencia e na que tanto se detén Forcadela, nada permanece e nela a mesmidade se transforma en alteridade. Porén, a mín paréceme que xorde outro camiño paralelo onde as palabras esperan outro tempo no que -tomando en préstamo as palabras do meu mestre Emilio Lledó- o lector volva mergullalas no río vivo da interpretación.

O contido e o fondo da obra

 “Fala, Musa, daquel home astuto … do que viu tantos pobos e deles o seu espírito soubo …” Así comeza a Odisea de Homero (Canto I), para relatar a historia agotadora e penosa de Ulises camiño de volta a Ítaca. Así podía empezar tamén o primeiro poema de 74 saudades para ascender aos ceos de Manolo Vilanova, substituíndo a expresión “tantos pobos” por “Ourense”, pois aquí descubrimos o canto do desandar do poeta de Barbantes á súa Ítaca particular: Ourense. “Morada certa de Amor / foi a vella cidade de Ourense”. Manolo fixo da cidade de Ourense un discurso íntimo, discurso que transformou en poesía. Nel, o poeta logra que Ourense fale aos ourensáns e estes falen a Ourense. Manolo fala á súa cidade, a cidade na que se atopou sendo neno e sendo mozo, a cidade na que andou. E fala con ela simplemente por habitala, por percorrela, por mirala. No seu maxín, Ourense era a súa Ítaca, por iso de maior volvía a ela con frecuencia; pero ultimamente desandouna na súa fantasía tratando de “deconstruíla e mirala ata que cedese os seus misterios”, como diría Alejo Carpentier.

Cando o lector ten nas mans este poemario, atópase cun universo de palabras, de proferencias, de metáforas e figuras literarias no medio do cal aparece a infancia, a adolescencia e a mocidade do autor. 74 saudades para ascender aos ceos é o relato mítico-poético dunha vida persoal, pero tamén xeracional de miles de rapaces e de mozos que viviron experiencias similares na cidade das Burgas. Por iso, o cerne do libro é un espello onde se recoñece toda unha xeración ourensá, coincidindo en espazos comúns, compartindo amizades, experiencias e relacións, alén das anécdotas persoais. É un libro escrito co corazón e a memoria, algo especialmente valioso nos tempos que corren, razón pola que Vilanova vai deixar pegada do tempo que lle tocou vivir. Emulando a Proust, vai na busca do tempo perdido evocando na súa memoria as lembranzas e os vínculos que estas crean en forma de saudades. Unha das funcións da literatura é a de textualizar as circunstancias espazo-temporais. Unhas circunstancias que autorizan ao poeta dar conta estética e ficcional dun fragmento da realidade, permitíndolle volver facer presentes aquelas historias extraviadas no decorrer dos anos.

            Este poemario non é un relato lóxico, unha crónica descritiva con datos verificables intersubxectivamente, que de selo sería doado de comprobalos, senón que se presenta como un bosque de vivencias persoais que, sendo difíciles de obxectivar e describir, poden atisbarse e intuirse revisando o curriculum vital de Manolo. Non busque, pois, o lector neste libro unha crónica histórica e social de Ourense dos anos cincuenta e sesenta. Aquí non se poden facer valoracións epistemolóxicas con criterios de verdade e falsidade. Aquí cómpre mergullarse naquel tipo de linguaxe que Wittgenstein bautizou como “místico” para asuntos metafísicos, éticos, relixiosos e poéticos. “Hai, certamente, o inexpresable, o que se mostra a si mesmo; isto é a mística” (aforismo 6.45 do Tractatus). Esa mística que aparece na linguaxe non descritiva, que serve como escaleira para a través dela, subindo por ela, nos sitúa fóra dos fenómenos do mundo pero que lle dá sentido ao mundo. Filósofos como Heidegger, a quen Forcadela cita no prólogo, mantén a teoría de que “a afinidade esencial entre a poesía e o pensar, lonxe de excluír a diferenza, dálle orixe, pola contra, dunha maneira abismal” (Heidegger: Qué significa pensar?). “Precisamente porque o pensar non fai poesía, sendo en cambio un dicir e falar primixenio da linguaxe, ha de permanecer na proximidade da poesía” (Heidegger: Qué significa pensar).

A obra

Vilanova compuxo máis de 1.300 poemas en galego e castelán, recollidos nos seguintes libros: Mejor el fuego (1972), El cazador de días (1977), A tarde chea de verán (1979), E direivos eu do mister das cobras (1980), A lenda das árbores de prata (1985, Premio da Crítica de Galicia), Casa para los ojos (1988), El quinto caliz (1997), El corazón del pan (2002), A esmeralda branca (2006, Premio Nacional de la Crítica Española), Antonio das Mortes e a Muller verde (2010), Nin sequera no ceu (2011), Querido valle de lágrimas (2014), Un banco na Gran Vía (2016), Tres cantigas a Dionisio (2016, con gravados de Juan Carlos Ramos Dionis), A substancia das horas (2017), 74 saudades para ascender aos ceos (2019) e Derradeiros poemas (2022).

            Foi toda unha honra telo como socio do Instituto de Estudos Carballiñeses, como amigo e ser recoñecido como un dos grandes poetas de Galicia.

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.