
En 1974 un pequeno grupiño de mozas e mozos cheos de inquedanzas e preguntas sen respostas convincentes botou a andar, con máis ilusión que medios, o xermolo dunha asociación cultural cuxas motivacións principais eran as ansias de saber, de coñecer do país no que vivían e das múltiples contradicións que este contiña. O Carballiño do final da ditadura franquista exemplificaba coma en toda Galiza os contrastes da vida dunha vila balnearia e pequeno burguesa cun mundo rural sempre presente, que brotaba con forza a diario, especialmente nas dúas feiras mensuais que enchían de vida as súas rúas, comercios e tabernas.
Ao Carballiño, igual que en centos de lugares na Galiza e no resto de España, chegan aires de protesta, de busca de liberdades e de identidades negadas. Tamén, igual ca noutros lugares do país, a presenza de persoas que coñeceran outros tempos inflúen nestas mozas e mozos axudándoos a paliar algo a súa ignorancia; son tempos de lecturas, de reivindicación, de preguntas e de respostas, de descubertas culturais e idiomáticas.
Deste xeito xorde Avantar, do mesmo xeito que xorden outros colectivos tamén veteranos coma
O Galo, O Facho ou A Auriense.
Nestes 50 anos pasaron por Avantar moitas e moitos, quen máis quen menos foi deixando a súa pegada na agrupación e todas e todos eles levaron canda eles outra pegada, a do amor por Galiza e o sentimento de pertencer a un colectivo que, con maior ou menor atino, contribuíu a que a vila do Carballiño fose máis culta, máis tolerante e, por que non dicilo, máis libre.
Disto van alá xa 50 anos e cómpre festexalo, por isto enviamos o convite da Gala do 50 aniversario da A.C.Avantar que se vai celebrar o 6 de Xullo ás 20.30h no Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño.