O Concello de Ribadavia e ADIF asinaron un acordo para impulsar a instalación do albergue de peregrinos “Estación Liberdade”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O Concello de Ribadavia e o “Administrador de Infraestructuras Ferroviarias” (ADIF) asinaron esta mañá o acordo para impulsar a instalación do albergue de peregrinos “Estación Liberdade”, na estación de tren de Ribadavia. Mediante este acordo ADIF aluga ao Concello de Ribadavia un espazo na planta superior do edificio viaxeiros, con unha superficie aproximada de 390 metros cadrados, para destinar ao albergue de peregrinos e, ademais, a cesión do uso dun espazo da pranta baixa para fins sociais e a creación dun centro de interpretación da historia das irmás Touza. Este proxecto contempla a reconstrución do quiosco do andén principal para a recuperación da memoria senlleira desta estación de tren a través da figura das irmás Touza, que axudaron a moitas persoas a escapar da persecución Nazi.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O acordo foi asinado esta mañá nun acto solemne celebrado na sede de ADIF, na rúa Sor Ángela de la Cruz en Madrid. No acto de sinatura do acordo participou o alcalde de Ribadavia, César Fernández, e o subdirector de estratexia e coordinación comercial de ADIF, Alberto Calvo, así como o subdirector de Estacións Noroeste de ADIF, Victor Barros.

Este acordo asinado entre ADIF e o Concello de Ribadavia ten unha vixencia temporal inicial de quince anos. Transcorrido este prazo de duración inicial, as partes poderán acordar a prórroga do contrato, mediante a sinatura dun protocolo adicional ao contrato presente.

O estudo previo que realizou o concello para a execución do albergue “Estación Liberdade” contempla a resolución dun programa funcional para un albergue de 32 prazas, e converter o edificio da estación nun edificio accesible, bioclimático e con pegada de carbono negativa. Unha vez pechado o acordo de cesión con ADIF, o concello de Ribadavia comezará coa redacción do proxecto construtivo ao tempo que, paralelamente, traballará en diferentes fórmulas de financiamento para que o albergue “Estación Liberdade” sexa unha realidade que contribúa a dinamizar e potenciar o atractivo turístico de Ribadavia, converténdose nun novo elemento tractor para o desenvolvemento de Ribadavia coma destino turístico sostible e de calidade.

O alcalde de Ribadavia, César Fernández, manifestou a súa satisfacción polo acordo e sinalou que “despois de meses de traballo e esforzo conseguimos asinar este acordo que nos permitirá converter a estación de tren de Ribadavia nun albergue para peregrinos. É moi satisfactorio ver como, un proxecto que xa iniciáramos no pasado mandato e no que sempre creímos e polo que sempre apostamos, hoxe poida ser unha realidade grazas a sinatura deste acordo con ADIF. O alcalde quixo manifestar o seu “profundo agradecemento a ADIF por crer tamén de xeito decidido na potencialidade deste proxecto para Ribadavia, amosando ademais unha profunda sensibilidade e un gran compromiso coa recuperación da memoria histórica da estación de Ribadavia recuperando a figura das irmás Touza, as mulleres que a través desta estación axudaron a moitas persoas a fuxir da persecución nazi”.

César Fernández indicou tamén que “a sinatura deste acordo é unha moi boa noticia por varias razóns. En primeiro lugar, vai permitir a construción e posta en marcha do albergue “Estación Liberdade”, o que permitirá potenciar o camiño xacobeo Miñoto-Ribeiro, e profundizar na fermosa historia das irmás Touza rememorando este episodio da historia de Ribadavia para poñelo ao servizo do desenvolvemento turístico do noso concello. Pero, en segundo lugar, esta actuación enmárcase nun ambicioso proxecto no que estamos a traballar dende o goberno municipal para dinamizar e potenciar o barrio da estación e o entorno da rúa baixada ao consello, espazos actualmente degradados e que queremos revitalizar nos vindeiros anos. Dende o goberno municipal queremos abrir a rúa consello e o barrio da estación á cidadanía recuperando novos espazos de lecer e abrindo estas zonas ao disfrute da veciñanza, como xa fixemos coa humanización do entorno da estación de autobuses, recuperando ese espazo para actividades públicas como foi o caso do festival “Rapdavia” celebrado hai unhas semanas.”