Avelino Muleiro: “Mi Buenos Aires querido…”

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

AVANTAR ACTIVIDADES

             Dedicado a Miguel Sarrabayrouse e a Sylver Sartori, amigos irrepetibles

Despois duns anos de dilatada ausencia na capital da República Arxentina, as pasadas semanas tiven a enorme fortuna de poder cumprir a ilusión de pisar de novo a cidade de Bos Aires. E, abofé, que me entusiasmou o regreso. Tanto foi así que me deixei levar pola tentación de roubarlle a Gardel o seu sorriso do Tortoni e usurparlle do memorable tango Mi Buenos Aires querido aquel acaído verso: “Hoy, que la suerte quiere que te vuelva a ver”.    

             Con Alfonsina Storni, Gardel e Borges no café Tortoni

Desde Ezeiza, circulando pola autoestrada Riccheri, que desemboca na autoestrada 25 de Maio, entrei directamente na cidade polo centro percorrendo a Avda 9 de xullo. O nome desta colosal avenida (a máis ancha do mundo, de 140 metros de ancho, con 22 carrís) simboliza a lembranza daquel 9 de xullo de 1816 no que se firmou na cidade de San Miguel de Tucumán a Acta da Independencia das Provincias Unidas do Río da Prata de Arxentina coa monarquía española. É unha mega arteria central da cidade porteña presidida polo obelisco, desangrando polas súas veas verticais a historia nacional con nomes dos presidentes da posindependencia: Bartolomé Rivadavia, Juan Domingo Perón, Bartolomé Mitre, Hipólito Yrigoyen, Domingo Faustino Sarmiento… Mentres, cun deseño paralelo á arteria central, a capital se enerva de rúas cos nomes dalgunhas cidades arxentinas tan importantes como Lima, Salta, San José, Santiago del Estero, Suipacha, Maipú, Florida… Toda a cidade está ateigada de rúas e prazas con nomes de figuras expresivas cargadas de historia: libertadores (San Martín, Simón Bolívar, Manuel Belgrano); políticos (Nicolás Avellaneda, Leandro N. Alem); movementos independentistas (Praza de Maio, Praza San Martín); escritores (Jorge Luis Borges, Victoria Ocampo).

            A acollida inicial coa que de forma tan hospitalaria me recibiu o matrimonio Miguel Sarrabayrouse-Sylver Sartori, amigos irrepetibles -que sublimaron a nosa amizade á categoría de familia-, preconizaba uns días fantásticos nos que quedarían gravadas vivencias compartidas, marabillosas e indelebles.

                       Con Miguel e Silvana no Happening da Costanera

         Nos primeiros contactos coa realidade social porteña, decateime enseguida de que na cidade xurdiran nos últimos tempos novos problemas e necesidades, así como de que irromperan novos medos e nostalxias na cidadanía. A economía e a seguridade lideraban os graves problemas, pendentes actualmente de solución. As eleccións á presidencia da Nación marcaban o debate político nos medios de comunicación e encendía as opinións dos cidadáns. Para estes sectores sociais, a esperanza nos políticos parecía cuarteada por graves dúbidas sobre as súas promesas. E así, nunha sociedade en aberto conflito perpetuando o antagonismo social, tan anestesiada pola apatía e a dispepsia coa clase política, augurábase un alto grao de abstención nas eleccións á presidencia. E vencese quen vencese o 22 de outubro, a reluctancia da cidadanía a cumprir unhas presaxiadas, pero necesarias, normas de duro control inflacionario exhalaba aromas de acre oposición nas discusións na rúa.

As promesas dos candidatos provocaban de forma espontánea indignación e escepticismo, suscitando nos porteños tal estado de confusión que, sen solución de continuidade, transitaban emocionalmente desde a ilusión das promesas na campaña electoral ao desengano previsible no que intuían caer despois dos resultados electorais definitivos. Por tal razón, unha sociedade de consumo, acelerada, non pensante, ateigada de estoicos sen sabelo, semellaba quedarse sen pulso por máis que xa estaban habituados a pasar por situacións similares no pasado. E utilizaban como argumento da súa esperanza a constatación de que sempre saíron adiante. De aí a actitude de moitos porteños por fuxir das súas penas cara ao futuro. Nun marco de cándidas expectativas, imaxinan no correr do tempo unha liña máis alá da cal as súas penas actuáis deixarán de existir.

Pobreza na riqueza

Bos Aires aparece no imaxinario popular, especialmente no dos galegos,  como a acreditada e prestixiosa capital de Arxentina con categoría de cidade global alfa, pero que na realidade pivota sobre fráxiles sustentáculos basilares. É unha cidade onde o tempo se fai historia e a política devén en devastación. Bos Aires reproduce sociopoliticamente a auténtica metáfora de Jekyll e Hyde. É a cidade moderna, con inmensas posibilidades naturais e tecnolóxicas para os porteños, pero cando aparece a política sobando a súa eudérmica e sensible pel, ese inmenso patrimonio esmorece pouco a pouco abríndolle a porta de par en par á pobreza e á miseria.  

A pesar dese inexplicable dislate, considero que a cidadanía porteña, como o resto dos cidadáns arxentinos, tómanse a economía nun sentido máis estético que ético.  Saben que os dólares voan aos EEUU desde os departamentos gobernamentais e desde as sedes políticas deixando as arcas do Banco Nacional totalmente esquilmadas. Pero seguen votando á corrupción, porque, posiblemente, pretenden exportar ao mundo o modelo político da Evita dos descamisados. Nese panorama de xeral desconfianza na política entrou con brío, e con excesiva confianza, ese deconstrucionista estrafalario, crítico coa política da casta, Javier Milei, que se gababa de ter os apoios suficientes para presidir o Goberno arxentino desde o que pensaba cambiar o destino da historia arxentina. Milei é un economista que fundou no ano 2021 o partido político La Libertad Avanza (LLA). Con só dous anos de actividade, este partido revolucionou o taboeiro político de Arxentina. As súas propostas de dolarizar a moeda, eliminar o Banco Nacional e baixar os impostos parecía estar captando a atención e simpatía dos arxentinos. Nas súas últimas intervencións da campaña electoral animou aos arxentinos a retirar os fondos e as contas dos bancos dada a acelerada perda de valor do diñeiro. Tales manifestacións provocaron unha denuncia de Alberto Fernández, actual presidente do Goberno, por consideralas un acto terrorista. O próximo 19 de novembro verase se Milei é quen de erradicar en Arxentina oitenta anos de peronismo inexpugnable.

Cidade de contrastes

Bos Aires segue sendo a cidade dos grandes contrastes. De rúas enormes, como a gran avenida Rivadavia -con máis de 35 quilómetros- e da máis curta -con só 20 metros-, a de Emilio Pettoruti, no barrio Recoleta. Sorprende a disparidade dos barrios máis elegantes, refinados e ricos como o de Recoleta, Palermo chico e Puerto Madero, co dos máis pobres, perigosos e deprimidos como as máis de corenta vilas de emerxencia ou vilas miseria onde convive a inseguridade coa violencia. Presume de monumentos colosais e fantásticos como o empinado e orgulloso Obelisco (ubicado no 9 de Julio-Corrientes) e tamén de monumentos pequenos, entrañables e sobrios como o de Mafalda (no barrio de San Telmo).

Do mesmo xeito te podes atopar na rúa Florida cunha mina que che ofrece compañía se vas só, así como con todo tipo de persoas -nenos, mozos, vellos, homes, mulleres, etnias orientais…- que che solicitan uns pesos para comida ou coidado familiar. Pasma tropezar nas rúas máis céntricas e visitadas con nómades de expresión cándida e humilde, pero cun lastre de miseria e de fracaso que se adiviña na contracción dos seus rostros. E cando reparas neles prodúcese de forma indeliberada unha mestura de compaixón, pavor e certa melancolía tráxica. Bos Aires é así. Así resiste e así sobreviven e perviven os porteños. E “non lle toques máis, que a rosa (Bos Aires) é así”.  

Sei que debería describir con mellor detalle múltiples anécdotas e vivencias, pero sempre faltan palabras onde sobran sentimentos.

Os galegos porteños

A pesar de tantos contrastes e contradicións internas que se acumulan na gran cidade, a quen regresa a Arxentina blindado polas emocións e sometido ás lembranzas dun pasado próximo ateigado de encontros familiares indelebles e de vivencias inesquecibles con amigos, aínda lle queda a ilusión de mergullarse plenamente nesa marabillosa urbe para sentir o feitizo seductor da existencial e patolóxica melancolía dos seus tangos e para compartir os latexos e crebacabezas da súa xente. Moitos deses familiares e amigos foron secuestrados sen retorno pola parca nos últimos anos. Nese secuestro desapareceron familiares, amigos, veciños emigrados da comarca do Carballiño que adoitaban frecuentar o Club Carballiño -en Vicente López-, María Martha Serra Lima, a gran cantante e actriz que me presentara o meu amigo Miguel Sarrabayrouse no Viejo Almacén… Faltan xa tantos!  Tantos!

O espazo baleiro que deixaron na cidade os raptados pola parca -unha gran maioría deles repousa na Chacarita- ocupouno Heba, a deusa da xuventude, que entrou escoltada nese territorio porteño por un exército inxente de mozas e mozos, case todos escépticos e temerosos do seu futuro. Entre esa xuventude atópase a mocidade galega de terceira e cuarta xeración que, logo dun profundo zafarrancho de limpeza histórica e cultural, amoblou cada zona do seu escenario antropolóxico e familiar de rexuvenecedores adobíos e de modernos ornatos cos que foron substituíndo aos das vítimas da parca. A historia dos seus ancestros, o vocabulario dos seus proxenitores, as relacións emotivas coas amizades da súa familia de Galicia e todo un amplo catálogo de conduta social desta xuventude galegoporteña quedaron sepultados ao lado dos seus donantes. A gran maioría dela descoñece o lugar de orixe dos seus antepasados, ignora os seus costumes e desenténdese de seguir en contacto cos seus familiares residente en Galicia.

Ben é certo que a todos lles gustaría coñecer a terra dos seus devanceiros e mesmo residir nela. A proba está en que un número bastante elevado desa xuventude suspira por rematar os estudos e poder viaxar a Galicia para instalarse nela, traballar en España ou en calquera país europeo; é unha iniciativa que as súas familias secundan e incluso os  estimulan a emigrar.

O trauma político

            Se de algo substancial están saturados os porteños é da política. Mellor dito, dos políticos. Sobre eles caen as críticas á economía, á seguridade, á xustiza, ao ensino… A cidadanía porteña critica a incapacidade dos peronistas (Borges dicía deles: “No son ni buenos ni malos, son incorregibles”) e dos macristas para frear unha inflación que se achega ao 140% interanual, poñendo ao país ao borde da bancarrota. Nestes momentos, as maiores críticas apuntan ao peronismo, na súa versión kirchnerista, onde as figuras de Cristina e Máximo, nai e fillo de apelido Kirchner, reciben as censuras máis duras da sociedade. Os seus exorbitantes negocios, espurios e fraudulentos, considéranse unha das causas trascendentais da inflación arxentina. O espolio de dólares evadidos por esa familia a outros países calcúlase en miles de millóns. Pero, en contra dos datos de opinión que marca o barómetro social, o populismo peronista kirchnerista vence de novo nas elección do pasado 22 de outubro superando ao libertario neoliberal Javier Milei, co que competirá na balotaxe definitiva do 19 de novembro, e expulsando desa balotaxe á macrista de Juntos por el Cambio (JxC), Patricia Bullrich. O xigantesco paraugas de subvencións co que os gobernos peronistas protexen ás clases máis desprotexidas transfórmase en votos electorais. En cambio, esa subvención inhibe o emprego, empobrece a Nación e, consecuentemente, predispón á inseguridade cidadá e incrementa a inflación. Os habitantes das vilas miseria, os migrantes de países sudamericanos próximos a Arxentina, os desempregados…votan ao peronismo porque saben que con ese goberno seguirán recibindo subvencións; e por iso, revestidos dun servil simulacro ético e dunha aduladora e cínica lealdade estética, consideran que de todos os defectos, o máis detestable é a ingratitude. E co seu voto pretenden restablecer a gratitude como virtude.

            O próximo 19 deste mes celébranse as eleccións definitivas para presidente de goberno. As estratexias políticas comezaron a mover ficha no taboeiro do neoliberal Milei, que logrou pactar estes últimos días coa derrotada Patricia Bullrich e co expresidente Macri, ambos do partido JXC. Un apoio imprescindible para poder vencer ao peronista Massa. Serán capaces de superar as súas bases sociais ás bases multisubvencionadas do kirchnerismo peronista? Parece difícil… Pero de selo, ábrense tantas incógnitas dun goberno Milei que a sociedade porteña empeza a tremer.

             Do que non hai ningunha dúbida é de que ese país, castigado de forma tan brutal por unha inflación que se eleva cada vez máis alto, debe contar de que máis pronto que tarde, de seguir con esas políticas inflacionarias, quedará enmudecido pola vertixe económica e social. E Bos Aires é a cidade na que posiblemente maior repercusión teña a inflación. Nos últimos decenios, a economía arxentina flota constante e estoicamente non sobre unha inflación circunstancial e esporádica, senón sobre unha estúpida, crónica e imparable inflación metafísica. O castigo implacable que pesa sobre Bos Aires, e en xeral sobre toda a Nación, vai unido e fusionado coa maldición de Sísifo. Cando parece que a economía se estabiliza e avanza un pouco, rexorde esa reiterada e circular inflación aos pés dos cidadáns para obrigalos a subir de novo ao cumio dos recursos familiares cargando cos estigmas da miseria e do sacrificio.

            Se o 41.4 % da poboación porteña está na pobreza e o Goberno arxentino non a desteta das subvencións xeneralizadas que lles aporta a todas esas familias, parece evidente que os votos electorais desa xente caen na lista gobernamental, que neste caso é a do peronismo kirchnerista. Esa dinámica afecta por igual a toda a poboación arxentina, onde a pobreza está no 40.1 %. Así se explican os oitenta anos de perpetuación peronista nunha Arxentina á que o expresidente uruguaio Mujica definiu como “un ser sobrenatural”. Porque, en efecto, Arxentina é outra cousa. “Non é un país. É unha trampa. A trampa é crer que pode cambiar”, explica Federico Luppi na película Martín (Hache), de Adolfo Aristarain. 

            Cunha taxa de subvencionados tan desproporcionada, que ademáis se desentenden de conseguir un traballo, a economía merma considerablemente, e gran parte da súa exigua produción fíltrase por esa drenaxe da capa social máis pobre. Cunha arquitectura económica e social así, explícanse os máis de catro centos seis mil millóns de dólares de débeda pública e o débito ao FMI de máis de corenta mil millóns. Non sorprende, por ende, que aquela masiva e salvífica emigración, sobre todo galega, das primeiras décadas do pasado século XX á Arxentina se troque en éxodo arxentino a Galicia e a España no século XXI.

            Para practicar unha terapia eficaz contra ese trauma existencial e colectivo non parecen competentes os psicólogos -eses profesionais que proliferan na Arxentina-, senón que haberá que acudir aos parapsicólogos, aos máis acreditados taumaturgos, aos exorcistas con mellor curriculo e mesmo celebrar un extraordinario aquelarre nacional no que a responsabilidade da liturxia quede a cargo das nosas bruxas galegas.

Cultura porteña

Diversos circuítos de espazos culturais aderezan os barrios e enfeitan as prazas da gran cidade, como son a “Feria de mataderos” -todos os domingos-, que é un espazo aberto de difusión cultural bonaerense (música, artesanía, gastronomía, teatro…); “Carlos Gardel”, “Buenosayres”, “Julián Centeya”… que son os grandes promotores da cultura de barrio. É extraordinariamente importante a rede de 31 bibliotecas públicas, nas que se poden solicitar ata tres libros durante un mes ou utilizar os seus espazos para lectura ou estudo.

Repasar a cultura de Bos Aires significa introducirse nun universo de ilusión fata morgana que disuade ao visitante de se deter na auténtica realidade sociolóxica. A sociedade bonaerense non é digna da cultura que atesoura nos amplos espazos da súa musculosa anatomía urbanística. Hai que gozar da súa cultura coa visión dunha nova dimensión antropolóxica. Entrar na súa plataforma cultural supón impregnarse dunha estética terapéutica e redentora que permite olvidarse dos inmensos problemas que ameazan á sociedade porteña cun alto risco de colapso social.

Hai cultura da Natureza en amplos recintos, como acaece no Xardín xaponés, onde a flora e a fauna están coidadas con esmero e paixón. Así mesmo, onde especialmente refulxe a cultura é nos grandes museos, entre os que destaco o museo Malba (Museo de arte latinoamericano de Bos Aires), coa magnífica colección de Eduardo Constantini, que tiven o privilexio de visitar. O Museo Nacional de Belas Artes, na avda. Libertador, onde se acugulan pinturas, esculturas e gravados. O Museo de Arte moderno, no barrio de San Telmo, que tamén visitei, con numerosas salas e múltiples exposición simultáneas.

E que dicir das bibliotecas e librerías. No barrio de Recoleta están as dúas bibliotecas máis importantes de Bos Aires: o Ateneo Grand Splendid, de fama mundial, na avenida Santa Fe -que visitei e onde merquei un libro sobre Darwin- e a Biblioteca Nacional Mariano Moreno, na rúa Agüero. Esta biblioteca recibiu o ano pasado desde Montreal a biblioteca persoal de Mario Bunge, unha biblioteca que a punto estiven de traela para Galicia. Con todo, a máis antiga da cidade é a Ávila -na rúa Alsina-, que comezou a finais do século XVIII como librería do colexio San Carlos.

Importantísima cultura resplandece nos teatros, dos que o indiscutible número un é o teatro Colón, na rúa Cerrito, próximo ao Obelisco. Próximo ao Obelisco está tamén o teatro Lola Membrives, en Corrientes. Tampouco nos podemos esquecer do Teatro Nacional Cervantes, na rúa Libertad, e do Teatro Nacional San Martín, en Avda. Corrientes.

Novas esperanzas

Silencio, ese tango tráxico de Gardel -apropiada metáfora da depresión social na que se atopa actualmente Arxentina -, anuncia non obstante unha profecía optimista que abre unha raiola de ilusión no futuro logo desta crise brutal que pon en perigo a convivencia e a viabilidade económica da República Arxentina.   

Silencio en la noche / ya todo está en calmaUn clarín se oye / peligra la patria / y al grito de guerra / los hombres se matan…  

Hoy todo ha pasadoUn himno a la vida

Un coro lejano / de madres que cantan / mecen en sus cunas / nuevas esperanzas”.

            Non hai que cuestionar os milagres, porque forman parte da nosa cultura. E Arxentina ten méritos máis que suficientes para vivir un milagre desta guisa, considerando que nestes momentos ten como gran valedor divino ao papa Francisco, porteño de berce e arxentino de sentimento. Así que non renuncio a volver a Bos Aires despois do milagre. Á parte de todas esas razóns culturais, económicas, sociolóxicas e milagrosas, sei que a rúa Salta e o barrio de San Isidro me van seguir esperando. Esa perseverante espera é argumento incontestable para querer volver… Procurarei non non decepcionalos.


Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “Avelino Muleiro: “O erro categorial nas Ciencias Sociais (II) A orixe filosófica do fetichismo das ideas””

Artigo: ” Avelino Muleiro: ” O erro categorial nas Ciencias Sociais (I) O fetichismo das ideas””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Mundos acoplados””

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.