Podemos propón un plan de transición enerxética municipal

O Círculo de Podemos O Carballiño vén de presentar unha moción para a elaboración dun “plan municipal de transición enerxética e a activación de economía verde”. Con esta moción pretenden reivindicar o papel dos concellos na captación de fondos europeos e abrir o debate sobre a necesidade de repensar o modelo enerxético cara un máis coidados co medio natural e as persoas.

O voceiro do Círculo de Podemos O Carballiño, Manuel Nogueira, manifesta a preocupación da formación ante a cantidade de proxectos eólicos que se pretenden instalar no país, Por iso, dende Podemos consideran que é necesario impulsar modelos de enerxía máis coidadosos co medio, baseados en comunidades enerxéticas e cuxa riqueza repercuta nas comunidades locais.

AVANTAR ACTIVIDADES

“Os fondos europeos representan unha oportunidade, pero o Goberno Local ten que tomar a iniciativa e dar pasos cara unha maior autonomía enerxética”, indica Nogueira, insistindo no protagonismo dos concellos para que os fondos non acaben no peto de grandes empresas ás que non lles importa o impacto no medio ambiente e poñen en perigo a nosa riqueza natural coa complicidade da Xunta.

Entre as medidas que propón a formación destacan a realización dun estudo para a instalación de placas fotovoltaicas nos edificios públicos, un plan de axudas para a rehabilitación enerxética de edificios e vivendas, a instalación de puntos de recarga, o fomento de comunidades enerxéticas ou a inclusión de incentivos nas ordenanzas fiscais que premien os esforzos da veciñanza en materia de transición enerxética.

Confía Nogueira en que “isto non só repercutirá nunha maior autonomía e a distribución da enerxía de maneira máis xusta entre a poboación, senón que tamén nos axudará a afrontar a recuperación económica ao activar a economía verde a nivel municipal o que tamén repercutirá na creación de emprego.”