O delegado da Xunta informa a autónomos e PEMES do segundo Plan de Rescate

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, desenvolveu esta mañá un webinar informativo dirixido a autónomos e microempresas para explicarlles polo miúdo o 2º Plan e rescate do Goberno galego.

Gabriel Alén, que estivo acompañado do xefe territorial da Consellería de Emprego e Igualdade, Yago Borrajo, anunciou que este Plan, aprobado no Consello da Xunta do pasado xoves, dotado con 75 millóns de euros,  abrirá a partires do venres o prazo de solicitudes cun sistema de tramitación moito máis sinxelo que o primeiro.

AVANTAR ACTIVIDADES

O delegado territorial explicou que as axudas do segundo plan de rescate son compatibles e acumulables coas do primeiro, en virtude do cal se aboaron máis de 33.605 axudas en tempo récord, por un importe de 69 millóns de euros, e que ata o de agora todas as axudas que cumpriron os requisitos foron pagadas.

Deste xeito, destacou Gabriel Alén, que o 60% desta cantidade foi destinada ás axudas solicitadas polo sector da hostalería, en concreto, 38,8 millóns de euros; resultando que un negocio ou establecemento que se beneficie do primeiro e do segundo Plan de rescate podería percibir un mínimo de 3.400 euros (sumando os 1.500 euros de axuda mínima do primeiro plan e os 1.900 do importe mínimo da segunda convocatoria) ata un máximo de 24.200 euros (8.500 máximo do primeiro plan e 15.700 do segundo).

Na mesma liña co anuncio do presidente Feijóo, o delegado territorial manifestou que “seguimos loitando contra a covid e seguimos apoiando tamén aos sectores económicos máis afectados pola pandemia”, e subliñou,  “que estas axudas se conceden por establecemento, non por persoa afectada, o que permitirá que unha persoa con varios negocios poida acceder á cantidade correspondente en cada un deles”. “Somos unha administración que ofrece axudas directas aos sectores prexudicados pola covid, e dado a gravidade da situación, é necesario que todas as administracións sumemos esforzos e non mirar para outro lado”, sentenciou.

Outros sectores afectados

O delegado territorial da Xunta incidiu en que tamén se terán en conta as necesidades doutras actividades obrigadas a pechar como poden ser os ximnasios ou parques de ocio infantil. Así haberá catro liñas diferentes, todas compatibles entre si, dirixidas a persoas traballadoras autónomas, microempresas, hostalería e outras actividades pechadas desde xaneiro.

Deste xeito, Gabriel Alén aseverou que poderán acollerse a el os traballadores autónomos, microempresas ou pemes que desenvolvan unha actividade que se vexa afectada polo peche conforme á normativa ditada polas autoridades sanitarias. No caso desta liña, as axudas estarán entre 1.900 e 3.700 euros.

Máis polo miúdo, e dentro da primeira liña, o representante do Goberno galego destacou un programa para axudar ás persoas traballadoras autónomas, ao que se destinarán 30 millóns de euros, con apoios de entre 1.200 e 3.000 euros.

O segundo programa dentro desta liña, dotado con outros 30 millóns, estará dirixido a microempresas e o apoio económico irá de 4.000 a 9.000 euros.

Gabriel Alén tamén destacou a posta en marcha dun programa para a hostalería, do que poderán beneficiarse: autónomos, microempresas ou pemes do sector, que se vexan afectados polo peche conforme á normativa ditada polas autoridades sanitarias, podendo recibir desde 1.900 a 3.700 euros.

Aos participantes no webinar,  o delegado territorial insistiulle en que todas estas liñas de apoios serán compatibles, ao respecto e como exemplo explicou que no caso dun establecemento de hostalería cunha caída de facturación de polo menos o 70% e cun número de empregados entre 21 e 25, podería percibir ata 15.700 euros.

Tamén engadiu que aqueles concellos que queiran participar terán que notificar a contía que queiran achegar e desde a Xunta incrementaranse estas contías coas que os concellos ou deputacións consideren oportuno trasladar aos establecementos do seu ámbito territorial.