A Xunta concede axudas a 14 concellos da provincia de Ourense por un importe de preto de 770.000 euros para crear ou mellorar infraestruturas municipais

  • O delegado territorial da Xunta Gabriel Alén explicou que esta liña de subvencións, impulsada polo Goberno galego ten por finalidade humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación
  • Gabriel Alén lembrou que -tal e como se recollía na orde da convocatoria-, as axudas concedidas equivalerían ao 70% do custo total da actuación subvencionable e a contía máxima a percibir por cada concello, en todo caso, será de 67.760,00 euros (IVE engadido)

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda acaba de resolver as axudas para crear ou mellorar infraestruturas municipais a un total de 14 concellos da provincia de Ourense, por un importe global de preto de 770.000 euros.

O Diario Oficial de Galicia publicou o pasado mércores, 28 de abril, a Resolución pola que se anuncia o esgotamento de crédito desta orde de axudas destinadas á creación ou mellora de infraestruturas en concellos cunha poboación inferior a 20.000 habitantes.

AVANTAR ACTIVIDADES

O importe provincial destes proxectos de humanización vanse investir na mellora de rúas en A Veiga (67.760,00 €); na humanización e mellora na rúa do Forno e na rúa do Seixo en Vilar de Santos (63.000,00 €); na humanización de rúas en San Lourenzo, en Porqueira (67.760,00 €); na construción de beirarrúas en O Valado e Bouzas, en Parada do Sil (63.025,98 €); nas pluviais e beirarrúas na rúa Pereiro de Videferre, en Oímbra (33.600,00 €); na humanización da Travesía O Irixo, no Irixo  (67.760,00 €); na humanización da rúa Saramagal e o entorno en Esgos (67.480,00 €); na pavimentación da rúa Aira dos Vintes e entorno da Fonte a Fonteíña na Xironda, en Cualedro (33.862,26 €); na humanización da praza no núcleo de Laias, en Cenlle (33.600,00 €); na urbanización da rúa O Poulón, en Castrelo do Val (67.760,00 €); na humanización da rúa Mirto coa renovación do saneamento, as pluviais, o abastecemento e a iluminación, en O Carballiño (62.999,99 €); na humanización do núcleo de A Vila (Pazos de Arenteiro), en Boborás (38.498,94 €); no abastecemento, saneamento e pavimentación en Os Nidos, no Barco de Valdeorras (67.760,00 €); e na renovación e acondicionamento do Parque Infantil de Vilanova, en Allariz (33.699,92 €)

O delegado territorial da Xunta en Ourense explicou que esta liña de subvencións, impulsada polo Goberno galego ten por finalidade humanizar as vilas galegas e frear o despoboamento, potenciando para elo as infraestruturas e servizos e mellorando o benestar e a calidade de vida da súa poboación.

Gabriel Alén lembrou que -tal e como se recollía na orde da convocatoria-, as axudas concedidas equivalerían ao 70% do custo total da actuación subvencionable e a contía máxima a percibir por cada concello, en todo caso, será de 67.760,00 euros (IVE engadido).

As actuacións deberán cumprir coas recomendacións establecidas na Guía de boas prácticas en intervencións en espazos públicos elaborada polo Instituto de Estudos do Territorio, en liña co Plan estratéxico da paisaxe galega que guiará a acción neste eido nos vindeiros catro anos.

Aposta pola colaboración cos concellos

Cómpre subliñar que esta orde de subvencións, convocada por concorrencia non competitiva, enmárcase na aposta da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda por manter liñas de colaboración directa cos concellos para facilitarlles a execución de proxectos en materia urbanística.

De feito, nos orzamentos de 2021 ten reservados máis de 7,4 millóns para actuacións dedicadas tanto a crear ou recuperar equipamentos municipais, como a acadar a posta en valor das contornas urbanas.

Unha parte destes fondos destinarase a cofinanciar proxectos municipais a través da sinatura de convenios cos concellos no marco do Plan Hurbe, un programa posto en marcha en 2010 e a través do cal a Xunta executou ou ten comprometidas un total de 317 actuacións urbanísticas en máis dun cento de municipios; e a outra, á convocatoria da orde de axudas dirixida a concellos de menos de 20.000 habitantes que foi convocada o pasado 28 de abril.