A Xunta apoia catro proxectos de enerxías renovables en Ourense, tres na comarca do Ribeiro

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, mantivo hoxe por videoconferencia un encontro cos alcaldes de Avión, Antonio Montero, Castrelo de Miño, Avelino Pazos, Cortegada, Avelino de Francisco, e a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez, aos que informou sobre a concesión de máis de 95.000 euros para proxectos de mellora enerxética nos catro municipios.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Alén informou que as axudas permitirán substituír as actuais caldeiras de gasóleo por biomasa na Casa Roja de Avión cunha achega de 11.616 euros, e na Casa do Concello, de 22.860 euros. No caso do concello de Castrelo de Miño, esta iniciativa pretende axudar á instalación de dúas caldeiras de biomasa na vivenda comunitaria, cunha inversión que supera os 8.000 euros e outra na aula CeMIT, superando os 9.500 euros. No caso de Cortegada, a contribución da Xunta estará destinada a instalar esta modalidade enerxética de caldeira no centro cultural, cunha inversión similar de máis de 8.000 euros e xa fora da comarca do Ribeiro, en Porqueira, a mesma instalación para a residencia de maiores, que ascederá a unha inversión de 34.500 euros.

Unha suma de 95. 479,84 euros en axudas aos catro concellos, aos que hai que engadir a liña orzamentaria destinada a empresas e particulares cunha achega de 328.251 euros; que fan un total de 423.730 euros na provincia de Ourense.

Deste xeito, o delegado territorial da Xunta destacou a aposta do Goberno galego por lograr unha Galicia máis verde, a través de apoios que buscan fomentar tanto o uso das enerxías renovables como unha maior eficiencia enerxética, tanto no eido dos fogares galegos, como das administracións, empresas e entidades.

Gabriel Alén tamén subliñou que “a Xunta de Galicia segue co seu labor de apoio aos concellos en todas as áreas e atendendo ás súas necesidades e, loxicamente, unha cuestión de tanta importancia como a eficiencia enerxética, que permite aforrar recursos e dotar aos espazos públicos de maior comodidade, está entre as prioridades do Goberno galego”.

Por outra banda, cómpre lembrar que xa están abertas dúas convocatorias para impulsar as enerxías renovables e a eficiencia enerxética nas empresas. Trátase, en concreto, da liña de axudas para proxectos de empresas e autónomos do sector agrícola primario que contan cun orzamento de 2,5 millóns de euros, o que facilitará a mobilización dun investimento final público-privado de 8,5M€ en aproximadamente 200 iniciativas. Promoveranse instalacións de biomasa, biogás, aerotermia, xeotermia, solar térmica, fotovoltaica e eólica, así como actuacións de mellora da eficiencia que reduzan o consumo inicial en polo menos un 40% en proxectos de iluminación ou nun 10% no resto de iniciativas.

Tamén está aberto o prazo para solicitar axudas para realizar proxectos de aforro e eficiencia enerxética en empresas dos sectores industrial e de servizos. Destinaranse 10M€ co obxectivo de mobilizar máis de 42M€, e propiciar un aforro enerxético equivalente a nove millóns de litros de gasóleo ao ano, así como un aforro económico de 7M€ anuais nas facturas enerxéticas e a creación de 340 empregos.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------