Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)

IES CHAMOSO LAMAS

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

OZOCOgz Deseño Galego

                                                                             Son aquellas pequeñas cosas…

                                                         Te tienen tan a su merced

( J.M. Serrat )

Sabemos que a espontaneidade non resulta programable nin sumisa, razón suficiente para darlle oportunidades sen impoñerlle condicións nin normas reguladoras que limiten a súa preclara presenza na vida. Asumindo que a realidade resulta moito máis complexa e matizada que o que dela coñecemos, aceptamos que a espontaneidade é quen de podernos garantir os recursos e lances esenciais para unha intensa plenitude da vida, incluso no medio das máis banais situacións e dos ecos intensamente turbulentos. Somos proclives a pensar que aquelas cousas que brillan no noso imaxinario e que impactan socialmente cos seus inmensos atributos, exhibíndoos como valores extraordinarios, nos son inalcanzables e que están lonxe da nosa vida, pensamento que nos arrastra á frustración, sen ponderar que son aquelas de pouco valor e aparentemente irrelevantes as que en número máis elevado e con maior intensidade inflúen en nós aportándonos a mellor despensa e o gran caladoiro da nosa felicidade.

Profecías e autoprofecías incumpridas

Cremos que a implicación dunha persoa nun magnífico proxecto, o seu compromiso nunha importante empresa, a súa adhesión a unha idea orixinal ou a íntima relación e vinculación con alguén socialmente importante ou famoso son avais suficientes para garantir o éxito na vida. Pensar así implica serpentear en crenzas contiguas a un determinismo sociolóxico que, tal como podemos comprobar, colisiona case sempre coa realidade. Nin o éxito nin o fracaso veñen sempre determinados por principios axioloxicamente extraordinarios e significativos, senón que en innumerables casos desembarcan en dársenas diminutas e en palacios sen boato. As situacións deciden case sempre.

O efecto Pigmalión casa perfectamente con esa idea obsoleta de pensar, porque fai acto de presenza cando se afianza un valor preconcibido sobre o que se produce o efecto pertinente, provocando así un aumento da autoestima do suxeito. A orixe desta conduta psicolóxica parte dun mito grego, no que o escultor Pigmalión se namorou de Galatea, unha das súas creacións escultóricas. A tal punto chegou a súa paixón pola escultura que trataba a Galatea coma se fose unha muller real con vida propia. Grazas á deusa Afrodita, que quixo premiar o amor do artista pola súa obra, a escultura cobrou vida despois dun soño do escultor.

            Porén, un contra exemplo deste efecto, que pode demostrar a equivocación desa forma de pensar á que somos proclives, chegoume a min en forma de rexouba. Eleda V. B. (o nome expresa evidentemente un pseudónimo) é unha muller intelixente, investigadora, filla dun adiñeirado empresario con linaxe de toureiros famosos. De nova, na súa etapa universitaria, parece que desprendía beleza e simpatía por onde pasaba. Con tales méritos non sorprendía que o revoloteo masculino sobre ela provocase turbulencias entre os seus compañeiros e fascinación entre os seus achegados. Atendendo aos meus informadores, Eleda ennoviou cun colega da súa clase, ante a envexa dos compañeiros de Facultade. Despois de dous anos de noivado, ambos decidiron casar, pero coa condición imposta por ela de vivir en Valencia -onde vivía Eleda- e non en Bilbao, de onde era Xeremías M., o noivo. A ilusión de felicidade de Eleda parecía cumprirse e así o vaticinaba a súa contorna. En cambio, aqueles anos entusiastas de relación entre ambos compañeiros, que significaban unha posición trascendental para o seu futuro, tronchouse pola negativa de Xeremías a seguir vivindo en Valencia.

            Aínda que os seus amigos, compañeiros e coñecidos profetizaban un matrimonio feliz, o efecto Pigmalión, ao parecer, fracasou por completo. Un amigo dela dime que casaron cada un cunha parella da súa cidade de orixe, aínda que na actualidade ambos seguían -en silencio- conservando o cariño e a admiración mutua daquela etapa de estudantes tentando recobrar unha reconciliación; pero -na opinión do meu confidente- os anos que os separan poden resultar intransixentes coas súas aspiracións actualmente platónicas e, desa maneira, a esperanza parece fragmentada por grandes dúbidas. O tempo non perdoa para ningún dos dous! E aquela decisión de non querer vivir en Valencia, que a Xeremías lle parececía tan irrelevante, decidiu algo tan trascendente como o fracaso dun profetizado matrimonio. O irrelevante e intrascendente superou neste caso ao fundamental.

Casos históricos de irrelevancias trascendentes

Harrison Ford

Este famoso actor, despois de se graduar no Instituto, incorporouse á Universidade de Wisconsin para estudar filosofía e Literatura inglesa. Pero os resultados académicos resultaron nefastos, polo que se apuntou a cursos optativos de arte dramático crendo que así tería unha oportunidade de aprobar e de obter boas notas nos estudos universitarios. Foi durante a práctica desta actividade onde se decatou de que o seu era a interpretación e non a literatura nin a filosofía. A partir dese momento xa non lle importaron os estudos, que abandonou inmediatamente cursando terceiro, para dedicarse á interpretación. Participou nalgunhas series e películas en papeis bastante irrelevantes, polo que decidiu abandonar o mundo do cine e dedicarse á carpintería. E como carpinteiro realizou obras para os Estudos Goldwyn, onde tivo a oportunidade de coñecer ao director de cine Fred Roos, quen lle presenta ao xove director George Lucas, que o catapultou definitivamente ao éxito.

            Comprobamos, pois, que a orixe e a causa do éxito da vida de H. Ford nace de pequenas circunstancias irrelevantes -anotación a unhas clases de arte dramática como alternativa a importantes estudos universitarios, oficio de carpinteiro- que se impuxeron a outras socialmente moito máis relevantes.

Isaac Newton

Unha das anécdotas históricas máis populares de irrelevancia, que acabou transformándose en trascendental, tivo como protagonista ao físico e filósofo Isaac Newton. Cóntase que atopándose á sombra debaixo dunha maceira caeulle unha mazá na cabeza, suceso que lle iluminou a mente para crear a idea da gravidade, coa que Newton creou posteriormente a teoría da gravitación unversal. Esta anécdota non semella ser real, pois parece que foi Voltaire quen a inventou para explicársella ás damas francesas coas que departía. Con todo, non deixa de ser verosímil. O importante do caso radica na irrelevancia da caída dunha mazá que historicamente se converteu nun dos achados máis importantes da ciencia. De non ser verdadeiro este relato, polo menos así aparece no imaxinario da historia como algo trascendental, sen que a historia nos aporte outra razón máis importante para xustificala.

Erwin Schrödinger

            O gran teórico da física cuántica Erwin Schrödinger, creador do famoso paradoxo do “gato”, morto e vivo simultaneamente, sentía unha patolóxica debilidade polas mulleres. Esa fraxilidade manifestábaa incluso pola súa esposa Anne Marie, que actuaba de celestina co seu marido permitíndolle ter tantas amantes como quixera. Ela era cómplice dos encontros amorosos de Erwin ata o punto de despedir á querida de turno cando o seu marido se cansaba dela. O azar interviu no momento en que Schrödinger estaba cunha amante no hotel cando tivo a formidable intuición da súa famosa fórmula da física cuántica. Aínda hai un debate aberto sobre a identidade daquela amante coa que se relaciona a fórmula da mecánica cuántica. Unha amante non parece ser unha razón especialmente relevante, alomenos para a mecánica cuántica, pero neste caso resultou absolutamente trascendente.

Mario Bunge

            Outro caso que se pode contabilizar nos mesmos parámetros -irrelevante transformado en trascendente- é o segundo matrimonio do filósofo e científico Bunge. Mario Bunge -separado da súa primeira muller e con dous fillos- relata na súa biografía como coñeceu a Marta, a súa segunda esposa, nunhas circunstancias totalmente irrelevantes, pero de enorme trascendencia na súa vida:

“Marta era seria, inteligente, simpática, callada, corajuda, muy bonita y elegante. Solía estudiar junto con otras tres chicas, dos años mayores que ella. Las cuatro asistían a mi curso como oyentes y estudiaban Filosofía y Pedagogía en el Instituto del Profesorado Secundario… Empecé acompañando a Marta a Retiro, nos demorábamos en un banco bajo el reloj de los Ingleses y, por último, nos confesamos mutuamente enamorados… Sus padres se enteraron, le prohibieron que siguiera viéndome y mandaron a sus dos hermanas a espiarla. Pero seguimos comunicándonos por intermedio de amigos. Finalmente, Marta consintió en casarse conmigo y convinimos en escaparnos en avión a la ciudad argentina de Córdoba, el 30 de diciembre de 1958” (Memorias. Entre dos mundos; 138). Foi para Bunge algo circunstancial a forma de coñecela, sen intención de buscar en Marta matrimonio. Pero aquela alumna cambioulle totalmente a súa vida.

J. G. Fichte

            Singular casualidade -moi insignificante certamente-, con posteriores implicacións trascendentais, viviu o filósofo alemán Johann Gottlieb Fichte. A súa primeira infancia circulou polos estreitos carreiros da miseria, gardando patos e axudando ao seu pai na profesión de tecedor. Pero un sorprendente episodio deulle oportunidade de cambiar de vida e poder estudar. Un domingo, o barón Von Miltitz chegou tarde á igrexa e, preocupado por non oír o sermón, os veciños dixéronlle que o neno Johann G. Fichte podía repetirllo. E parece que aquel rapaz o fixo de forma tan admirable que o nobre Miltitz costeoulle os estudos, chegando posteriormente a ser un dos grandes filósofos idealistas alemáns.

De non ser por ese dato, bastante irrelevante, do retraso do barón á igrexa aquel domingo, formaría Fichte parte da historia do idealismo alemán? Probablemente, non.

F. Nietzsche

Nietzsche tampouco se libra dun episodio casuístico e ordinario, enmarcado nunha actividade irrelevante, aínda que de traumática trascendencia para a súa vida: Ao comezar a guerra entre Prusia e Austria (1866), Nietzsche alistouse ao exército como sanitario voluntario. E mentres facía instrución sufriu unha grave caída dun cabalo que o conduciu ao hospital, onde permaneceu cinco meses.

Como consecuencia dese episodio, ao cumprir trinta e cinco anos, acusou no seu corpo ataques constantes de dores e estados depresivos. Comezaron a manifestarse episodios de trastornos mentais que o levaban a peregrinar polos Alpes suízos, polas costas do Mediterráneo, por Venecia e outras cidades italianas. O ano 1888 é o derradeiro da súa vida consciente, falecendo o 15 de agosto de 1900 sen poder recobrar a razón.

Que aquela inoportuna caída do cabalo, unida a unha máis que discutible herdanza xenética, condicionou a súa vida parece evidente. Pero, puido afectar tamén ás súas ideas, á súa filosofía en xeral? Sen eses antecedentes sería posible que escribise Así falaba Zaratustra, A xenealoxía da moral, O anticristo ou Máis alá do ben e do mal? O que non parece cuestionable é que non foi un problema dexenerativo das súas neuronas cerebrais -que sería unha razón fundamental- o que explica os seus trastornos mentais condicionando a súa vida, senón aquel trompazo no cabalo, que se considera unha circunstancia de moita menor importancia que a dexeneración neuronal.

H. Bergson

Unha de tantas clases -aburrida e irrelevante como debían ser as súas- que impartiu Henry Bergson nos primeiros cursos como profesor no Liceo Clermont-Ferrand, foi a do día que explicou os paradoxos do presocrático Zenón de Elea. Empezou a clase enumerando os paradoxos de Zenón (“Aquiles e a tartaruga”, “o arco e a frecha”, “os atletas e o estadio”…) cando á súa mente se aproximou unha idea moi fresca: a ciencia só logra as formas estables que resultan da evolución, e o movemento, que consiste na evolución mesma, fuxe aos procedementos científicos podendo ser captado soamente pola intuición. Foi así como xurdiu o concepto de “intuición” como unha nova forma de coñecemento que, xunto ao concepto de “impulso vital” (élan vital), sería o gran piar da súa filosofía. De non explicar naquela clase os vellos paradoxos, concibiría Bergson o concepto de intuición, sobre o que construiu o seu sistema filosófico? Un fugaz lóstrego mental puido derivar no píar dun sistema filosófico?

Roger Penrose

O que tampouco se imaxinaba o gran físico Roger Penrose era a trascendencia que representou para el a asistencia a un curso de lóxica matemática en Cambridge impartido por Steen. Aquel curso, “máis tarde resultou ser moi influínte, aínda que naquel momento non me decataba. Formouse o meu particular punto de vista sobre a investigación no campo da física e da cosmoloxía” (Entrevista do 1996 no Mathematical Institute of Oxford).

Quizais cómpre lembrar que, con Stephen Hawking, Penrose descubriu os teoremas de singularidade do espazo-tempo, que se relacionan con rexións do universo onde non funcionan as leis físicas. A singularidade máis importante está presente no Bing-Bang, pero Penrose e Hawking extrapolárona aos buracos negros, sobre os que Oppenheimer e Snyder xa investigaran -aínda que sen esa denominación- como “colapso” dunha estrela masiva (dúas veces como mínimo a masa do sol).

Aquel curso polo que optou Penrose determinou toda a súa investigación en física e astronomía. De non matricularse naquel curso de lóxica matemática -foi unha mera decisión, non unha obriga académica- é posible que non pasase á historia.

Hubble

Un dato irrelevante forma parte da biografía de Hubble, un dos astrónomos máis importantes do século XX. Durante os seus estudos universitarios, manifestou unha verdadeira paixón polo deporte, en especial polo atletismo, baloncesto e boxeo. E foi no boxeo onde máis destacou, ata o punto de ser proposto para profesional e para enfrontarse ao daquela campión do mundo de pesos pesados, Jack Johnson. Pero ao mesmo tempo de estar tan implicado no deporte, ofrecéuselle unha beca para estudar astronomía na Universidade de Oxford. E optou por esta segunda alternativa. Que sucedería se aceptara a primeira opción? Pasaría á historia como un gran campión de boxeo dos pesos pesados? O que sabemos é que unha decisión que el mesmo podería avaliar naquel momento como irrelevante convertéuselle en extraordinaria.

Herschel

Outro famoso astrónomo, descubridor do planeta Urano, o alemán William Herschel, foi un extraordinario músico durante a súa xuventude. Formou parte, xunto co seu pai e seu irmán, da banda do Rexemento de Gardas de Infantería do exército. Máis tarde dirixiu unha orquestra na que a súa irmá era soprano. Pero como lle gustaba mirar polas noites as estrelas, mercou o libro Astronomía, que lía con gran interese nos seus momentos de lecer. E contaxiou á súa irmá coa súa afección ata o punto de que ambos construíron un telescopio co que observaban o firmamento. Finalmente, Herschel abandonou a música para dedicarse á astronomía. De non sentir esa afección pola astronomía habería pasado á historia? Ou, quizais, teríase convertido nun músico tan importante como Bethoven, Bach ou tantos outros importantes músicos alemáns? Resulta imposible descifrar os futuribles.

Feynman

Máis que sorprendente resulta a vida de Richard Feynman, un dos máis importantes físicos norteamericanos do século XX. Acudir a bares onde traballaban mozas en topless era unha das súas grandes debilidades, por considerar que este ambiente tan vulgar e irrelevante era ideal para a súa inspiración. E así, mentres observaba o deambular daquelas mozas sen suxetador, Feynman escribía ecuacións e ideas nas servilletas do local. E, ao parecer, para implementar aínda máis a súa extravagancia, acudía a centros de alterne mentres a súa esposa estaba ingresada no hospital. Podería ser un físico tan importante e famoso na historia da ciencia de non asistir a ese tipo de bares? Seguramente o que considerariamos normal na creación desas ecuacións sería ver a Feynman nun departamento ou nun laboratorio da universidade rodeado de libros e de alumnos realizando prácticas, nunca nun bar de alterne.

Epílogo

“Ningunha acción, ningún éxito é posible sen unha atención total ás causas secundarias” (E. M. Cioran: Siloxismos da amargura).

            Pequenas cousas coas que tropezamos a cotío, situacións nas que nos vemos implicados que son catalogadas de vulgares, vivencias que nos pasan desapercibidas, encontros fortuítos, visitas inesperadas… poden trasladarnos a importantes e impensables formas de vida que determinan e xustifican a nosa existencia. Non as infravaloremos, porque a súa existencia independente de nós detenta a mesma valía que todas esas cousas e circunstancias xulgadas como fundamentais. Tanto o importante e valioso, como o intrascendente e fútil son categorizacións exclusivamente subxectivas. Así que integrémolas todas nos alicerces da nosa vida e non as deixemos pasar. Nunca sabemos que nos poden aportar.

—————————————————————————————————

Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.