Avelino Muleiro García :
-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda
Dedicado ás vítimas de abusos sexuais
Os mitos, a diferenza da ciencia, non describen o mundo como é, o mundo obxectivo, senón que o representan como unha encarnación da fantasía humana. Por ende, non podemos interpretar os contidos dos mitos como reprodución de fenómenos empíricos, antes ben como espellos antropolóxicos e imaxes dos propios creadores.
Feuerbach dicía que somos os humáns quen creamos os deuses á nosa imaxe e semellanza, non son eles quen nos crean a nós. Os mitos son produto da fantasía humana, onde os deuses son simples proxecións da imaxinación trasladadas ás diversas enerxías da Natureza, e tales proxecións adquiren formas antropomórficas en categorías divinas. Deuses e deusas aprópianse das propiedades humanas actuando de conformidade con elas. En consecuencia, esas divindades nacen, reprodúcense, compórtanse e morren. Nunha sociedade machista como era a daquela época histórica, os deuses encarnaban o poder omnímodo no mundo e no seu inubicable reino divino.
Durante o Neolítico, iniciado hai uns dez mil anos a. C., xa existían os mitos e as relixións, que se relacionaban co modo de vida daquela sociedade, especialmente coa agricultura. Os deuses representaban forzas da Natureza que colaboraban na fertilidade e na vexetación, ou, pola contra, arrasaban as colleitas. De aí os nomes que daban aos seus deuses personificados nas diversas forzas naturais: Sol, Terra, aire, lume, auga, Lúa, raio, mar, ríos… -Apolo, Gea, Eolo, Hefesto, Poseidón…-. Ao redor destes deuses creaban historias -mitos- que lles servían de acougo ante a conduta incomprensible das forzas naturais. Aquela forma de vida propia do Neolítico non só se estableceu en Europa Central e Sudoccidental, senón que despuntou en Exipto e Mesopotamia. De aí tamén as mútuas influencias interculturais.
A finais do terceiro milenio a. C., Grecia acaparou a cultura cretense e micénica. Non obstante, durante o segundo milenio a. C., unha invasión de indoeuropeos penetrou en Grecia arrasando con todo. Logo, estes invasores mesturáronse cos gregos nativos e reconstruíron flamantes cidades asimilando novas divindades e ritos. Séculos despois, nace a Grecia arcaica e clásica, na que tomaron forma propia a relixión, os mitos e as tradicións intelectuais básicas que chegaron ata nós.
Os mitos xogaron un importante papel na cohesión social beneficiando a arte, a creación da filosofía e a identidade política das cidades gregas. Son, por ende, un legado fascinante xestado na etapa infantil da intelixencia grega. Porén, o impoñente paquete da cultura clásica, na que se integran os mitos, perdeu tanto terreo na sociedade actual que incluso persoas cultas poden ignorar quen foron Rea, Némesis, os Dióscuros, Hestia, Prometeo…
Grecia tróuxonos a relixión, os mitos, a filosofía e mesmamente as raíces da lingua. Desta ensinounos a distinguir o nome de home (aner, andrós) e de muller (giné, ginaikós), así como o nome de humano (anthropos). O alemán, seguindo ese modelo, traduce “humano” por “Mensch”, “home” por “Mann”, e “muller” por “Frau”. O latín traduce “humano” por homo, “muller” por mulier, pasando a palabra “home” a vir, da que saen en galego viril, virtude, virulencia, violencia, violar. Resulta sorprendente que o termo latino vir (home, varón) teña a mesma raíz de vis (forza), pois o seu xenitivo rota o s intervocálico por r (vis–viris). Como se a forza, a violencia e o ímpeto fosen algo consubstancial ao home! O propio termo grego “violación” tradúcese por biasmós, que ten a raíz bia, que era o nome da deusa feminina da forza.
Neste punto pretendo puntualizar e reclamar a atención sobre as discutibles traducións que se realizaron, e aínda se realizan, dos autores clásicos gregos respecto á palabra anθropos. As traducións en castelán e galego aparecen como “hombre”/”home”. Por exemplo, na Metafísica de Aristóteles, da Editorial Gredos, edición trilingüe, de Valentín García Yebra -unha das máis coñecidas e utilizadas polos filósofos-, ao comezo do libro I aparece a frase: Pantes anθrώpoi tou eidenai oregontai fisei, traducido ao castelán: “Todos los hombres desean saber por naturaleza”. A expresión correcta sería: “Todos los humanos…”, pero non “todos los hombres”.
Os deuses olímpicos
Hesíodo, na Teogonía, recopilando as diversas versións dos mitos gregos, ofrece unha interesante información sobre esas creacións culturais que tan decisivo papel xogaron na cultura occidental no devir dos séculos, iniciando a historia no Olimpo, a feliz mansión das divindades, e invocando ás Musas para que lle faciliten o canto e os relatos biográficos da ateigada galería de deusas e deuses. E nesa obra, a teogonía do Olimpo vén marcada pola violencia desde o principio.
Os antigos gregos recoñecían aos doce principais deuses e deusas do Olimpo, aos que Hesíodo denomina “primeira xeración”—Zeus, Hera, Poseidón, Deméter, Atenea, Ares, Afrodita, Apolo, Artemisa, Hefesto, Hermes e Dionysos. Curiosamente, doce serán, séculos despois, os doce apóstolos de Cristo.
A cultura daquel momento creou os seus deuses olímpicos como seres inmensamente poderosos, pero escravos das súas paixóns. O historiador e mitólogo grego Apolodoro descríbenos a cobiza de Zeus por Metis, unha deidade da familia titánica -fillos e fillas da primeira xeración- acosándoa constantemente ata o punto de verse obrigada a disfrazarse de diversas figuras para zafarse de caer nas redes do rei do Olimpo. A pesar desa estratexia, Metis foi violada por Zeus, e no momento de coñecer o embarazo, Zeus matouna, asumindo el mesmo o papel de parir a Atenea, a filla do embarazo de Metis.
O rapto de Perséfone
Apolodoro cóntanos tamén que Perséfone, filla de Zeus e de Deméter, estaba recollendo flores con algunhas ninfas e coas deusas Atenea e Artemisa. De súpeto, aparece o deus Hades cun carro tirado por eguas, forzándoa a subir ao carro para levala aos seus dominios subterráneos. A súa nai, Deméter, andaba desesperada buscando por todas partes a súa filla, ata que Helios lle contou que fora Hades quen a raptou coa complicidade de Zeus, pai de Perséfone. Ao final, Zeus viuse obrigado por Deméter a solicitarlle a Hades a liberación da súa filla.
O rapto de Europa
Europa era filla do rei Agenor. E un bo día, mentres paseaba pola praia, apareceu Zeus disfrazado nun touro, que se introduciu no medio dunhas reses que pacían nun campo cerca da praia. Pouco a pouco, foise acercando a Europa. Esta sorprendeuse ao velo tan cerca. Admirada da súa fermosura acariciouno. Logo, xogou con el e mesmo se subiu ao seu lombo agarrándose aos cornos. Daquela, o touro saiu correndo cruzando o mar a toda velocidade para violala. Di Horacio que Europa, despois de ser raptada por Zeus, manifestou: “se alguén, airada como estou, me entrega agora aquel xato infame, loitarei por desgarralo co ferro e por crebar os cornos do monstro hai pouco tan amado”.
Pero o violador non foi só Zeus, xa que a súa estirpe divina levaba a violación na súa conduta como selo distintivo. Ticio, fillo de Zeus, intentou violar a Leto, nai de Apolo e Artemisa, pero foron estas quen mataron ao violador. Poseidón, irmán de Hades -violador de Perséfone- violou a Medusa no templo de Atenea, sendo esta mesma deusa quen a acusou e responsabilizou de se deixar violar. Como castigo, converteuna en gorgona, en monstro, e logo, colaborou para que lle cortasen a cabeza que colocou no seu escudo.
Zeus, violador en serie
Pero Zeus foi, sen ningunha dúbida, o gran violador en serie, pois violou á súa propia irmá Hera, quen avergonzada se converteu máis tarde na súa esposa. Violou a Alcmena, esposa de Anfitrión, aproveitando que este estaba de viaxe. Para perpetrar tal despropósito solicitou a complicidade de Ápate, deusa do engano, para que o fixese pasar por Anfitrión e poder meterse na cama con Alcmena. E como lle parecía pouco tempo de violación, pregoulle a Helios (Sol) que non saíse ata pasados tres días.
Némesis, unha das deusas máis fermosas do Olimpo, foi outra das vítimas de Zeus. Este estaba cativado pola fermosura da deusa, pero ela non lle correspondía. Ante o asedio de Zeus, intentou fuxir, cambiando constantemente de forma, ata que finalmente se transformou en oca. Simultaneamente, Zeus converteuse en cisne para seducir a Némesis e logo violala. Violou a Dánae en forma de chuvia dourada; fíxose pasar polo seu propio fillo para violar á ninfa Calisto. Intentou violar a Asteria, irmá de Leto, que logrou fuxir transformándose en codorniz. A súa estratexia litúrxica consistía en metamorfosearse en animal -serpe, touro, cuco, cisne…- para non aparecer como Zeus, dada a súa nefasta fama. Abofé, non será Zeus o creador do entroido, que celebramos estes días, utilizando a treta do disfrace para violar as súas vítimas?
“Zeus violou a Mnemósine, de fermosos cabelos, e dela naceron as nove Musas de dourada fronte ás que encantan as festas e o pracer do canto. Despois violou á deusa Leto, que pariu a Apolo e á frechadora Artemis, prole máis desexable que todos os descendentes de Urano. En último lugar, tomou á florecente Hera, que pariu a Hebe, Ares e Ilitía” (Hesíodo: Teogonía; versos 915-925).
Despois das violacións, Zeus casaba con algunhas das violadas, e a súa poligamia permitíalle estar casado ao mesmo tempo con outras deidades. Foi o caso do matrimonio coa súa nai, Rhea (Deméter), quen lle prohibiu casar para que ningún descendente lle arrebatase o poder, como lle ocorrera a Cronos, seu propio pai; pero el rebelóuselle e adaptando forma de serpe violouna, da que nacería Perséfone, que á súa vez foi violada polo seu propio pai. E resultado desta violación naceu Dionysos, que foi raptado, despedazado e comido polos Titáns, contra os que Zeus lanzou o seu raio converténdoos en cinzas. Destas naceron os seres humanos. Esquilo explica que Zeus adoitaba tomar como amantes ás esposas dos Titáns despois de derrotar aos seus maridos.
Con todo, Zeus non só violaba ás deusas e ás mulleres, pois a súa obsesión sexual tamén alcanzaba ao sexo masculino. Secuestrou a Ganímedes despois de tomar a forma de aguia, converténdoo posteriormente no seu amante e copeiro dos deuses.
Hermenéutica do mito olímpico
Filosofar é unha forma de estar no mundo e de contemplalo, pero tamén de buscar a forma de entendelo. Logo, é preciso atopar as palabras xustas para compartir esa mirada con quen a queira compartir. E por máis que os novos ventos sopren con forza de ortodoxia propios do século XVII, nunca faltará un insumiso Lutero para golpear a fidelidade instalada pola moda do momento. Esa insurrecta liberdade permite interpretar o mundo e todo o que nel acontece desde a perspectiva intelectual, axiolóxica e estética a gusto do espectador. Desde esta posición procuro explorar os mitos dunha etapa histórica que nos queda demasiado afastada. Analizada desde o presente, a mitoloxía grega non só reflicte nos seus contidos o sexismo imperante na sociedade antiga, senón que a través dos mitos se contribuía á naturalización, lexitimación e reprodución do patriarcado. En cambio, mergullados naqueles tempos, a interpretación paréceme diferente. “O esencial é invisible aos ollos” -dille o raposo ao Principiño- (Antoine de Saint-Exupéry), polo que cómpre atravesar as palabras do relato para ver que se esconde no cuarto de atrás.
O rol que lle asignou a fantasía ás súas deidades olímpicas -coas violacións e raptos das súas vítimas- non tiña outra finalidade que xustificar as orixes e as causas dos produtos propios da agrícultura e da gandeiría, é dicir, dos piares da súa supervivencia. Evidentemente son relatos rudos, zafios, groseiros… faltos da sensibilidade que reivindicamos actualmente. Gea (terra), violada por Uranos (ceo), pariu a Cronos (tempo) e aos Titáns (os doce primeiros deuses), dos que naceron posteriormente o resto de deusas e deuses. A cada deus e deusa consignáronlle un papel específico relacionado coa agricultura e gandeiría, ou cos fenómenos que as propician ou estragan: caza, pesca, aire, Sol, Lúa, raio, colleitas, tormentas, secas, verán, inverno… Así, substituíndo as leis naturais que hoxe coñecemos, os mitos responsabilizan ás divindades de todo o que acontecía. As colleitas son criaturas -froitos e colleitas- producidas polos deuses que violaron sexualmente ás deusas fillas de Gea (Deméter) ou descendentes destas. Cronos era o responsable de que todo o que nace ten que desaparecer, morrer, por iso no mito aparece comendo aos fillos e fillas logo de naceren. O tempo (Cronos) devora todo. Cronos viola a súa irmá Rea -que logo converte en esposa- e devora aos fillos que nacen daquela violación. Hades viola a Perséfone despois de raptala, escondéndoa no inframundo. Deméter pídelle ao seu fillo -e marido- Zeus que obrigue a Hades a darlle noticias da súa filla. Hades informa que a ten retida no inframundo e que só lle permitirá saír á luz da terra se pasa seis meses con el naquel averno escuro. Pactan esa proposta e así o mito xa permite explicar a sucesión das estacións anuais: outono e inverno (Perséfone debe regresar ao inframundo para pasar alí seis meses con Hades. Será a etapa de frío, cando caen as follas das árbores, secan as plantas, as noites son longas…); e primavera e verán (Perséfone sae do inframundo para pasar seis meses ao sol, ao calor, propiciando que nesas estacións retonen e florezan as plantas, maduren os froitos, aniñen os paxaros…). Así mesmo, cada produto alimenticio -millo, trigo, arroz, centeo, cebada, avea…-, que foron as primeiras gramíneas cultivadas e os principais alimentos do ser humano, dependerán da protección dunha divindade do Olimpo para conseguir unha boa cosecha. E o mesmo acontece cos animais e a súa caza. A fecundación liderada polos deuses no Olimpo, e protexida e amparada pola deusa Bía -responsable feminina da forza e da violencia-, exhibía o éxito da fecundación nunha boa colleita. Non esquezamos que estes mitos representan un intento por facer comprensible o universo en termos humanos e de explicar a orixe do mundo e dos fenómenos que se observan dentro del.
“Las fuerzas más importantes, que despertaban el temor reverencial de los
campesinos, eran consideradas como dioses. Y su inquietud y ansiedad ante
lo incomprensible en la naturaleza encontraba un alivio en la explicación mítica
de los procesos naturales, explicación que consistía en contar historias acerca
de los dioses que eran las fuerzas motrices de tales procesos. En cierto modo los
dioses eran como nuestros conceptos científicos y sus mitos como nuestras
teorías. Constituían un intento de entender el mundo, de hacerlo predecible
y también de dominarlo. Los mitos contribuían a mantener el orden del
universo” (Jesús Mosterín: Historia de la filosofía. 1. El pensamiento arcaico)
Paradoxo olímpico
En toda relixión, os deuses e a súa corte celestial son iconos a imitar, de aí a veneración humana polo seu poder e polas inmensas virtudes de que están adornados. Esas virtudes enraizan profundamente na ética estabilizando a convivencia social, o que se transforma en gratitude, respecto, veneración e ofrendas. Na relixión olímpica, todos os valores que poden cohesionar á sociedade daquel momento xiran ao redor da alimentación e da supervivencia. Por ende, os humáns crearon o panteón olímpico con tantos deuses e deusas, dándolles as cualidades propias dos humáns para poder gozar do seu servizo. Por iso lles asignaron a violación e a violencia como función explicativa da produción dos alimentos, dos que dependía a súa vida. A violación era, xa que logo, unha alegoría, unha forma -ruda, machista e tosca- de explicar e dar a entender a fertilización das plantas e dos animais desde o Olimpo. Creo, pois, que a violación practicada polos deuses non se consideraba un acto inmoral para aquela cultura mítica, que fose eticamente reprobable, senón un acto creativo e benefactor. En cambio, analizado desde hoxe, o espírito machista que se esconde detrás daquela violación dos deuses impregna e rega toda a cultura occidental permeando a historia ata o presente. É probable, en cambio, que aqueles homes (androi, varóns) -creadores dos mitos- pensasen que a violación entre humáns si era un acto reprobable, pero tratándose dos todopoderosos deuses permitíanselles tales abusos en beneficio da súa protección aos humáns. De non ser esa a interpretación, resulta incomprensible entender a insistencia dos mitos na violación executada por aqueles seres todopoderosos. Na Ilíada, Zeus laméntase da inxusta conduta dos humanos, pois “din que os seus males proceden de nós (deuses), cando son eles mesmos quen, coas súas tolemias, se causan infortunios non decretados polo destino”.
O papel do mito na sociedade
Os mitos non son dislates nin desatinos literarios, nin tampouco incongruentes representacións colectivas, senón símbolos que insinúan unha realidade invisible e descoñecida que tratan de explicar a través da imaxinación creativa. Hai que intentar albiscar e intuír o seu trasfondo, o sentido e lugar a que apuntan, e non “mirar o dedo que apunta á lúa”. Eles desempeñaban unha importante función pedagóxica e propiciaban a cohesión social. Os mitos expresan, abofé, o imaxinario colectivo dunha sociedade que reflicte as aspiracións humanas respecto ao coñecemento do mundo e á conduta moral. Non poden tomarse no sentido literal da expresión nin con criterios dunha semántica unívoca dos conceptos e dos termos cos que se tecen os seus relatos, antes ben, deben asumirse como disfraces nunha farsa onde os personaxes actúan de forma caricaturesca en situacións fantásticas e extravagantes. Detrás do mito adoita agocharse unha mensaxe alegórica sobre actos humanos e fenómenos físicos dificilmente comprensibles; por tal motivo, o mito remite a un significado ou a un concepto que non está presente no relato literario pero que debe ser o suxeito que o percibe quen engada a interpretación.
O mito e o logos conviviron durante séculos, e a orixe da filosofía en Grecia non puxo punto e final ao mito, senón que o asumiu dándolle unha nova forma e un novo rol. É máis, as mitoloxías aínda están presentes na nosa sociedade, tan pretendidamente conceptuada como racional.
O Olimpo actual de violadores
A sexualidade é moito máis antiga que as primeiras ferramentas de pedra, e o sexo vai máis alá da percepción reprodutiva e da transmisión xenética. Como todo na vida, tamén a sexualidade evolucionou. O sexo non é tan só un fenómeno biolóxico e etolóxico, senón que tamén é social e cultural. Eduard Carbonell explica que “na natureza, a finalidade da sexualidade no reino animal é a reprodución. A selección natural prepara os organismos para esa complementariedade e a selección cultural modificou o sentido desta actividade estrutural. Agora os humáns afastáronse da direccionalidade evolutiva e romperon as leis programadas, dándolles un contido e un significado menos estrutural e máis funcional. Hoxe en día, entendemos a sexualidade como unha maneira de comunicarnos, de xogar, de sentir pracer… A sexualidade perdeu o valor substancial que tivo durante a maior parte da evolución, un valor que seguen conservando as demais especies de mamíferos. Só os humáns modificamos os procesos da selección natural para penetrarnos en procesos sociais que aínda nos resultan descoñecidos” (Eduard Carbonell: El Sexo social).
A actual natureza humana é unha recapitulación da historia filoxenética da nosa linaxe, e por tal motivo somos, dalgunha maneira, o que fomos. Pero non só somos un compendio xenético, tamén cultural. Somos, en definitiva, o que os gregos denominaban physis e nomos, natureza e cultura ou convención. Nós, galegas e galegos europeos, respiramos a brisa cultural grecolatina, ese alento que fixo as súas primeiras paradas na Hélade arcaica, visitou Roma, recolleu o orballo do cristianismo e fixo a súa última parada en Occidente.
Na historia intelectual da Humanidade, a arribada dun novo pensamento non despraza nin elimina totalmente ao anterior, senón que se superpón e continúan ambos. Sucede como coa evolución do homo sapiens, que o cerebro reptiliano non desaparece coa aparición do límbico, nin este coa incorporación do neocórtex. Nas cinzas titánicas provocadas polo raio de Zeus contra os Titáns está presente -alegoricamente- a xenética de Dionysos, devorado por estes, e consecuentemente tamén os xenes de Zeus, pai de Dionysos. De aí a tendencia de certos individuos actuáis a violar de forma insolente.
Os novos deuses do Olimpo -futbolistas, baloncestistas, boxeadores, entrenadores, cantantes, cineastas, actores…-, agradablemente ubicados nunha marabillosa zona de confort, están convencidos de seren impunes ante a lei, á que poden eludir de modo fácil polo poder que lles depara o diñeiro, a fama e o nivel social. Considéranse os novos deuses do Olimpo, e afectados polo síndrome de Zeus, pretenden gozar de todos os praceres aínda que sexa prexudicando a outras persoas. Cómpre lembrarlles que “a persoa é un fin en si mesmo, non un medio para usos doutros individuos, o que a convertería nunha cousa” (Kant). Pero borrachos de prepotencia, retan as leis, ameazan ás vítimas, mercan favores e incluso ameazan aos poderes públicos.
Seguindo a estela olímpica, estes violadores famosos buscan nas vítimas o pracer, non a paternidade, emulando aos vellos deuses que mataban aos fillos nacidos da violación. A irresponsabilidade, daqueles deuses e destes, denigra a súa divindade e a súa fama. E voando nas ás da imaxinación, podemos pensar que Zeus resucitou a Dionysos para que siga aínda agora dispensando aos violadores esa ambrosía destilada coa que poder esquecer os alaridos e berros da mala conciencia. Alcol e drogas, terapia psicolóxica para adormentar o remorso e o pesar moral.
Frustración?
Os humáns buscamos satisfacer os nosos desexos. Todos. A experiencia demostra que non sempre é posible, porque gran parte dos nosos impulsos e desexos son bloqueados por obstáculos (físicos, psicolóxicos, morais…) que nos impiden satisfacelos. Nese caso, prodúcese unha frustración, un estado emocional desagradable, no que se poden entrelazar emocións e sentimentos que van desde a confusión ata unha resposta agresiva contra a persoa ou o obxecto causante da frustración. A vivencia emocional soe ser moi desagradable pois arrastra a unha desorganización do comportamento. A. T. Poffenberger situaba o sexo no terceiro lugar dos motivos básicos dos humáns, despois do beber e do comer. Para C. N. Alien, en cambio, o sexo ocupaba o quinto lugar dos motivos. Cando o desexo sexual queda inhibido por calquera motivo, aparece a frustración. A persoa frustrada procura achar solución inmediata, sendo probablemente a agresión a resposta máis común. Non sempre a frustración obedece a unha causa coñecida, pois en certas circunstancias permanece oculta e daquela a agresividade desprázase contra persoas que non teñen nada que ver coa causa frustrante.
É frecuente que detrás dunha violación se esconda o odio, o rancor ou a vinganza. No caso dos violadores famosos, non deben ser estas as razón que os arrastran a tal vil agresión. Tómano como un xogo sexual en cuxas redes esperan pescar convencidos do seu halo seductor e das súas máxicas tretas.
Os maltratadores, acosadores, sobadores e violadores do Olimpo do século XXI van deixando ao seu paso unha lista de persoas damnificadas moi difíciles de recuperar psicolóxica e socialmente. Os violadores, en especial, son auténticos talibáns sexuais que toman ás mulleres como seres inferiores, como instrumentos de pracer para os machos alfa.
O mito como forma explicativa recorrente
O Olimpo metafísico, no que a mitoloxía ubicaba as claves e a xustificación do mundo empírico, sería substituído séculos máis tarde pola metafísica do “mundo das Ideas” proclamado por Platón. E posteriormente, a partir do século XIX, a ciencia instaurou o goberno das teorías, previamente seleccionadas polo método hipotético dedutivo, despois de derrubar o imperio metafísico con tantos séculos de poder na epistemoloxía e na weltanschauung -na interpretación do mundo-.
Parto, non obstante, da convinción epistémica de que non existen certezas definitivas en calquera ámbito no que nos movamos, porque toda hipótese, mesmo científica, é revisable e pode ser refutada posteriormente (Popper). O que non é refutable é o mito, razón suficiente para que aínda na actualidade sexa un recurso ben utilizado.
A Nobel inglesa -feminista e comunista- Doris Lessing, subiu á noria do mito para deixar no seu libro A fenda a orixe dos humáns neste planeta. Valéndose dun imaxinario patricio romano, Doris describe os primeiros días da vida humana na terra, aproveitando o achado dalgunhas testemuñas deslavazadas coas que se fixo o nobre romano. É este quen se interroga como se iniciou a convivencia dos nosos antepasados. E cal é a súa resposta? Imaxina (mitifica) situacións de enfrontamentos e loitas entre mulleres e homes, así como momentos de harmonía e colaboración, derivando e estabilizándose finalmente nun estado de convivencia entre ambos sexos.
A autora describe con ironía a orixe das mulleres e dos homes a partir dunha fenda nunha rocha á beira do mar. (É recomendable a lectura desa obra porque en pleno século XXI, na que se publicou, Lessing retorna ao mito, e non á ciencia, para explicar a orixe remota dos nosos ancestros). Dentro da trama da Fenda, as mulleres vivían separadas dos homes, ignorando a súa existencia, igual que estes descoñecían a existencia delas. “Ás veces creo que viviamos unha especie de fantasía, unha quimera, todo era pausado e tranquilo e nunca sucedía nada. Nunca sucedía nada salvo a lúa, resplandeciente e grande…e por suposto, o nacemento das criaturas. Simplemente nacían, iso é todo, ninguén facía nada para concibilas. Creo que pensabamos que eran obra da lúa, ou dun gran peixe, pero resulta difícil lembrar que pensabamos, aquilo parece un soño. O modo en que pensabamos nunca foi parte da nosa historia, tan só o son os feitos” (Doris Leasing: A fenda).
Todo o peso da lei sobre os violadores
Estas últimas palabras de Doris Lessing: “o modo en que pensabamos….tan só son os feitos”, marcan a triste realidade do momento. A interpretación das mensaxes dos mitos que deixamos atrás non deixa de ser unha opinión. Con todo, intentando crear unha metáfora hiperbólica entre aquel panteón de deusas e deuses do arcaico Olimpo cos novos deuses do Olimpo posmoderno, os feitos destes últimos si “son parte da nosa historia”. E sono lamentable e desafortunadamente. A lista dos novos deuses -ateigada de fatuos, petulantes, arrogantes, xactanciosos e insolentes faranduleiros- aparece no frontispicio do panteón olímpico coa inscrición de que todos os que alí pernotan “teñen os pés de barro”. A pesar de todo, eses novos divos crense todopoderosos, un atributo coa que a fantasía neolítica ataviara aos moradores do seu panteón olímpico.
Pero a ignorante soberbia destas novas divindades non lles permite distinguir o mundo da fantasía do mundo real. A violación, que formaba parte das actividades entusiastas dos deuses olímpicos do pasado, non deixaba de ser unha alegoría do traballo humano para producir alimentos de supervivencia. E nunca existiu conflito ético nin social coas violacións de Zeus nin do resto dos deuses, porque tales violacións eran entes de razón. En cambio, as violacións destes actuais deuses fatuos son atentados físicos, reais, que implican dor e sufrimento nas vítimas, así como unha execrable transgresión da ética e da lei. E non cabe indulxencia con estes violadores, sobre quen debe caer todo o peso da lei. Calquera fenda que se abra na xustiza ao seu favor será baliza de impunidade e reclamo para emular e reproducir similar atrocidade e despropósito con novas vítimas. A violación non só é moralmente reprobable, toda persoa que comete este crime debe esperar pagar as consecuencias.
O perfil do violador do novo Olimpo
O elevado nivel de testosterona nos machos pode xustificar a agresividade masculina, moi superior á agresividade das femias; a pesar diso, a selección natural actuou na cortiza prefontal dos machos para evitar o seu desmedido comportamento sexual. Estará o problema dos violadores no seu minguado volume do neocórtex?
No tocante aos actuáis violadores, non hai un perfil único, dado que nesa lista negra aparecen psicópatas, psicóticos, homes socialmente reputados, xoves, maduros, famosos, descoñecidos… Displicentes e arrogantes, carentes das máis básicas emocións morais, os violadores actúan á marxe da ética máis elemental, dado que a compaixón polos demais queda fóra dos seus principios, ignorando ademais que a violación embaza a vida, xa que non só afecta aos corpos violados, senón tamén á mente da vítima.
Pero dentro desa ampla lista ignominiosa están os novos deuses do Olimpo, con mentalidade mítica de milenios de atraso, que antepoñen o principio de pracer ao principio de realidade. Nin sequera son capaces de prever as consecuencias éticas, sociais e psicolóxicas da posviolación porque a súa forma de vida depende máis do seu cerebro límbico que do seu minguado neocórtex. O sexo convérteno nunha banalización enfermiza. Evitan experimentar, e moito máis tolerar, o malestar da cultura (Freud) porque no seu Olimpo particular o sacrificio e a ética están ausentes. Son os auténticos descendentes xenéticos de Coalemo (Κοάλεμος), o deus da insensatez, da imprudencia, da ignorancia, da tolemia e da estupidez.
Por tal motivo, aos violadores sexuais hai que atacalos directamente polo que teñen de inhumano e incivilizado, pois deixan ao descuberto as tácticas máis retorcidas que derivan en actos de crueldade e de insolencia cara á vítima. As secuelas da humillación, da vexación, da degradación, da ultraxe, da deshonra… son imborrables marcas, traumáticas e esnaquizantes, na personalidade da persoa violada. A vítima vai arrastrar durante o resto da vida o trauma que roubou a súa dignidade como persoa a mans dun miserable canalla.
A socióloga Dorothy Dinnerstein, autora de A sirena e o minotauro, escribiu nunha ocasión que “criarse nunha familia ensina a amar e convivir con outras persoas que non comparten os nosos intereses”. Que bo sería que esta mensaxe entrase na casa deses canallas malnacidos, con destino á súa familia, con remitente das vítimas e certificada pola Xustiza.
Desde o punto de vista social, hai que reclamar a atención do violador para que reflexione, para reintegralo na sociedade e modifique radicalmente a súa forma de actuar. “É perigoso facer verlle demasiado ao ser humano canto se parece ás bestas… É tamén perigoso facerlle ver a súa grandeza, sen a súa baixeza. É aínda máis perigoso deixarlle ignorar o un e o outro” (Pascal: Pensamentos).
Pero a pesar dese espírito pedagóxico reinsertante, a xustiza debe actuar co violador e baixalo do seu endeusamento.
Egisto: “É certo que non tes remorso?
Orestes: Remorso? Por que? Fago o que é xusto.
Egisto: Xusto é o que quere Xúpiter (Zeus).
Orestes: Que me importa Xúpiter? A xustiza é un asunto de humáns e non necesito que un deus ma ensine. É xusto esmagarte…” (J. P. Sartre: As moscas).
Iso debe ser a xustiza. Que o peso da lei, sen especulacións estériles e sen principios bicondicionais, caia sobre eses novos deuses fatuos do Olimpo esmagando a súa soberbia vileza!
—————————————————————————————————
Outros artigos de Avelino Muleiro
Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”
Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “
Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”
Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “
Artigo: “Tempos de frio moral”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”
Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”
Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”
Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”
Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”
Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””
Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”
Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””
Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “
Artigo:” Filosofía delenda est “
Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “
Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”
Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “
Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “
Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “
Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “
Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “
Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “
Artigo: ” Pienso, luego Resisto “
Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “
Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “
Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “
Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “
Artigo: ” Malos tratos e crueldade “
Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “
Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “
Artigo: ” Violencia patolóxica “
Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “
Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “
Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “
Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “
Artigo: ” De quen son os fillos? “
Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “
Artigo : ” Devalo da Galicia interior “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “
Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “
Artigo : ” Negacionismo e represión social “
Artigo : ” Reclamos tóxicos “
Artigo : “ Ditame aberto ás ideoloxías (II) “
Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I) ”
Artigo : “ Crise de Valores “
Artigo : ” A paz perpetua ”
Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos “
Artigo : ” Regreso ao futuro “
Artigo : ” Parte de guerra ”
Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño ”
————————————————————————————————–
Curriculum de Avelino Muleiro García
-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.
Obras
Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabra, Encontros coa tradición. Conversas no Ribeiro, Tres Campus, Verbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.