Arredor dunha vintena de viticultores do Ribeiro participaron hoxe no curso sobre poda en viña impartido pola Oficina Agraria Móbil da Consellería do Medio Rural en Ribadavia. A acción formativa desenvolveuse no lugar de Eira de Mouros, na parroquia de Santo André, e tivo unha parte teórica e outra práctica, con labores en parcela.
O obxectivo fundamental desta actividade é difundir entre os viticultores da zona un sistema de poda mais respectuoso e que mitigue a incidencia das enfermidades da madeira na vide. Este foi o segundo curso impartido pola Oficina Agraria Móbil na capital do Ribeiro nos últimos meses. O anterior tivo lugar en decembro pasado e nel participaron outros 15 viticultores. A inscrición nestas accións formativas foi totalmente gratuíta, ata completar aforo.