Os presidentes da Deputación e Xunta consolidan a colaboración en plans estratéxicos de comunicacións, sociais, económicos ou de turismo para a provincia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Luis Menor e Alfonso Rueda mantiveron hoxe un encontro de traballo no que “demostramos que somos dúas institucións que traballamos a prol da provincia con moitos puntos en común a tratar que foron obxecto desta ampla reunión que estivo precedida xa dun intenso traballo”, dixo Menor 

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 26 de xuño de 2024

O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, reuniuse hoxe co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, para analizar vías de colaboración entre ambas institucións en proxectos estratéxicos para a provincia referidos a infraestruturas, sanidade, servizos sociais, turismo ou deportes. 

O encontro, que se celebrou na delegación territorial da Xunta en Ourense, tamén coa presenza do seu titular, Manuel Pardo, desenvolveuse nun “clima de cordialidade e complicidade”, dixo Luis Menor, para quen os acordos alcanzados reflicten “unha folla de ruta clara con apostas concretas”. Pola súa banda, Alfonso Rueda cualificou a xuntanza como “unha reunión eficaz na que foi sinxelo chegar a acordos” 

Ao remate da reunión tanto Luis Menor como Alfonso Rueda repasaron as cuestións abordadas durante a reunión: 

  • Transporte metropolitano. A Deputación solicitou a intervención da Xunta de Galicia para a implantación do transporte metropolitano. Ademais de poñer sobre a mesa a imprescindible colaboración do Concello de Ourense, a Xunta de Galicia valora os beneficios que tería para unha poboación de máis de 150.000 persoas. 
  • Estación de mercadorías no polígono de San Cibrao. A Deputación de Ourense solicita á Xunta de Galicia a posta a disposición do Goberno central dos máis de 100.000 metros cadrados de titularidade autonómica necesarios para este proxecto. Desde a Xunta ratifícase a disposición a facer esa cesión e apoiar a demanda dun estudo de viabilidade sobre esta terminal de mercadorías. 
  • Comunicación de Valdeorras coa AVE. A estradaautonómica OU-533 (A Rúa-A Gudiña) é a alternativa que precisa a comarca de Valdeorras para ter un acceso máis próximo ao AVE na estación Porta de Galicia, pois nada se sabe da A76 ni da mellora da N-120, que dependen do Estado. A Deputación pide a súa reforma e a Xunta ten previsto ter redactado o proxecto de trazado entre A Gudiña e Viana do Bolo e iniciar a información pública a finais deste ano 2024. Unha vez aprobado, dividirase en fases para a redacción de diferentes proxectos construtivos. 
  • Comunicación coa fronteira portuguesa desde Celanova. A reforma da OU-540 é un proxecto necesario para facilitar a mobilidade coa fronteira con Portugal. Prevese tramitar o procedemento de expropiacións no terceiro trimestre deste ano e a continuación iniciar a licitación.  
  • Áreas industriais. Fronte ao problema real de falta de solo industrial na contorna da cidade e en comarcas puxantes, desde a institución provincial pídese o desenvolvemento das actuacións previstas en materia de solo industrial, a máis inminente a ampliación do polígono de San Cibrao das Viñas, tamén do parque empresarial de Pereiro de Aguiar e máis a futuro en Paderne de Allariz. Tamén se traballa na ampliación do parque de Xinzo de Limia e do de Carballiño-Maside. 
  • Construción da cidade deportiva de San Cibrao das Viñas. Para aliviar a presión sobre as instalacións para práctica do fútbol na cidade e área metropolitana, aproveitaríanse os campos existentes na Tecnópole, hoxe infrautilizados. Iniciarase un estudo coa firme vontade de realizar este proxecto entre Deputación, Xunta e Concello de San Cibrao. 
  • Estación de montaña de Manzaneda. Deputación e Xunta de Galicia farán un esforzo económico para liquidar a débeda da sociedade Meisa, que alcanza os 2,5 millóns de euros. A Xunta asumirá 1,5 millóns e a Deputación o restante millón de euros. Unha vez liquidada a débeda e estabilizada a sociedade, ambas administracións farán a partir do próximo ano unha achega conxunta, a partes iguais, de 800.000 euros para garantir o funcionamento do complexo. 
  • Parque acuático de Monterrei.Logo da inauguración da primeira fase continuarase coa segunda, terceira e cuarta fases. No marco do convenio coa Xunta, a Deputación de Ourense ten orzamentada neste 2024 unha partida de 1,5 millóns de euros para seguir dotando de valor unha infraestrutura de ocio que está a ser xa toda unha referencia. 
  • Centro de saúde Mariñamansa. A Deputación reitera a disposición a ceder unha parcela de titularidade provincial para construír este novo centro, tal e como figura nun documento de asinado entre ambos os presidentes en febreiro con compromisos pola cidade. Só está pendente do cambio de uso que ten que facer o Concello sobre estes terreos e a partir de aí iniciarase o proxecto. 
  • Servizos Sociais. Deputación e Xunta colaboran na reforma ou construción de 16 centros para maiores, un plan para o que a institución provincial vai aprobar unha achega de 1,5 millóns de euros, que se ampliará no próximo ano, co fin de complementar a necesaria financiación para cometer estas obras. Falouse ademais dun plan piloto para colaborar cos concellos máis pequenos na contratación de persoal técnico que complemente o labor dos traballadores sociais municipais. 
  • Xulgado de Violencia sobre a muller. A Deputación mantén o seu firme apoio á reivindicación desde a Xunta de Galicia dun xulgado de violencia sobre a muller en Ourense. 
  • Certificados de profesionalidade. No último Consello da Xunta aprobáronse 76 millóns de euros para traballadores desempregados, co fin de que podan obter certificados de profesionalidade e así optar a empregos. A Deputación colaborará coa Xunta de Galicia  no desenvolvemento deste plan sinalando aquelas zonas da provincia con máis necesidades nesta materia. 
  • Centro de Ciberseguridade.Estas instalacións únense a toda a infraestrutura tecnolóxica que ten a provincia, actuando como polo de atracción de novos maiores investimentos. A Deputación vai colaborar na programación e nas axudas que sexan necesarias. 
  • Cooperación e loita contra os lumes forestais. A Xunta de Galicia pon á Deputación de Ourense como exemplo de colaboración na prevención e loita contra os lumes forestais. Trátase do único convenio asinado ata agora cunha institución provincial. O importe é de 4,1 millóns de euros, dos cales a Xunta achega 2,8 e a Deputación de Ourense 1,3 millóns.  
  • Regadío da Limia. A Xunta e Deputación de Ourense seguirán reclamando que o Goberno central asuma unha parte importante dos custos xerados polo IVE das actuacións levadas a cabo para mellorar o regadío nesta comarca, asegurando a produción dunha zona agrícola tan importante. Se o Estado non atende estas peticións, Xunta e Deputación coordinaranse para axudar aos regantes. 
  • Ribeira Sacra. Cerca xa de lograr a declaración como Patrimonio da Humanidade, cómpre realizar accións como por exemplo o plan de mobilidade sostible. A Ribeira Sacra vén de captar fondos europeos nesta materia por importe de 5 millóns de euros. Desta cantidade, tres millóns corresponden ao Goberno central e dous millóns ás deputacións de Ourense e Lugo. A institución provincial ourensá xa dispón neste ano dunha partida de 500.000 euros. 
  • Termalismo. Falouse do apoio aos balnearios con programas como o de termalismo social da Deputación, que agora verase incrementado, e a Xunta colaborará no labor de visibilización e promoción. 
  • Vía da Prata e Camiño do Inverno. O ritmo crecente de peregrinos e á diversificación dos camiñantes nas súas rutas provocará que medre aínda máis a presenza de peregrinos noutras rutas xacobeas. Para dar pulo ao seu potencial, Xunta e Deputación seguirán contribuíndo conxuntamente á súa promoción e dotando de máis servizos conforme suba a demanda.