A Orquestra Clásica de Vigo trae esta noite un retrato musical inédito de catro mulleres senlleiras

A Orquestra Clásica presentará hoxe no Carballiño Retrato Musical un dos concertos máis singulares desta temporada, realizado en colaboración co dúo multidisciplinar, CintaAdhesiva. Será na Praza da Veracruz ás 21:00 horas, con entrada de balde ata completar aforo.

Para esta colaboración a orquestra seleccionou pezas de Mozart que alternan dous divertimentos e varios números da ópera Così fan tutte. Sobre esas pezas, Silvia Penas, poeta e vocalista de Cinta Adhesiva, creou un texto poético que recitará no directo empregando a métrica e o ritmo dos números da ópera. Por último, Jesús Andrés Tejada, artista visual e instrumentista de Cinta Adhesiva, realizou sobre todo este traballo musical e poético unha proposta audiovisual empregando, entre outras, imaxes da pioneira do cince, Alice Guy.

AVANTAR ACTIVIDADES

En palabras de Silvia Penas, “Retrato musical é unha peza-concerto que conxuga a música de Mozart interpretada pola Orquesta Clásica de Vigo e o traballo poético, de son, e visual do dúo multidisciplinar Cintaadhesiva. Catro retratos de catro mulleres con nomes concretos e apelidos de xerundios: Rosa Cavando, Emilia Chorando, María Esperando e Gabriela Tremendo. Catro mulleres accionando nunha fotografía que resume cadansúa historia. Respondendo a esa necesidade de sermos as protagonistas das nosas vidas, volver narralas para resignificalas”.

A música da Orquesta Clásica de Vigo servirá de fío conductor para a narración desta historia inédita creada po Cintaadhesiva. Unha proposta para todos os públicos que nos achega a outra mirada sobre a función da música clásica e as súas posibilidades, e que xurde da simbiose musical entre dous proxectos recoñecidos cunha nominación nos Premios Martín Códax da Música, nas categorías de Clásica e Electrónica, respectivamente.