A Casa Artesanía de Galicia de Ribadavia foi o escenario nesta fin de semana, dunha nova proposta para achegar a artesanía ao público a través de obradoiros participativos e accesibles. A iniciativa, impulsada pola Fundación Pública Artesanía de Galicia no marco do proxecto Vilas Vivas, ofreceu tres actividades abertas, gratuítas e dirixidas a todos os públicos, sen necesidade de inscrición previa.
Os obradoiros foron impartidos por María José Martínez e José Antonio Carrera, do proxecto ‘Peixesapop’, e permitiron ás persoas asistentes iniciarse en diferentes técnicas artesanais de maneira práctica e creativa. A programación comezou onte, venres, cun obradoiro de ‘gyotaku’ en saquetas, unha técnica de estampación de orixe xaponesa, e continou hoxe, sábado, cun obradoiro de iniciación ao traballo en coiro, no que os participantes tiveron a oportunidade de coñecer as bases deste material tradicional. Finalmente, mañá, domingo, día 5, terá lugar lugar un obradoiro de marmoleado aplicado a un neceser, unha técnica decorativa que permite crear pezas únicas a través de patróns de cor.
Un dos monitores desta proposta didáctico, José Antonio Carrera, falounos na Casa Artesanía de Ribadavia das técnicas artesanais do ‘gyotaku’, de estampación e decoración de peixes. Esta proposta forma parte do programa Vilas Vivas, unha iniciativa que busca dinamizar o territorio a través da artesanía, fomentando o contacto directo entre artesáns e cidadanía e promovendo o valor cultural e creativo do feito a man.















