A xornada gastronómica no IES de Vilamarín reivindica a potencia da identidade ourensá como motor creativo

-14.30 horas: Clausura da Xornada de Gastronomía da Ourense ICC Week 2022.- O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, intervirá na clausura da Xornada de Gastronomía enmarcada dentro da programación da Ourense ICC Week 2022. Lugar: IES Vilamarín. A xornada poderá seguirse en directo a través da web da Deputación.

O presidente da Deputación, Manuel Baltar, clausurou a xornada adicada a gastronomía que tivo lugar no IES de Vilamarín incidindo na importancia de Ourense coma terra creativa e cultural: “Loitemos polo noso, o noso é moi importante, o noso é o máis relevante”

A penúltima xornada da Ourense ICC Week estivo centrada na gastronomía con seis das voces máis destacadas a nivel nacional da restauración ourensá

AVANTAR ACTIVIDADES

O barista e bartender Willy Gómez, o representante de Nespresso España Damián Seijas, os chefs Miguel González e Daniel Guzmán, o confiteiro Martín Sousa e o hostaleiro Francisco Domínguez falaron ao alumnado do IES de Vilamarín da profesión e coincidiron en apostar “pola humildade, as ganas e a formación práctica” para alcanzar o éxito

A xornada rematará esta tarde coa entrega dos Premios Rodolfo Prada á Xestión Cultural, presidida polo presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e cos relatorios de Mariana Pineda e Manel G. Piñero 

Seis masterclass nunha soa mañá. Iso foi o que recibiu o alumnado do IES de Vilamarín coa participación e demostración práctica do traballo de seis relevantes restauradores ourensáns, con numerosos premios a nivel nacional. E todos pasaron polas aulas de Vilamarín, todo un alicerce para o público asistente.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, intervino no peche da xornada matinal da Ourense ICC Week que tivo lugar no IES de Vilamarín. “Escoitar a estes cociñeiros falar con tanta paixón de Ourense creo que é a gran ensinanza que todos debemos sacar de aquí. Loitemos polo noso, o noso e moi importante, o noso é o máis relevante. Por iso, visión, gañas e esa palabra que ten dúas letras, fe, para aplicalas todos os días. Estou seguro que nesta sala hai moitos ‘Migueles González’ ou en calquera outra disciplina que pensedes. Ourense é a terra da chispa, a chispa é cultura, é creatividade”. 

O barista e bartender Willy Gómez, o representante de Nespresso España Damián Seijas, os chefs Miguel González e Daniel Guzmán, o confiteiro Martín Sousa e o hostaleiro Francisco Domínguez ofreceron algúns consellos de cara ao futuro profesional do estudantado. Todos coincidiron ao sinalar “educación, humildade, gañas, disciplina e moita práctica”. E tamén destacaron a importancia da tradición para poder desenrolar despois a cociña propia e o sacrificio que supón a profesión, “non tes vida social e apenas ves a familia”.

Unha ronda de intervencións iniciou o relatorio da xornada, antes de pasar a demostracións prácticas de pratos, cócteles e cafés e a contar as peculiaridades de cada un dos negocios que rexentan e no que “o traballo é moi duro, pero tamén satisfactorio se che gusta, por iso e importante que fagas isto só si de verdade queres adicarte a esta profesión”.

Os seis lembraron a súa chegada ao IES de Vilamarín e todos, excepto Miguel González, xa tiñan tras de si unha familia adicada ao mundo gastronómico. Tamén coincidiron no feito de “ser moi malos estudantes antes de acabar aquí”.

Canto a dar consellos para o futuro, Daniel Guzmán, do restaurante Nova, recomendou “non ter excesiva presa en montar ningún negocio. É bo traballar con moita xente, formarte na práctica porque iso é o mellor que podes facer cando salgas da escola. Cada xefe de cociña ensínate algo diferente. O que temos que facer é optimizar os nosos recursos e darlle forma para que teñan unha personalidade propia.”

Martín Sousa, da confeitería Milhojas, terceira xeración no negocio, afirmou que “no meu caso a tradición é incuestionable. Hai que centrarse nas prácticas e é moi importante unha actitude boa. Gústanos que a xente cheque con inquedanzas, con gañas de aprender. Hai que coñecer estilos distintos e diferentes técnicas.”

“Cando saes da escola, aínda non tes claro o queres facer. Por iso montar un negocio inmediatamente non soe saír ben. Hai que seguir formándose, estudando aínda que traballes. Hai que ser disciplinados e demostrar o aprendido na escola cando fas prácticas. Os resultados chegan pasado un tempo”, afirmou Francisco Domínguez, do Pacífico.

“Eu estaba moi perdido cando cheguei aquí, non sabía nada de cociña. Quen era Arzak?”, afirmou Miguel González, do restaurante que leva o mesmo nome. Insistiu moito tamén nas prácticas: “Son fundamentais, tes que traballar coas mans, xogar cos sentimentos, porque senón non poderás  interpretar un prato, porque non o ves. Si queres ser cociñeiro tes que ter humildade, gañas, educación e disciplina. O mundo real non é o que ves na escola. Habería que contar ao alumnado o que pasa realmente nunha cociña.”

O café tamén tivo un gran protagonismo. Damián Seijas, representante de Nespresso España, falou aos presentes sobre esta bebida e a súas preparacións: “Os baristas somos coma o último chanzo, non somos protagonistas, o é o produto e o produtor. Tes que ter paixón polo que fas e se vos podedes especializar moito mellor. Hoxe hai expertos en todos os campos. As cousas hai que facelas con paixón, cariño e humildade. E lembrade que competides con vos mesmos”.

A cocteleiría estivo representada por Willy Gómez: “O público demanda tradición e logo están os que se atreven a probar cousas máis modernas. Toda a cocteleiría está baseada en receitas tradicionais. Cando salgades ao mercado laboral non vos frustredes se non ten nada que ver co aprendido. Lembrade que levades o máis importante: a base.”

POLA TARDE, ENTREGA DOS PREMIOS RODOLFO PRADA

O profesor de Economía da Universidade de Barcelona Manel G. Piñero ofrecerá ás 20,00 horas unha charla sobre “A innovación na xestión da cultura”, e a directora da Fundación Contemporánea Mariana Pineda abordará “A cultura, polos seus profesionais”. Tamén terá lugar o acto de entrega dos Premios Rodolfo Prada 2022 a poeta Yolanda Castaño, ao Festival de Cans e ao Museo do Médico Rural de Maceda. Así como a mención especial do xurado a Fundación Contemporánea. Todo será no Centro Cultural Marcos Valcárcel.