O Auditorio Manuel María do Carballiño convértese nesta longa fin de semana festiva no epicentro cultural da comarca con dúas xornadas musicais e unha terceira adicada á maxia. Concretamente, mañá, día 6, dende as 7 da tarde, a Coral Casino do Carballiño e a Banda de Música de Vilatuxe compartirán escenario e partituras para ofrecer unha escolma de panxoliñas e de cancións populares galegas. Na xornada do sábado, día 7, será a quenda do pianista carballiñés Alfonso Medela, que na compaña de L.A.R. Legido na batería e Óscar Rodríguez no baixo, interpretarán, dende as 8 da tarde, un variado programa de jazz, blues, bossanova e estilos latinos, deixando sempre lugar á improvisación.
E o domingo, día 8, tamén dentro da programación do ‘Nadal Cultural’ elaborado polo Concello do Carballiño, terá lugar no Auditorio, ás 6 da tarde, o espectáculo de maxia “Rock&Magic”, que correrá a cargo do Mago Teto, e cun custe de 3,50€ por entrada. Na presentación desta actividade, o concelleiro de Cultura, Diego Fernández, destacou o vencellamento deste artista co Carballiño, “un dos referentes da maxia en Galicia nos últimos anos e que vén cun espectáculo de gran formato para o público familiar e que tenta buscar esa simbiose entre a música e maxia”. O edil engadiu que “é unha excelente oportunidade no remate da ponte festiva para vir á nosa vila, degustar o pulpo e despois asistir a esta función de maxia”.
Pola súa banda, o Mago Teto lembrou que “este é un espectáculo que se estrenou hai dous anos e no que por fin, despois de 30 anos, conseguón xuntar as miñas dúas paixóns, que son a música, rock neste caso, e a maxia”. Por elo, non estará só no escenario, xa que estará acompañado por unha banda composta por un baterista e un guitarrista, cunha escenografía que rememora a estética dos concertos dos anos 80, e que ilusionará tanto a cativos como aos adultos.