Avelino Muleiro: “Mundos acoplados”

Avelino Muleiro García :

-Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda

AVANTAR ACTIVIDADES

          Dedicado a Galia, Alba e Genucha. A Silvana      

Bugallo no seu micromundo. E a todos os mundos

                                                            cos que comparto a relucente galaxia da vida.

Un dos insondables problemas amplamente debatidos desde os inicios da nosa cultura occidental consistía en saber se o mundo que nós observamos é o mundo real, o mundo tal como é en si, ou se, pola contra, o mundo coñecido é distinto do mundo auténtico e verdadeiro. As respostas aportadas á solución do problema son evidentemente discrepantes, tanto as que proporciona a filosofía, como as que agroman na ciencia, na literatura e mesmo no ateigado catálogo de relixións. Os primeiros representantes da filosofía occidental, os presocráticos, xa esbozaron con solemne encaixe este problema. Algúns deles explicaron que o fundamento e a realidade do mundo, o arché, eran os números (pitagóricos); outros, que era o ilimitado –ápeiron– (Anaximandro); Heráclito afirmaba que era o lume –púr-; para Demócrito eran os átomos; Anaxágoras, anticipándose á actual física de partículas, propuxo as homeomerías. Moitos séculos despois, o gran filósofo alemán Manuel Kant (1724-1804) afirmou que só podemos aproximarnos a un coñecemento do mundo como fenómeno, en canto se ofrece observable polos sentidos, pero non en canto á súa auténtica realidade, ao que é en si. O en si do mundo queda oculto como nóumeno, como algo descoñecido para os nosos sentidos. Do mundo como fenómeno ocúpase a cosmoloxía; o mundo como nóumeno cae no ámbito da metafísica.

Os pensadores modernos escorados ao dogmatismo crían posible coñecer o mundo tal como é, esgrimindo o argumento de que a ciencia pode introducirse no seu interior desde as plataformas da química, da física, da bioloxía, da medicina, da astronomía, etc.

David Hume (1711-1776) explicaba na segunda parte do seu libro Tratado da natureza humana -posiblemente a súa publicación máis importante- que “nada se atopa realmente presente ao espírito que non sexan as súas percepcións ou impresións e ideas, e que os obxectos externos nos son coñecidos tan só polas percepcións que eles ocasionan. Odiar, amar, pensar, tocar, ver… non son, en conxunto, máis que percibir”. Esas palabras evidencian que o noso coñecemento do mundo no que nos atopamos é produto dos estímulos que producen os obxectos nos nosos sentidos e que posteriormente quedan gravados na nosa mente. A cuestión radica en saber se esas impresións ocasionadas polos estímulos coinciden cos obxectos, se realmente son obxectivas, é dicir, reais, ou son meras manipulacións de quen recibe os estímulos.

Eses estímulos son esencialmente subxectivos, como explicaba con tanta brillantez Albert Einstein. El remarcou que as nosas observacións e medicións materiais do espazo, do tempo, da velocidade, da enerxía e da masa son inherentemente relativas ao observador, o cal implica que son diferentes para distintos observadores e, polo tanto, son só aparencias relativas a algo máis profundamente real. A súa teoría da relatividade tratou de responder a preguntas tales como que é esa realidade invariable que se esconde detrás das nosas cambiantes medicións e observacións das cousas aparentemente materiais. Utilizaba a expresión “desmaterialización da física” ao entender que a materia e a forza son supostas aparencias dun continuo espazo-tempo no que os fenómenos se relacionan sobre unha xeometría de catro dimensións.

A neurociencia explícanos que a consciencia non é outra cousa que a expresión integradora da información dos estímulos que recibimos constantemente desde o mundo exterior. Polo tanto, a percepción do mundo implica sempre subxectividade, pois cada individuo recibe de forma distinta os sinais procedentes do mundo exterior. Por iso, o coñecemento que ten do mundo cada persoa depende do seu cerebro, porque este filtra a información que recibe, logo procésaa e faina consciente á súa maneira. Nesta explicación, os sentidos xogan un papel extraordinario ao seren as ventás polas que entran todos os estímulos. Os sentidos están en contacto directo cos obxectos do mundo exterior e son os encargados de transmitir os estímulos ao cerebro para que este os procese. Se non existisen os sentidos, o cerebro permanecería baleiro e a súa capacidade para procesar manteríase pasiva. Digamos que os sentidos lle proporcionan ao cerebro a materia prima para que este elabore desde as súas distintas estruturas as imaxes e, posteriormente, confeccione as ideas sobre o mundo. Seguramente esa é a razón e a consecuencia da evolución natural, que utilizou a nosa anatomía e morfoloxía corporal para que a especie humana puidese sobrevivir facendo fronte aos cambios e ás modificacións do planeta, perfeccionando e privilexiando así a nosa especie mentres outras que funcionaron como elos para o homo sapiens sapiens desapareceron do planeta. Que foi, en efecto, dos australopithecos, dos homo habilis, dos neardentalensis e de todos os antropoides que serviron de ponte para a aparición da nosa especie? Os sentidos fóronse perfeccionando simultaneamente co cerebro para que os seres humanos acadásemos a intelixencia necesaria coa finalidade de resolver os problemas medioambientais nos que estamos imbricados. Podemos pensar que ante novos retos do medioambiente, a evolución natural poderá perfeccionar aínda máis os nosos sentidos e facer máis complexo o cerebro para superar futuros retos no planeta. Quizais utilice a Intelixencia Artificial, que, en definitiva, é un desenvolvemento natural das potencialidades humanas.

            Agora ben, as diferentes cualidades que lles concedemos aos obxectos en relación con cada sentido (cor, olor, sabor, son, dureza, etc.) non son responsabilidade dos sentidos, senón do cerebro. O cerebro procesa os estímulos que lle transmiten os sentidos e faino en función das necesidades da supervivencia de cada organismo. Todas esas cualidades que lle atribuímos ao mundo son manipulacións do cerebro, que filtra nos lóbulos cerebrais (frontais, temporais, parietais, occipitais), no tálamo, no hipocampo e, sobre todo, na cortiza externa os estímulos brutos que lle transmiten os sentidos a través das súas conexións nerviosas.

            Que hai realmente fóra do cerebro e fóra da mente? Só hai materia e enerxía. Fóra do cerebro non hai cores, nin olores, nin sons… Se os nosos sentidos tivesen distintos umbrais mínimos, máximos e diferenciáis para captar os estímulos, con total seguridade poderiamos ver directamente as imaxes da televisión ou oír de forma espontánea e natural as emisoras de radio sen necesidade de trebellos e dispositivos (televisores, radios, tabletas, teléfonos móbiles…) que se encargan de modificar as ondas electromagnéticas da fonte orixinal da que proceden para adaptalas á frecuencia na que reciben os nosos sentidos. O mesmo sucedería se tivésemos máis sentidos dos que temos, porque sen ningunha dúbida teriamos outras percepcións do mundo que non temos agora. Que poderiamos observar do mundo con outros sentidos? É difícil sábelo. Tan difícil como poder explicarlle a un cego de nacemento que se faga idea do mundo véndoo en cor. Imposible que un cego se poida imaxinar un mundo con luz. Imposible igualmente saber que mundo percibiriamos con outros sentidos diferentes.

            Non faltaron filósofos, sobre todo nos comezos da modernidade -dígase Spinoza, Malebranche, Berkeley-, que negaron a existencia do mundo exterior. É o que se coñece como acosmismo.

A mente e o cerebro

            A mente non é máis que o conxunto de funcións confeccionadas polo cerebro, unha vigorosa composición de elementos neuronais acoplados entre si para responder de forma integrada como un sistema funcional perfecto. Iso explica que as diversas funcións mentais non sexan independentes unhas das outras, senón que actúan en equipo. Por ende, de funcións mentais como sentir ou percibir, emocionarse ou frustrarse, falar ou pensar… derivan con maxistral fluidez e firmeza outras máis específicas, como amar ou odiar, lembrar ou esquecer, soñar ou razoar. Ese sistema ten vantaxes e inconvenientes. Vantaxes, porque todas esas funcións colaboran na procura dunha mesma finalidade, que non é outra que o benestar e supervivencia do suxeito e da identidade persoal que se fai responsable única da acción operativa conxunta. Inconvenientes, en tanto en canto aparece unha repercusión negativa do sistema completo cando falla algunha das funcións específicas. Casos como unha lesión na parte frontal do hemisferio esquerdo do cerebro, que regula a linguaxe, pode afectar ás emocións ou á forma de pensar.

Un universo de mundos

A estrutura anátomica e funcional do cerebro é un modelo común para todos os seres humanos, pero en cada persoa o proceso é subxectivo e propio. A imaxe que fabrican os cerebros humanos sobre o mundo e os obxectos dos que está formado é a mesma para todas as persoas? É dicir, todas as persoas percibimos o mundo da mesma maneira e conectamos do mesmo xeito as percepcións á unha agochada realidade tras delas?                              

            Podemos pensar que cada persoa ten unha percepción do mundo igual ou parecida á que temos cada un de nós, porque todos estamos producidos da mesma materia. Somos po de estrelas, fabricado nos laboratorios estelares por fusión nuclear. Pero tal orixe non implica identidade funcional. Hai que ter en conta que cada persoa ten os seus propios sentidos e o seu propio cerebro, e non sempre estes funcionan da mesma maneira. Incluso pode haber órganos deteriorados e con mal funcionamento, o que provoca problemas na elaboración das percepcións. Xa dicían os escolásicos medievais que quidquid recipitur a modo recipientis recipitur, o que se recibe, recíbese segundo a forma do recipiente. A inferencia lóxica parece evidente: cada persoa ten o seu propio mundo. E o conxunto de todos eses innumerables mundos é o universo. Neste universo debemos entendernos e saber convivir, tentando acoplarnos en todos os estímulos exteriores que enmascaran unha presunta e pretendida realidade. Se os mundos coinciden na interpretación dos estímulos coa realidade, o acoplamento entre eles será posible. No caso de disonancia, aparece o desaxuste ou desacoplamento. Ese desaxuste é, frecuentemente, consecuencia dos intereses encontrados e antitéticos de cada mundo persoal. E tales intereses antagónicos nacen e configúranse na ourivaría cerebral onde os estímulos se modifican en percepcións, ideas, emocións e sentimentos.

            A evolución impregnou o noso cerebro dun potente instinto gregario que implica “un conxunto de procesos para inferir que quen nos rodean están pensando e sentindo coma nós” (Janson Mitchell, Xefe do Laboratorio de Cognición Social e Neurociencia Afectiva de Harvard). Estudos de neuroimaxe realizados ultimamente sinalan que a cortiza prefrontal, a cortiza parietal e a intersección entre ambas están directamente implicadas en comprender que sucede na mente doutras persoas. Pero, co uso excesivo dos dispositivos e trebellos tecnolóxicos, en especial dos ordenadores, esa capacidade innata para contactar con outras mentes pode deformarse de forma patolóxica. “Unha hiperactividade crónica das rexións cerebrais implicadas na actividade social pode arrastrarnos a percibir mentes onde non as hai, incluso en obxectos inanimados” (J. Mitchell: Despachos sobre o futuro da ciencia).

            A neurociencia alértanos dos perigos nos que podemos caer no caso de abusar dos dispositivos tecnolóxicos. Os argumentos obtidos das probas -cada vez máis numerosas- para demostrar que o cerebro humano tende a imitar o estado doutras mentes coas que se relaciona, tanto se son reais como se son imaxinarias, pode explicar por que atribuímos características humanas aos ordenadores e características dos ordenadores aos seres humanos. Jesús Mosterín fíxose eco deste problema enxertándoo na psicoloxía cognitiva: “Esta tendencia conduciu tamén ao paradigma do que forman parte a psicoloxía cognitiva, a ciencia cognitiva e o conexionismo. Este paradigma baséase na metáfora do computador, na comparación do cerebro co computador dixital e das actividades mentais coas computacións” (Cerebro, metáforas e Psicoloxía; en Ágora do Orcellón, nº 40).   

            Será esta simbiose entre as neuronas cerebrais e os dispositivos tecnolóxicos o futuro punto de encontro dos incalculables mundos humanos? Será posible unificar desta maneira nun ordenador todos eses mundos persoais nun único universo? De ser iso posible lograríase, abofé, unha maior empatía entre persoas, unha plataforma máis ampla de consensos, un devalo de guerras e unha manifesta erradicación dos enfrontamentos entre grupos sociais. Pero pola contra, perderíase a personalidade, a integridade persoal e a nosa independencia. Valerá a pena a eliminación deste gran acio de mundos, no que colga o noso propio, para quedar diluídos nun único universo tecnolóxico?

O rol da linguaxe nos mundos

Wittgenstein explicou no Tractatus Logico-Philosophicus que “os límites da nosa linguaxe son os límites do noso mundo” (Die Grenzen meiner Sprache bedeuten die Grenzen meiner Welt. Prop. 5.6). Grazas á linguaxe compartimos e codificamos cos demais as nosas percepcións e as nosas ideas, dado que é a linguaxe quen nos habilita o significado. Pero se cada persoa posúe a súa propia linguaxe procesada polo seu cerebro, o seu mundo será o resultado dese procesamento e, por ende, cada persoa disporá dun mundo propio. Tal proposta pode derivar nunha conclusión evidente: haberá tantos mundos como linguaxes. Daquela, como podemos estar seguros de que cando falamos de obxectos e fenómenos do mundo compartimos todos o mesmo modelo e a mesma percepción dese mundo? É posible entender a outro interlocutor que dispón dunha linguaxe distinta da nosa? A linguaxe vale para compartir ideas, experiencias, pecepcións e formas de observar o mundo. Desa diversidade de mundos, e cando escasea a tolerancia e sobra a ambición, nacen as incomprensións, as confrontacións, as faltas de sentido nos diálogos e a imposición ditatorial dos puntos de vista persoais.  

Da mesma forma que o cerebro elabora un mundo para cada persoa, tamén elabora linguaxes. O proceso do cerebro nesta función é moi complexo. En todo caso, esa actividade cerebral ten a súa base nas neuronas e nas súas sinapses, tan presentes e importantes nesa complexa estrutura. O cerebro traduce e codifica a información que recibe dos sentidos á súa propia linguaxe. É dicir, converte a información sensorial en potenciais de acción ou impulsos eléctricos que representan o mundo, da mesma maneira que os puntos e raias do código morse representan as mensaxes do telégrafo. Unha vez rematado este labor, o cerebro analiza eses potenciais para interpretalos e entender o seu significado. Pero non analiza cada estímulo sensorial dun modo global como se fose unha única entidade, senón que dismiúza e analíza por separado as súas diferentes características, como a cor, o brillo e o movemento se se trata dunha imaxe visual. Logo, os resultados desa análise son integrados para conseguir un significado global do estímulo e relacionalo con outras formacións que estean almacenadas nos sistemas de memoria do propio cerebro, como sucede no sistema límbico (hipotálamo, hipocampo, amígdala, etc.). Iso é o que nos permite recoñecer a identidade dos estímulos e facer valoracións sobre ela. E así, en teoría, tal vez fosen os soliloquios os discursos máis precisos e fiables para comunicarnos cada un de nós co mundo exterior, porque falariamos connosco mesmos sen necesidade de mediar ningunha interpretación externa. Pero, nese caso, fracasaría a convivencia, desarticularíase a sociedade, imporíase o caos e colapsaría a especie humana. Nesa situación, o planeta estaría ateigado de conxuntos disxuntos de mundos. Mundos absolutamente incomunicados. Mundos desacoplados que gravitan sobre o burato negro da soidade colapsando a súa fusión sipnasial das neuronas e impedindo que o cerebro irradie a brillantez da felicidade, o resplandor da empatía e a aureola do amor, uns atributos singulares que o cerebro procura. Un universo preñado de galaxias con mundos desacoplados representa un inmenso fracaso para a estabilidade antropolóxica do sapiens sapiens e un inmenso risco para o equilibro do sistema medioambiental.

            A evolución natural mimou a especie humana ao ubicar no cerebro a impronta da linguaxe que nos permite empatizar, razoar, colaborar e comunicarnos. Grazas á linguaxe aproximamos o noso mundo a todos os innumerables mundos cos que convivimos, acoplándonos con múltiples sinerxias para camiñar xuntos cara ao fascinante horizonte dunha vida de bonanza, de paz, de progreso e de harmonía colectiva.  Pero, non sempre se impón esta engranaxe social neste universo de mundos, senón que en demasiados casos o desacoplamento intimida con violencia no interior de certas galaxias locais pola súa incapacidade de sintonizar. Desolador e doloroso resulta especialmente o desaxuste entre mundos próximos, mundos dunha mesma familia que se escinden da súa galaxia matriz en forma de relucentes supernovas que poden colapsar e acabar engulidos por un burato negro de odio. Posturas horribles e funestas continúan sendo as guerras declaradas en cúmulos de galaxias nas que se insertan mundos paralelos enfrontados cultural, ideolóxica ou politicamente (homofobia, fanatismo, desquite, invasión…). Son mundos desacreditados pola súa impertinencia de conquista e devorados pola estupidez estentórea dunha presuntuosa superioridade étnica ou territorial. Todos estes desaxustes galácticos só poden retornar ao seu encaixe natural se cada mundo imbricado na súa galaxia local utiliza un intercambio intelectual aberto cos outros mundos veciños, afastándose do vento xélido dos radicalismos delirantes e propiciando a captura da comprensión.

            Desde esa pluralidade de mundos habería que abordar problemas persoais e sociais que tradicionalmente fermentan e callan na socioloxía, na psicoloxía, na filosofía da linguaxe e incluso na metafísica. Esa perspectiva de infinitos mundos dentro do noso planeta podería colaborar á construción dunha sociedade máis humana e solidaria con persoas máis comprometidas e impregnadas de maior empatía. A paz perpetua -reivindicada por Kant- e a concordia -esa aposta ética incuestionable da humanidade- só poden agromar en mundos harmónicos e solidariamente acoplados.


Outros artigos de Avelino Muleiro

Artigo: “Avelino Muleiro. Náufragos posmodernos nunha realidade virtual (III): A ciencia como táboa de salvación “

Artigo: “Avelino Muleiro: “As profecías da actual situación de naufraxio posmoderno (II)””

Artigo: “Avelino Muleiro:”Náufragos posmodernos nunha sociedade ideoloxizada (I)””

Artigo: ” Avelino Muleiro:” Do xene egoísta ao algoritmo suicida””

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (II) A ética ao rescate”

Artigo:” Avelino Muleiro. A ética do discurso (I) A ética ao rescate”

Artigo: “Avelino Muleiro: ” Cultura e Viño “”

Artigo: ” Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (II)” “

Artigo: “Avelino Muleiro: “Poden ter dereitos os animais? (I)””

Artigo: “Avelino Muleiro: As pseudociencias e a medicina convencional”

Artigo: “Avelino Muleiro: A vileza dos novos deuses fatuos do Olimpo”

Artigo: “Rebelión sentimental do amor contra o control lóxico da razón (II)”

Artigo: “Rebelión emocional da amizade contra o control lóxico da razón (I) “

Artigo: “Sofismas e falacias, torpedos do discurso lóxico”

Artigo: ” Festa da filosofía no metaverso “

Artigo: “Tempos de frio moral”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (II)”

Artigo: “Avelino Muleiro: Trascendencia do irrelevante (I)”

Artigo: “Avelino Muleiro: O bico envelenado de Casandra”

Artigo: “Avelino Muleiro: A ocorrencia como contraargumento político”

Artigo: “Avelino Muleiro: Rebelión na caverna”

Artigo: “Avelino Muleiro:” A razón á caza e captura do azar e da causalidade””

Artigo: “Avelino Muleiro: “Derradeiros poemas de Manuel Vilanova”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: ” Vítimas baixo sospeita “”

Artigo: “A opinión de Avelino Muleiro: “Retablo de Nova York””

Artigo: ” Da imbecilidade á loucura pasando pola estupidez “

Artigo:” Filosofía delenda est “

Artigo: ” Fronteiras borrosas na realidade xeracional “

Artigo: ” Auf Widersehen, Viena. Dankeschön ”

Artigo: ” Encontros -imaxinarios-en Viena (III). Freud-2 “

Artigo: ” Encontros- imaxinarios- en Viena (II). Freud-1 “

Artigo: ” Avelino Muleiro : “Encontros –imaxinarios– en Viena (I)” “

Artigo: ” Festas do Nadal e a súa historia “

Artigo: ” O cerebro humano, esa caixa negra da nosa conduta “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (II) “

Artigo: ” Mente, cerebro e conciencia (I) “

Artigo: ” Pienso, luego Resisto “

Artigo: ” Da caverna platónica á nova Barataria “

Artigo: ” A linguaxe, instalada no idiolecto e na evolución social “

Artigo: ” Viaxe polas entrañas da hermenéutica “

Artigo: “A xustiza, entre o veo da ignorancia e a Intelixencia Artificial “

Artigo: ” Malos tratos e crueldade “

Artigo: ” Movementos feministas e ideoloxía de xénero “

Artigo: ” Dereitos humanos e dereitos dos animais “

Artigo: ” Violencia patolóxica “

Artigo: ” Posmodernidade e medios de comunicación “

Artigo: ” A ilusión da eterna xuventude e da inmortalidade: pode ser reversible o envellecemento? “

Artigo: ” Filosofía Médica (II): A historia da medicina e os seus retos actuais “

Artigo: ” Filosofía Médica (I) :Relación da medicina coa filosofía e coa ciencia “

Artigo: ” De quen son os fillos? “

Artigo : ” O Poder da Intelixencia Emocional “

Artigo : ” Devalo da Galicia interior

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( II ) “

Artigo : ” Filosofía Política: realismo e perversións políticas ( I ) “

Artigo : ” Negacionismo e represión social “

Artigo :Reclamos tóxicos

Artigo : Ditame aberto ás ideoloxías (II)

Artigo : ” Ditame aberto ás ideoloxías (I)  

Artigo : Crise de Valores

Artigo : ” A paz perpetua

Artigo : ” Científicos, expertos, médicos e filósofos

Artigo : ” Regreso ao futuro

Artigo : ” Parte de guerra

Artigo : ” Mario Bunge, embaixador do Carballiño

————————————————————————————————–

Curriculum de Avelino Muleiro García

-Licenciado en Filosofía pola Universidad dee Barcelona.
-Catedrático de Filosofía do Instituto Alexandre Bóveda (Vigo).
-Director durante seis cursos académicos do IB. Alexandre Bóveda.
-Profesor do Instituto Ausias March (Barcelona) no curso académico 1968-69.
-Profesor de Filosofía da Universidade de Santiago de Compostela nos cursos 1970-71 e 1971-72.
-Subdirector Xeral de Bacharelato da Consellería de Educación da Xunta de Galicia (1986 e 1987).
-Fundador e presidente do partido político Nacionalistas de Galicia (NG).
-Co-fundador e actual presidente do Grupo Aletheia de Filosofía.
-Fundador e actual Director do Instituto de Estudios Carballiñeses.
-Director da revista Ágora do Orcellón.
-Presidente da asociación Álvaro das Casas.
-Vocal da asociación Amigos da Universidad de Vigo.
-Membro do consello de redacción do boletín Tres Campus (Amigos da Universidade de Vigo).
-Membro cofundador da Táboa da historia de Galicia.

Obras

Colaborador semanal de Diario16 (desde finales dos ochenta e comenzos dos noventa).
-Colaborador semanal de Atlántico Diario, durante cinco anos, co logotipo El Surco (en castellano) e Xermolo (en galego).
-Publicou traballos da súa especialidade (Nietzsche, Wittgenstein, Lóxica…) en libros e revistas filosóficas.
-Colaborador en libros e revistas culturales (Festa da palabraEncontros coa tradición. Conversas no RibeiroTres CampusVerbas aos mozos galegos, de Álvaro das Casas -en edición facsímile-, O Manifesto UCRA, de Álvaro das Casas –edición facsímile-, etc).
-Prologuista de varios libros (Nomes do Ribeiro -de Frutos Fernández-, Os nomes beiramariños –de Gerardo Sacau–, Mar adiante, as Xeiras dos Ultreias, etc).
-Coordinador do libro Homenaxe a Neira Vilas e a Balbino, o neno labrego.