O termalismo europeo reivindica a unión de “saúde e turismo” como valores clave para reactivar economías e territorios

Videoconferencia Manuel Baltar cos membros da ETAH.

O comité executivo da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa ( EHTTA), presidido por Manuel Baltar, aprobou hoxe incorporar á rede termal á cidade alemá de Bad Ems e avanzou na estratexia de celebrar en 2021 en Saratoga Springs unha reunión internacional de termalismo para promover a oferta termal europea no mercado de Estados Unidos

O termalismo europeo reivindicou hoxe a unión de “saúde e turismo” como “valores clave para reactivar economías e territorios”. Así o afirmou Manuel Baltar, presidente da Deputación de Ourense e da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa ( EHTTA), na reunión celebrada por videoconferencia polo comité executivo desta rede termal de entidades públicas, a máis importante de Europa no sector, e que defende en plena realidade social do COVID-19 un novo modelo de turismo que conjugue saúde, sustentabilidade e seguridade, “como valores clave para reactivar economías e territorios rurais vinculados ao termalismo”, sostén Baltar.

AVANTAR ACTIVIDADES

A reunión do comité executivo, presidida por Manuel Baltar, aprobou incorporar á rede termal á cidade alemá de Bad Ems -situada no parque natural de Nassau, con máis de 15 mananciais termais-, incorporación que se fará efectiva na próxima asemblea xeral da asociación, e avanzou na estratexia de celebrar en 2021 en Saratoga Springs (USA) unha reunión internacional de termalismo para promover a oferta termal europea no mercado de Estados Unidos.

Na reunión púxose de relevo “o valor do termalismo e dos recursos naturais nun momento como este, en plena pandemia, onde o turismo nun futuro inmediato debe estar vinculado fundamentalmente á saúde, o ben máis prezado, e as cidades históricas termais de Europa reivindican máis que nunca o seu protagonismo nesta época e fortalecen alianzas para levar a cabo novas iniciativas”, dixo Baltar.

Ademais, o comité executivo da EHTTA avanzou no orzamento da rede para 2021, ano no que se prevé a posibilidade de realizar un acto de internacionalización do termalismo europeo en Saratoga Springs, no estado de Nova York, proxectado con outras organizacións europeas e co apoio da European Travel Comisión da Unión Europea, “nun escenario no que aínda quedan por concretar as axudas e fondos comunitarios, que tamén teñen moito que ver coas cidades e as zonas termais europeas, situadas en lugares con necesidades vinculadas á axenda política como é a propia demografía ou a posta en valor dun recurso natural tan importante como o termalismo”, afirma Baltar.

O presidente da EHTTA encomiou que todas as decisións do comité aprobáronse por unanimidade, “reflectindo o consenso existente e a importancia de chegar a acordos en favor dos territorios termais europeos, nunha etapa na que esperamos que a pandemia teña o menor efecto negativo posible, e neste sentido, as cidades e territorios termais de Europa contribuímos coas nosas fontes de benestar na recuperación social e económica”.

Sobre o importante evento de Saratoga Springs, Baltar avanza que xa se están mantendo contactos co estado de Nova York e co municipio de Saratoga, “e queda por ver se a evolución da pandemia permite realizar este encontro internacional en 2021 ou é necesario pospoñelo ata 2022, un evento que será a posta de longo do termalismo europeo en Estados Unidos, para o que se está traballando xa nun produto turístico termal propio de Europa que poida ter un valor singular nos mercados internacionais, e especialmente no mercado estadounidense, nun momento clave como será o da pospandemia onde o benestar xogará un papel decisivo á hora dos movementos de persoas e a elección de destinos turísticos”.