A Casa da Cultura de Sandiás converteuse no escenario dunha xornada de convivencia onde o xogo e a reflexión se uniron para ensinar aos máis pequenos que o talento non ten xénero.
SANDIÁS – Co obxectivo de construír unha sociedade máis xusta desde a infancia, a localidade de Sandiás puxo en marcha a súa “Xincana en Familia”. A través de retos adaptados por idades, esta iniciativa permitiu que nenos e nenas e adultos compartisen actividades deseñadas para derrubar prexuízos e visibilizar o papel da muller na historia e na actualidade.
A tarde estivo estruturada en tres paradas clave cara á igualdade:
“Eu quero ser…” (5-6 anos): Mediante xogos de mímica, os máis pequenos descubriron que poden ser o que desexen. As nenas convertéronse por un momento en bombeiras ou mecánicas, mentres os nenos asumiron roles de coidados e ensino, demostrando que as profesións non teñen sexo.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
Viaxe a “Vigualia” (7-8 anos): Os escolares percorreron un taboleiro xigante que representaba unha cidade ideal sen barreiras. A través deste xogo coñeceron as fazañas de mulleres referentes como a científica Begoña Vila ou a pioneira Olimpia Valencia, avanzando casas ao superar retos sobre estereotipos no deporte e no traballo.
Música con ollo crítico: Algúns adultos atrevéronse a analizar as letras das cancións. O taller invitou a reflexionar sobre as mensaxes de desigualdade na música actual, fomentando o pensamento crítico e o respecto como base de calquera relación.
Ademais, a presenza importante da familia e a cativada desfrutaron de xogos no patio exterior, con carreiras e actividades tradicionais como saltar á corda, explorando o espazo…
A xornada finalizou cunha entrega de diplomas e unha foto de grupo, pechando unha actividade que foi moito máis que lecer: unha ferramenta de convivencia que converte o xogo nunha lección de vida tecendo comunidade familiar e veciñal.

















