Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

AVANTAR ACTIVIDADES

Cando nos definimos como seres racionais, non pretendemos colgarnos un atributo co que tapicemos todas as nosas accións de racionalidade, senón só que temos o enorme privilexio de poder actuar de forma racional. Racional significa aquí ter a capacidade de razoar, aínda que non sempre a exerzamos. O feito de dispoñer, por exemplo, de carné de conducir non implica estar conducindo as vintecatro horas do día, senón ter a capacidade e o permiso para conducir. Ser racional tampouco implica pensar e actuar sempre de forma racional.

            Se todos os actos da vida dunha persoa se axustasen exactamente á racionalidade, esa persoa pareceríase máis a un robot ou a un avatar dirixido pola Intelixencia Artificial (IA) que a un ser humano. Racionalidade presupón lóxica, principios e regras de pensar e actuar. A lóxica é inseparable do pensar porque non se pode pensar á marxe da lóxica. Por experiencia sabemos que os nosos actos, e mesmo as nosas opinións e manifestacións lingüísticas -diálogos, debates, conferencias, conversacións, tertulias…-, nacen fundamentalmente das emocións, dos sentimentos, das ideoloxías, das crenzas…, que teñen características absolutamente diferentes da racionalidade, incluso, opostas e antagónicas moitas veces.

            Non se pode negar, porén, que a linguaxe descansa sobre unha plataforma racional que, examinada con certo rigor, implanta as súas propias leis ás expresións lingüísticas. Este rigor racional imponse categoricamente nas estruturas ligüísticas das ciencias, das matemáticas, das normas xurídicas, dos principios éticos…, mermando, en cambio, a súa presión sobre os diálogos, as conversacións persoais, os debates políticos, as opinións, as tertulias, os foros culturais…

            A presenza da racionalidade nas diversas formas de expresión lingüística debe ter o aval da lóxica, que actúa de inspectora en cada unha delas. A lóxica impón o seu máximo rigor nas linguaxes científicas, tomando a argumentación como proba esencial da racionalidade nese ámbito.

Sistemas filosóficos fundamentados na razón

O racionalismo, a Ilustración e o idealismo, entre outros sistemas filosóficos, fixeron da razón o fundamento da súa propia doutrina, mentres se disparou desde a posmodernidade todo tipo de escepticismos, indeterminismos, cegos vitalismos, disolutos sentimentalismos e agnosticismos procaces contra ela, coa exclusiva finalidade de merar os melidos froitos da razón.  Estamos convencidos de vivir nun mundo dominado polas emocións, aínda que con flecos de lóxica e racionalidade no interior desa estructura emocional. Deses delgados fíos de racionalidade preocúpase a ciencia, explicándonos o entramado reticular da realidade física que queda atrapada en fórmulas, en teorías e en leis.

Baixo ese mesmo pretexto, a filosofía enorgullécese de poder chegar aos alicerces do mundo, explicándoos desde a racionalidade das matemáticas (pitagorismo, platonismo, leibnizismo…), desde a racionalidade paradigmática do absoluto (Plotino, Spinoza, Hegel…) ou a partir doutros enfoques filosóficos (apriorismo, empirismo, materialismo…), todos eles fieis a ese espírito hermenéutico do filosofar.

A razón posúe fiabilidade tan só cando actúa con argumentos. Sen eles, vaga desorientada e escóndese timorata incapaz de convencer. Só cando dispoñemos de argumentos conquistamos o coñecemento, xa que só nesa situación queda xustificado. Esa interpretación non é botín de ningunha conquista filosófica moderna, senón glosa concibida no Teetetes de Platón, onde Sócrates defende que o termo “coñecemento” debe limitarse ás crenzas verdadeiras e xustificadas; non basta con afirmar algo verdadeiro para considerar que iso constitúa coñecemento -explica Sócrates-. As razóns polas que se afirma esa verdade deben ser fundadas e suficientes. Cando non se dispón dunha xustificación, trátase de fe, de opinión ou convicción, pero non de coñecemento en senso estrito. O que explica Platón neste diálogo non é máis que a necesidade de utilizar argumentos a favor dunha proposta concreta. Pero esa idea implica a esixencia de que só se pode considerar coñecemento verdadeiro un conxunto de proposicións (enunciados descritivos) estritamente verdadeiras (demostrables), teoría que foi amplamente cuestionada ao longo da historia. Por iso Popper propuxera na súa Lóxica da investigación científica o falibilismo, segundo o cal a clase mellor de ciencia empírica é falible, porque as súas proposicións poden falsarse.

Ortega y Gasset e a crítica á vulgaridade

“El imperio del hombre-masa sobre la vida pública llena a esta de vulgaridad intelectual” (Ortega y Gasset: La rebelión de las masas). Estas palabras de Ortega aparecen na Rebelión de las masas, no ano 1929, pero encaixan perfectamente na socioloxía española do 2022. Entresaco dese mesmo libro estoutras ideas: “no hay cultura ni ideas donde no se admiten normas a que apelar en la discusión”. Estas palabras vanme servir como introdución para xustificar a inexorable necesidade de demostrar as ideas, as opinións, as crenzas, as ideoloxías… invocando as regras da lóxica no uso da argumentación coherente e racional, así como a apelación a recursos propios da dialéctica e da retórica, máis próximos aos mananciais emocionais que á lóxica.

A argumentación

A argumentación representa a fundamentación do discurso e a criba das ideas e das actitudes persoais, o cal supón unha enorme vantaxe fronte ás tradicións, ás opinións populares e ás crenzas, todas elas estratexias marxinais de defensa. O habitual nos debates, nas tertulias e nas discusións persoais é o recurso ás opinións, ás crenzas, ás ideoloxías e ás frases nunca demostradas para tratar de xustificar o punto de vista persoal sobre calquera asunto que se trate. En cambio, o rigor argumentativo é a antítese do adoutrinamento ideolóxico e a ausencia de todas esas técnicas que permutan ilicitamente os recursos lóxicos coas falacias.  

O que pode resultar preocupante é que tropecemos con persoas que rexeitan a argumentación lóxica negando a posibilidade de efectuar intercambios intelectuais para intentar reducir diferenzas de opinión e acadar acordos mínimos. As formas de tratar de convencer ao adversario mediante opinións -polo xeral inxustificadas- ou frases lapidarias recaudadas sen perspicacia ningunha, son recursos que concilian facilmente coas emocións e que confraternizan coa fe propia do dogmático indocumentado, pero que nunca se achegan aos argumentos enraizados na razón.

            A verdade non se deixa arrolar, abofé, polo adoutrinamento ideolóxico nin polo dogmatismo ignorante, senón que vive enamorada da coherencia e da fidelidade á razón. Só así o interlocutor se verá obrigado a asumir como propia unha crenza do rival que foi xerada intelectualmente no compromiso esponsal da lóxica e da epistemoloxía.

Traballar coa verdade consiste en abrir a mente allea con razóns ben enlazadas para que o interlocutor se dobregue ante a evidencia intelectual, aínda que as súas emocións se vexan fracasadas nese instante.  

Con todo, unha argumentación debe entenderse como unha actividade, social e racional, que se utiliza para convencer a unha persoa crítica razoable, pero con ideas diferentes ou mesmo contrarias ás do interlocutor, porque a argumentación supón sempre un intercambio intelectual que, recorrendo a Piaget, consiste nun “proceso regulado no que os participantes comparten proposicións entre si”. Nese proceso, un participante emite unha proposición ao seu interlocutor, quen a pode aceptar ou rexeitar. Pero esa proposición debe estar adaptada ás regras propias da lóxica, pero nunca derivar aos trucos do sofisma ou das falacias.

A argumentación científica

Para Aristóteles o pensamento científico fórxase polo razoamento ou dedución mediata. O pensamento científico é un proceso dinámico no que se enlazan conceptos de forma inmediata, como é a intuición, ou de forma mediata ou demostrativa, en que consiste propiamente o razoamento. Por iso Aristóteles se interesou tanto en achar os fundamentos da demostración irreprochable do pensamento, actualmente representado no ámbito científico, así como dos principios da refutación. Os Tópicos e os Elencos ou Argumentos sofísticos obedecen a ese interese aristotélico por reformar e sistematizar a arte da retórica e da discusión. O libro dos Tópicos oriéntase a descubrir e ensinar a arte de razoar sobre calquera problema que se propoña, partindo das proposicións comúns que han de servir de base a razoamentos probables, evitando as contradicións nas discusións e propiciando a capacidade para descubrir e denunciar os sofismas do opoñente.

Sofismas e falacias

               A función da lóxica está en inspeccionar a coherencia das nosas expresións lingüísticas e tipificar cada un dos erros cometidos. Aristóteles tratou especialmente no seu libro Argumentos sofísticos todas as circunstancias que baixo múltiples aspectos materiais da lingua e da súa forma de manifestarse leva a erros innegables e a auténticos despropósitos.

Nestes libros proponse un modo de proba orientado á persuasión e á técnica de adestramento para a discusión falada ou dialogada. A investigación dos sofismas sempre se sentou á mesa dos lóxicos, porque son torpedos lanzados contra o discurso lóxico. Desde que Aristóteles alumou a Lóxica, os sofismas contáronse entre os obxectos desta disciplina. Non se pode describir de igual maneira un razoamento incorrecto e outro correcto, pois a norma do primeiro non é senón o incumprimento dunha norma que só en aparencia a segue, e que, pola contra, é efectivamente cumprida polo segundo. O principio cardinal que goberna toda aplicación da lóxica formal á linguaxe común sostense nas argumentacións que cumpren formas válidas de argumentar, de modo que non cabe unha argumentación onde non concorra esa circunstancia. Por tal motivo, nin Aristóteles nin os lóxicos medievais elaboraron unhas regras específicas para os sofismas, pois estes son quen de invadiren de formas diversas e atrevidas as regras definidas no discurso lóxico.

Non faltan, porén, prestixiosos lóxicos, como Gerard Massey, defensores dunha teoría diferente, conforme a cal se pode dicir que alguén comete unha falacia non xa por canto o seu razoamento sexa inválido, senón por canto cre que a invalidez dun discurso procede dunha forma falaz de argumentar. De acordo con este novo sentido do termo falacia, será falaz incluso a argumentación válida que se realice conforme a regras inválidas. Así, por exemplo: “Todos os solteiros son ricos. Todos os homes adultos que non están casados son ricos. Daquela, todos os homes adultos que non están casados son solteiros” (J. M. Gambra: El lugar de los sofismas en la Lógica).

Este exemplo será unha falacia no caso de que calquera crea razoar correctamente, pois o que realmente está facendo é uso sofístico da regra do termo medio non distributivo. Esta regra establece que o termo medio debe tomarse alomenos unha vez en sentido universal, condición que non se dá neste exemplo. Epistemoloxicamente a conclusión é verdadeira, pero resulta formalmente inválida desde a lóxica. Por conseguinte, seguindo o punto de vista deses lóxicos, as formas do discurso falaz non serven para decidir sobre a validez ou invalidez do razoamento, pero valen para cualificar de falaces as crenzas lóxicas de quen razoa. Desta forma, os sofismas terían un interese máis psicolóxico que lóxico.

Seguindo a Aristóteles, as regras da lóxica formal teñen tres usos principais: o demostrativo, o dialéctico e o retórico. O siloxismo demostrativo trata de concluír proposicións necesarias. O siloxismo dialéctico utilízase no momento en que partindo de proposicións que admite un interlocutor, vai pretender convencelo ou refutalo. O siloxismo retórico persegue persuadir a un auditorio, tomando por premisas o que tal auditorio pode admitir, tendo en conta certas condicións como, por exemplo, as características dos oíntes: se pertencen a un mesmo partido político, se practican unha mesma relixión, se comparten a mesma ideoloxía, etc. En cada un destes usos deberán cumprirse as condicións dos razoamentos formalmente correctos. Pero, ademais, cada unha destas aplicacións do siloxismo deberá atender ás regras particulares da demostración, da dialéctica ou da retórica.

Os sofismas non formais serán aqueles que, aínda cumprindo as condicións formais da dedución, incumpren, segundo os casos, as regras da demostración, da dialéctica ou da retórica. Se un razoamento é incorrecto formalmente, será incorrecto tamén en calquera dos seus usos. Pero non á inversa; pois un razoamento pode ser incorrecto, por exemplo dialecticamente, aínda que formalmente sexa correcto. Así acaece nos razoamentos onde se conclúe unha proposición idéntica ou equivalente a unha das premisas, é dicir, nos discursos onde se comete unha petición de principio, que son formalmente irreprochables, pero non serven nin para demostrar, nin para convencer, nin para refutar. Porque a petición de principio é un vicio, non contra a forma, senón contra a dialéctica ou contra a arte demostrativa.

A lóxica como control

Escribía Jesús Mosterín no ano 1970 que “só aos lóxicos puros -que son moi poucos- lles interesa a lóxica por si mesma. A maioría das persoas -filósofos, matemáticos, científicos, etc.- que se interesan pola lóxica, interésanse sobre todo polas súas aplicacións. Saber aplicar a lóxica, dominar a lóxica como arte, consiste sobre todo en saber probar que unha sentencia dada é ou non unha consecuencia dun conxunto dado de sentencias…. E isto, máis que teoría é unha praxe, que só se aprende practicándoa” (Lógica de primer orden. Ed. Ariel).  

 A pesar de que a lóxica como asignatura pode resultar árida e demasiado complexa e difícil de entender, non se pode negar a súa presenza en todos e cada un dos incalculables argumentos que utilizamos cada día, tanto a nivel de discursos, debates e foros intelectuais, como de conversacións, diálogos e tomas de opinión. Para min é unha das partes da filosofía que máis me ata e seduce, por ser creativa, rigorosa, precisa e afastada de toda ambigüidade; a parte de ter de profesor de lóxica a Jesús Mosterín, o filósofo máis experto nesta asignatura, porque el foi o introdutor en España da lóxica matemática, ata el totalmente descoñecida.

A lóxica, a diferenza da epistemoloxía, non analiza a verdade ou falsidade das proposicións ou oracións descritivas, senón que fixa as normas e as regras das conclusións que se extraen a partir de proposicións previas -premisas-.

As matemáticas forman parte da lóxica, como explicou Bertrand Russell. Por tal motivo, a lóxica opera seguindo o modelo matemático. Nas matemáticas pouco importa, por exemplo, que exista un avión que se desprace a 5.000 kilómetros por hora, o que importa para resolver correctamente un problema teórico é o tempo que tardaría en chegar ese avión, supoñamos, a Bos Aires desde Vigo, que están separados por 9.929 quilómetros. As matemáticas dinnos que non lle levaría nin dúas horas. Realmente non existe ese avión, aínda que as matemáticas actúan á marxe da realidade. O mesmo lle ocorre á lóxica coa semántica das proposicións -oracións descritivas- coas se crean argumentos dedutivos. Non importa o contido dos enunciados, senón a súa estructura interna.

Se nos din que “os homes que respectan a paridade da muller co home son feministas, e que os homes feministas son moi ben valorados na sociedade”, non podemos deducir que “os homes ben valorados pola sociedade son os que respectan a paridade da muller co home”, porque esa conclusión, ademais de ser falsa e ilóxica. A conclusión lóxica sería que só “algúns ben valorados pola sociedade respectan a paridade”. Pero estes fallos ocorren constantemente, sen que a maioría das persoas coñezan as claves desas falacias.

O sofisma é unha argumentación incorrecta desde un punto de vista lóxico. Así o considerou Aristóteles no seu libro Argumentos sofísticos. En cambio, as falacias son argumentacións incorrectas porque violan as regras do diálogo argumentativo, aínda que parecen correctas. Aristóteles, nos Argumentos sofísticos, explica: “Un método especial de expoñer unha falacia é o método sofístico, é dicir, conducir ao opoñente dun a aquela clase de xuízos contra os que se ten plenitude de argumentos” (capítulo XII). E cando se trata de falacias -di Aristóteles- “Non hai distinción real algunha entre os argumentos utilizados contra a palabra e os utilizados contra o pensamento” (Argumentos sofísticos. Cap. X.). O que equivale a dicir que as falacias non marcan diferenza entre as palabras coas que nos expresamos e as ideas que representan. Polo tanto, ao criticar e invalidar desde a lóxica as falacias, invalídanse as ideas e os argumentos verbais.

Sofismas lóxicos

O sofisma é un mal razoamento. Os elementos do mal razoar son tantos como os do razoar ben. O mal uso da linguaxe, a falta de criterio, o escaso ou nulo coñecemento da lóxica son a causa das malas argumentacións.

Non obstante, aínda que o número dos malos razoamentos é infinito, hai certos modelos, moi común, que se practican con frecuencia. Un deles coñécese como o sofisma do post hoc, ergo proter hoc“, que significa que se hai algo que precede a outra cousa, ese precedente tómase comno a súa causa. Evidentemente pode acertarse que sexa causa, pero tamén é fácil equivocarse porque hai outros moitos fenómenos que preceden que poden ser causa do que sucede. Por exemplo: As vendas dunha empresa poden ir moi ben desde que incorporou un novo xerente, pero non ten por que ser o xerente a causa do incremento das vendas, puidera ser a mellor calidade dos produtos, unha publicidade máis agresiva, un incremento da demanda de determinados produtos, etc.

Outro sofisma reiterativo é o da afirmación do consecuente. Aparece nos enunciados condicionais e consiste en afirmar o consecuente, e a partir de aí afirmar o antecedente. Por exemplo: Se o Arenteiro elimina ao Atlético de Madrid da Copa do Rei, entón os habitantes do Carballiño pasean pola rúa coa bandeira do seu equipo. Pois ben, os habitantes do Carballiño pasean o día de Nadal co escudo do Arenteiro, logo o Arenteiro elimina ao Atlético de Madrid.

Este razoamento é, evidentemente, un sofisma porque a condición lóxica para que “os habitantes do Carballiño paseen coa bandeira do Arenteiro é que o Arenteiro elimine ao Atlético de Madrid. Pero esa premisa non aparece na argumentación, polo que resulta un sofisma. Non se afirma que só no caso de eliminar ao Atlético de Madrid paseen os habitantes do Carballiño coa súa bandeira. O único que se afirma é que “se o Arenteiro elimina ao Atlético de Madrid (p), entón os habitantes pasean coa bandeira” (q) , en forma lóxica: p->q, pero non se restrinxe o paseo coa bandeira só no caso da eliminación do Atlético, porque nese caso sería p <-> q (se e só se o Arenteiro eliminase ao Atlético de Madrid pasearían os habitantes do Carballiño coa bandeira).

Sofisma de petición de principio. Consiste en utilizar unha conclusión que aparece nunha das súas premisas. Por exemplo:

Debemos coidar a Natureza porque dela depende a nosa existencia. O maltrato aos animáis e a deforestación da selva é un atentado contra a Natureza. Polo tanto, “a deforestación da selva non coida a natureza”. Esta conclusión xa está implícita nas premisas -debemos coidar a Natureza-, polo tanto vén sendo unha tautoloxía.

O sofisma da negación do antecedente. Este sofisma reside nun enunciado condicional ao que se nega o antecedente e inmediatamente tamén se nega o consecuente. Quen utiliza este sofisma utiliza o condicional como bicondicional, como se o antecedente fose a única razón do consecuente. Tomando o exemplo anterior, o sofisma consistiría en negar que o Arenteiro elimine ao Atlético de Madrid (¬p) e, polo tanto, negar que os habitantes do Carballiño paseen coa bandeira do seu club (¬q). O que sería correcto é que se “os habitantes do Carballiño non pasean coa bandeira, entón o Arenteiro non elimina ao Atlético de Madrid”, pois neste caso sería un Modus Tollendo Tollens (MTT) ((p->q  ^ ¬q) -> ¬p). Pero ningunha regra lóxica permite negar o antecedente e, en consecuencia, tampoco negar o consecuente.

Falacias dialécticas e rectóricas

            As falacias son sofismas informais, que non infrinxen as leis da lóxica, senón que a súa argumentación resulta demasiado débil ou imprecisa. As falacias maniféstanse de distintas formas, atendendo aos recursos argumentáis que utilizan. As máis frecuentes e populares son:

            Falacias que utilizan argumentos ad hominem, argumentos persoais, que centran a forza argumentativa no desprestixio da persoa. Son moi utilizados en todos os ámbitos dos debates e de simples discusións. Un amigo comentábame que lle enviara a unha colega súa un video dunha dirixente feminista criticando a varias responsables políticas do Ministerio de Igualdade; a súa colega respondeulle que era un machista porque non lle enviaba videos con críticas ao machismo. Un claro exemplo de argumento ad hominem, pois en lugar de argumentar o fondo do video, se lle parecía ben ou mal, criticou ao seu amigo de machista.

            Hai falacias populistas, denominadas “argumentos ad populum”, que se utilizan buscando o apoio doutras persoas para a mesma opinión que defende o interlocutor. O seguinte exemplo pertenece a este tipo de falacias: unha amiga miña afirma que Abel Caballero vai lograr máis de 21 concelleiros nas próximas eleccións municipais. En que te basas? -pregunteille. -En que hai moita xente que o di. Pregunta ti tamen. Aínda que chegue a ser verdade, non deixa de ser un argumento falaz desde o punto da lóxica, porque sería unha indución moi incompleta que non garante nada.

            Argumentos ad ignorantiam: Son razoamentos que pretenden demostrar que algo é falso porque ninguén demostrou que sexa verdade. Ou, pola contra, que un enunciado é verdadeiro porque non está probado que sexa falso. Este tipo de falacias adoitase utilizar en diferentes situacións. Por exemplo, afirmar que non hai vida noutros planetas porque non se demostrou que existise vida en ningún planeta solar.

            Falacia de tu Quoque (ti tamén): Replícase unha argumentación na que un se sente acusado de algo, acusando ao contrario do mesmo ou de algo similar.  É como a falacia ad hominem. Soe utilizarse con demasiada frecuencia entre políticos, que cando se lles acusa de algo responden con outra acusación contra o opoñente. Observouse nos momentos duros da pandemia, cando o PP acusaba ao Goberno de non dispoñer de mascariñas para os cidadáns; pero o Goberno acusaba ao PP de facer negocio coas mascariñas en Madrid.

            Ad Novitatem (apelación á novidade): considérase que unha idea é correcta ou mellor simplemente por ser máis moderna. Utilízase na publicidade. Non hai outra xustificación para consolidarse na súa idea que propoñendo como argumento que está de moda. É o caso dos defensores dos móbiles para a xuventude. Argumento que xoga a favor dos negocios destes dispositivos.

            Falacias con argumentos Ad Verecundiam (dirixido ao respecto ou á autoridade): Quen argumenta así apóiase no prestixio da persoa que emite o argumento e critícase a quen o discuta. Exemplo desa falacia pode ser a dos astrónomos do ano 1917, que fiándose da autoridade de Einstein sostiñan que o universo estaba nunha situación estática, tal como representaba a “constante cosmolóxica” nos cálculos de Einstein. Unha década máis tarde, Edwin Hubble descubriu que o Universo está en expansión. Como se ve, as falacias son formas de razoar que violan as regras do diálogo argumentativo, pero non violan as regras da lóxica.

O respecto aos argumentos

Acudín a Ortega para presentar a importancia das regras na sociedade e reclámoo de novo para rematar este artigo, reivindicando respecto, tolerancia e comprensión na aportación de argumentos por parte dos interlocutores. Incluso reclamando ese amor, que tome a administración do mundo.

“Yo quisiera proponer a los lectores más jóvenes que yo, únicos a quienes puedo, sin inmodestia, dirigirme personalmente, que expulsen de sus ánimos todo hábito de ociosidad y aspiren fuertemente a que el amor vuelva a administrar el universo… Entre las varias actividades de amor solo hay una que pueda yo pretender contagiar a los demás: el afán de comprensión… El rencor es una emanación de la conciencia de inferioridad. Es la supresión imaginaria de quién no podemos con nuestras fuerzas realmente suprimir” (Ortega y Gasset: Meditaciones del Quijote).

            Ogallá que as argumentacións non traspasen as regras lóxicas do debate e as palabras non se convertan en torpedos destrutivos das persoas.

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.