Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)

IES CHAMOSO LAMAS

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

OZOCOgz Deseño Galego

Son aquellas pequeñas cosas…

Como un ladrón

te acechan detrás de la puerta (J. M. Serrat)

Os seres humanos, fronte ao resto de animais, temos a vantaxe de programarnos e de decidir que tipo de vida queremos, de propoñernos obxectivos e de intentar acadalos ao longo da nosa vida. Diante de nós, en cada momento da vida, desde a nosa etapa de infantes ata entrar na categoría de perennials, ábrensenos incalculables posibilidades de elección con máis ou menos oportunidades de logralas e cun maior ou menor grao de probabilidades de conquista.

            A vida empeza cada momento porque a vida é agora, e vivir é sempre un presente. O pasado e o futuro non son vida, son historia e posibilidades, nada máis. Foron os filósofos existencialistas -Nietzsche, Dostoyevski, Kierkegaard, Jaspers, Heidegger, Sartre, Camus…- quen converteron a vida en existencia e transformaron a existencia en esencia humana. “O primeiro paso do existencialismo é poñer ao ser humano en posesión do que é; é facer recaer sobre el a responsabilidade total da súa existencia” (J. P. Sartre: O existencialismo é un humanismo). Sartre cre que os seres humanos carecemos dunha esencia previa, da que si dispoñen o resto de seres -vivos e inertes-, e non somos nada máis que o que facemos. O filósofo francés engade a estas palabras estoutras: “O ser humano comeza por existir, atópase no mundo, xorde no mundo, e despois defínese” (J. P. Sartre: O existencialismo é un humanismo).

            Que a existencia precede á esencia é unha característica do existencialismo ateo de Sartre, pois só negando a existencia de Deus deixamos de ser proxectos divinos antes de nacer, nacemos sen esencia.

            Con todo, a existencia humana non representa un agasallo incondicional, senón que na súa donación vén implícito un compromiso envelenado: a liberdade. Un regalo recibido en packaging de luxo pero con severas contrapartidas. Sen liberdade, ningunha persoa pode edificar a súa forma de vida e o seu modo de ser. Sartre resumía esta idea naquela famosa frase: Estamos condenados a ser libres. Porén, esa liberdade ten as súas consecuencias, algunhas tan indesexadas como é a angustia. A vida non nos vén cun manual de instrucións, vén con innumerables opcións, aínda que non sempre a opción da posibilidade de elixir nos produce pracer. Que será mellor, ser científico ou filósofo? Que é preferible, casar ou quedar solteiro? Casar cunha parella rica ou cunha intelixente? Guapa ou cariñosa? Entrar en política ou crear unha empresa? Rodearse de moitos amigos ou acompañarse de poucos pero fieis? Ser xuíz ou notario? Ninguén pode garantir que cada elección que realice sexa a máis adecuada, nin sequera que o propósito ulterior sexa digno da nosa aceptación. Hai un contraste evidente entre o que queremos ser e o que somos. Queremos ser eternos, facer plans, viaxar a Viena o próximo ano… e logo caes na bañeira ou colles o covid e non vas a Viena, vas ao hospital.

Consecuentemente, “o ser humano non é nada máis que o seu propio proxecto, e non existe máis que na medida en que se realiza” (O existencialismo é un humanismo). A consecuencia desa afirmación é esta: só ao morrer queda definida a nosa esencia, porque despois de finar non podemos tomar decisións xa que desaparecen todas as posibilidades de elección. Agora ben, pode resultar realmente xusto concibirse a si mesmo como o artífice responsable da propia vida? Non existen, quizais, demasiados factores alleos ao poder de cada quen?

            Sartre distinguía o ser en si (en soi) do ser para si (pour soi). O ser en si está nas cousas, fóra do suxeito; é o que é, e non pode ser nada máis, porque niso que é reside a súa esencia. Dentro do ser en si está o noso propio corpo. En cambio, o ser para si é o ser da conciencia, é o ser como manifestación dun obxecto, dun ser en si dentro dun suxeito. Desa maneira, o ser humano distínguese dun obxecto en canto ten conciencia da súa propia existencia. E só no ámbito desa existencia emerxe a nosa personalidade, a nosa forma de vivir e os nosos ideais.

A vida, unha procelosa viaxe

A vida, hipótese necesaria da existencia humana para o existencialismo, circula por terra, mar e aire, por rutas programadas e perfectamente sinalizadas, pero tamén por carreiros inhóspitos, planicies e montañas, por rutas ben sinalizadas pero que te desvías sen querer e te perdes de noite no monte entre piñeiros. A sorpresa forma parte dese percorrido vital sen que falten momentos de ledicia e días de aflición.

Antes de que as persoas logremos unha vida plena, gratificante e funcional, ou, pola contra, academos unha existencia tráxica, infausta e de profundo infortunio, descubrimos unha elevada porcentaxe de seres humanos -non nos excluamos a nós mesmos!- que aterrizan nese destino ideal do que gozan felices, ou que se lamentan de forma desesperada dese desembarque funesto no que perderon a maleta da ilusión e dos seus estimulantes soños.  

Non obstante, esas aterraxes veñen precedidas por longos e turbulentos voos despegados desde ignotos e irrecoñecibles aeródromos, faltos de radar e torre de control, de tal modo que tripulación e pasaxeiros descoñecen absolutamente o aeroporto de arribada. A pesar de todo, uns esquecendo os malos momentos do despegue e das horas de navegación vense felices de ter tomado terra nese concreto aeroporto, mentres outros maldín a súa mala sorte de arribo. Os primeiros senten a compracencia da chegada porque nela se converteron en grandes científicos, en maridos creadores de familias felices, en músicos e compositores de prestixio, en actrices oscarizadas, en directoras de importantes empresas ou incluso en presidentas de Goberno. En cambio, os outros claman contra a súa calamitosa situación na que perderon algún ser querido, conviven cunha doenza, son vítimas dun divorcio ou incluso habitan unha cela carcelaria.

            Petando na porta da vida e entrando ao salón da realidade, podemos comprobar como a partir de situacións e circunstancias irrelevantes na vida dunha persoa, esa mesma conxuntura transforma o irrelevante en trascendente e o circunstancial en esencial. Unha muller non se pode imaxinar, por exemplo, que nun accidente automobilístico atope no condutor do coche co que choca o seu futuro marido. Ou o mozo recén doutorado que facendo o Camiño de Santiago se cruza co presidente dunha empresa multinacional que lle ofrece o cargo de director dunha das súas sucursais. Son ese tipo de tesituras nas que non caben autoprofecías cumpridas, xa que ninguén pode esperar que se realice un resultado esperado a partir de feitos casuísticos.

Consecuencias tristemente trascendentes

Abondan os casos nestes últimos dous anos relacionados coa pandemia que remataron tristemente nun final tráxico e letal. Moitos deles déronse a coñecer a través dos medios de comunicación e das autoridades sanitarias. A gran maioría dos decesos por Covid-19 debéronse a contaxios colectivos, á convivencia familiar, á falta de vacina nos afectados, ás visitas a centros de saúde, á falta de máscaras… En definitiva, a contaxios adquiridos en circunstancias e situacións totalmente irrelevantes, pero que se transformaron en trascendentes porque pola súa causa os actores desa conxuntura perderon a vida.

            En momentos e trances similares aparecera o ano 1963 o caso do metílico.  Centos de vítimas mortais en Galicia e de traumas irreversibles en pacientes afectados polo alcol métilico, utilizado no viño e noutras bebidas alcohólicas, foron as consecuencias traxicamente trascendentes de actividades e momentos tan irrelevantes como tomar unha copa de licor café ou de augardente das herbas, beber un vaso de viño na comida ou botarlle unhas gotas de augardente branca ao café.

            Estes casos forman a parte gris e negativa da existencia humana, esa vida que Unamuno estampou de forma tan maxistral no seu libro Del sentimiento trágico de la vida; ou que Heidegger lanzaba a súa terrible profecía, imperiosamente realizable: o ser humano é un ser para a morte (Das Sein zum Tode); ou mesmo o rancio e desesperanzado pesimista Arthur Schopenhauer que enviaba ao seu libro As dores do mundo estas duras palabras: “o estado natural do ser humano é, de facto, o sufrimento, e a desgraza é a regra xeral da vida, non a excepción”.  Mesmamente, o xesuíta español Baltasar Gracián tampouco ten misericordia coa morte: “Trocose la alegría del nacer en el horror del morir, el trono de la mañana en el túmulo de la noche” (Criticón).

Que mágoa todas esas formas de ver a existencia humana, e que rabia non poder incluír a morte como unha das posibilidades da vida e non como unha imperiosa necesidade. Igual que estamos condenados a ser libres, tamén estamos condenados a morrer. A morte é o fracaso das posibilidades existenciais da vida, aínda que sendo inxusta goza dunha esclarecida presenza ao longo dela. “Oh vida, no habías de comenzar, pero ya que comenzaste no debías de acabar” (Baltasar Gracián: Criticón).

A vida, tanto se se vive de forma consciente como inconsciente, é un proxecto. E como proxecto necesita obxectivos, medios, recursos, cooperación…para ir avanzando cara a unha meta programada. Nos momentos en que o ser humano é consciente de que o seu proxecto avanza sincronizado e de que os recursos e medios actúan de forma holística cos obxectivos, aparecerá como invitada de honra a felicidade. Por tal motivo debemos loitar por ela, enterrando esa idea pesimista e necrófila da vida. Cómpre ondear a bandeira do optimismo vital, porque a vida é digna de ser vivida e merece a pena gozala, festexala e mimala.

O trascendente e o irrelevante

Ás veces tomamos por trascendentes para a nosa vida algo que ao final resulta un auténtico fracaso. En cambio, aquilo que non parece interesante a primeira vista pode resultar esencial para o noso proxecto vital. Sirva como exemplo o conto do Reiseñor e a rosa, de Óscar Wilde, no que un mozo estudante soña co amor dunha moza, coa que pretende bailar ao día seguinte no baile organizado polo príncipe. Pero a súa namorada non bailará con el a non ser que lle leve rosas vermellas. Daquela, o estudante fai a seguinte reflexión: “de que insignificancia pode depender a felicidade!”

            Como no seu xardín non había rosas vermellas, un reiseñor que aniñaba nunha enciñeira preto do xardín escoitaba os queixumes do mozo e tratou de lle buscar solución ao seu problema. Voou polo bosque buscando un rosal con rosas vermellas, pero fracasou nos seus varios intentos. Non obstante, fixo un último intento logrando unha difícil solución: un rosal, que florecía rosas vermellas, estaba murchado polo inverno, pero que lle prometeu florecer se lle permitía que as súas espiñas penetrasen no seu corazón para que o sangue circulasae polas súas veas. O reiseñor, que valoraba o amor por enriba da súa vida, aceptou inmolarse por aquel mozo. Mentres o sangue do corazón do paxaro ía entrando no rosal, o reiseñor cantaba exaltando o amor. Unha vez que no rosal circulou o sangue, floreceu unha “marabillosa rosa que arroibou como rosas de Bengala”, mentres o reiseñor expiraba.

            Cando o estudante se levantou pola mañá e viu aquela rosa que non vira outra semellante na súa vida, saiu correndo cara á casa da súa namorada para presentarlle a rosa: “Dixéchesme que bailarías comigo se che traía unha rosa vermella. Velaquí a rosa máis vermella do mundo”. Pero a moza respondeulle que aquela rosa non ía harmonizar co vestido que pensaba levar ao baile aquela noite. Ademais -dixo a moza-, “o sobriño do chambelán envioume xoias auténticas que custan máis que as flores”. Entón, o estudante, indignado, tratouna de ingrata arroxando aquela rosa vermella á rúa, mentres recibía da moza unha reprimenda por tal actitude: “portácheste como un brután… pero ti quen es? Un simple estudante”.

            Ante aquel fracaso do seu proxecto vital con aquela moza, o estudante chegou á seguinte conclusión: “Que bobada é o amor! Non é a metade de útil que a Lóxica, porque non pode probar nada; fala sempre de cousas que non sucederán e fai crer á xente cousas que non son certas. En realidade, o amor non é nada práctico; e como na nosa época todo estriba en ser práctico, vólvome á Filosofía e ao estudo da Metafísica”.

            A crítica ao amor que se agocha tras este conto parece evidente, aínda que, como cómpre intuír, conseguilo non se logra nin sacrificando unha vida, como é a do reiseñor. Posiblemente o amor se consiga moitas veces por detalles insignificantes, como por un paquete de tabaco sobre a barra dun bar ou por un simple encontronazo de dúas persoas na rúa.   

Unha vida humana, independentemente de quen sexa o seu portador, está ateigada de emocións, pensamentos, actividades, alegrías, tristezas, amores, desamores, éxitos, fracasos… pero imposibles de poder ser rememorados todos e cada un no rexistro dun posible balance da existencia. Son imborrables as vivencias que condicionaron e determinaron os obxectivos fundamentais da nosa vida, incluso aqueles que se viviron como superciais e irrelevantes pero que grazas a eles se decidiu o sentido mesmo da vida. Seguro que cada persoa ten máis dunha situación que no seu código axiolóxico aparece como irrelevante, banal e anodino, pero que a ten asumido como a causa de valores esenciais e identificativos da súa personalidade.

            O normal é que os fenómenos que consideramos irrelevantes os interpretemos como azarosos ou casuísticos, aínda que obxectivamente non sexan así. Que un día nos atopemos na praia cun amigo que non vemos desde hai tempo porque non vive na nosa cidade considerámolo casuístico e non lle damos a menor importancia porque non vai cambiar a nosa vida. En todo caso pode producirnos unha gran alegría poder velo de novo. En cambio, os feitos trascendentes réxense polo principio de causalidade, porque se interpretan como orixe causal dunha modificación esencial da nosa vida.

Bergson conta que os seres humanos nos enorgullecemos de facer algo de forma deliberada porque o pensamos, pero sempre cometemos actos automáticos coma se fósemos unha marioneta. Gran parte deses actos resultan Irrelevantes, fútiles, intrascendentes, insignificantes, superfluos… Pero, que é o irrelevante, o superfluo e o insignificante? Desde unha perspectiva ontolóxica, estes conceptos, igual que o concepto de trascendente, nunca os atoparemos realizados no mundo físico. No mundo material todo está sometido ás leis físicas, que son ditatoriais, necesarias, inviolables, obxectivas e absolutamente independentes da forma que teñamos de ver os fenómenos empíricos. En consecuencia, tanto o trascendente como o irrelevante penduran do relativismo e do subxectivismo. As accións humanas, do mesmo modo que calquera fenómeno físico, entran a formar parte do contido mental de cada persoa desde o momento de coñecelas. E como cada individuo dispón de contidos diferentes aos dos demais, a interpretación será tamén diferente. Non obstante, a semántica deses conceptos antagónicos -trascendencia e irrelevancia- non varía, independentemente do que cada un de nós asigne como referente.

Mentres eu pensaba na confección deste artigo, interroguei a algúns amigos, amigas e coñecidos sobre como coñeron ás súas parellas, como cren que uns determinados estudos modificaron a súa vida ou como a súa profesión puido afectar á súa familia. Case todos recoñeceron que a orixe de calquera desas preguntas se iniciou nunha circunstancia casuística e irrelevante.

Marcos L. coñeceu a súa esposa nunha viaxe programada polo cura da parroquia. Sentaron en asentos continuos do autobús (algo irrelevante e casuístico), pasáronse os seus teléfonos e empezaron a verse. A partir de aí, todo o demais transcorreu camiño da trascendencia matrimonial na que se atopan agora. E aquí si que intervén a causalidade, porque de non ser por aquela coincidencia de sentar un ao lado da outra, non pasarían os seus teléfonos, nin se verían máis adiante nin prendería neles o lume do amor. Esa cadea de acontecementos, desde a excursión parroquial ata o matrimonio, vai unido causalmente, pois desaparece a casualidade e o azar co que se iniciou esa familia. Marcos evolucionou desde a irrelevancia a un estado de trascendencia e de enorme importancia que determinou a súa vida.

Hai uns días conversaba cun amigo periodista -destacado e recoñecido periodista galego- que me explicaba como de estar a punto de matricularse na Facultade de física, que consideraba a súa vocación desde pequeno, un suspenso en matemáticas en COU trastocou os seus plans estudiantes, pois superadas as probas de selectividade matriculouse na Facultade de periodismo. “Que tería sido de min -interrogábase el- se me matriculara na Facultade de Ciencias en Santiago?”.

Outro amigo confesábame nesta mesma semana como o seu matrimonio se debe a un paquete de tabaco colocado na barra dunha cafetería. Como algo tan trascendente como é o matrimonio pode ter unha causa tan superficial como a colocación dun paquete de tabaco rubio sobre unha barra dunha cafetería?

Eu mesmo decidín estudar filosofía na Universidade de Barcelona, nun momento de ter reservado praza nun colexio maior de Madrid para matricularme na Complutense. Un amigo meu, que tiña na Cidade Condal uns veciños da súa aldea que xestionaban unha famosa residencia en Galerías Maldá, ao lado da rambla de Canaletas, acababa de se matricular na Facultade de Clásicas en Barcelona. Convenceume para cambiar de Universidade ao explicarme as vantaxes daquela residencia familiar: bo trato, magnífica ubicación, próxima á universidade… Eu tamén me pregunto agora: como me tería ido na vida de matricularme na Complutense? A resposta cae dentro dos futuribles, polo que me resulta imposible desvelalo. Do que teño constancia é do que perdería de non ir a Barcelona. Por ende decátome de que me faltaría o orgullo de ter profesores -ao final convertidos en grandes amigos- como Jesús Mosterín, Emilio Lledó, Pere Lluís Font, Francés Gomá, Miguel Siguán, Pedro Cerezo, Francés Canals… e a través deles, das amizades de Mario Bunge, Ignacio Morgado, Adolf Tobeña, Camilo José Cela Conde, Javier Sádaba… todo un privilexio! Mesmo me faltarían momentos inesquecibles e enriquecedores de compañeiros e amigos da Facultade como Valentí Gómez i Oliver, Adela Vives, Pedro de la Fuente, Víctor Villella Vilageliu, María Rosa Ubiols, Guillermina Mota, María Abdulia…

Esas pequenas cousas detrás da porta son as que marcan cada vida, impedindo a entrada a moitas outras que rivalizan por entrar.

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.