“Co actual goberno do Concello de Ourense as iniciativas culturais semellan non ter espazo nas rúas e prazas públicas, nin sequera aquelas que perseguen unha mellora para a veciñanza”, sinala a portavoz do PSdeG, Natalia González
“Consideramos importante respaldar aquelas iniciativas cidadás que alzan a voz por riba do ruído das orquestras e que se lle dea voz á mocidade para expresar as súas necesidades e ideas”, engade
Ourense, 15 de xullo de 2024. O grupo municipal socialista lamenta que o movemento ‘Free Lusquiños’ teña que recorrer a un establecemento privado para poder levar a cabo a recollida de sinaturas, durante un concerto de varios grupos da cidade, tras negárselles a opción de tocar na rúa do Paseo hoxe. “Co actual goberno do Concello de Ourense as iniciativas culturais semellan non ter espazo nas rúas e prazas públicas, nin sequera aquelas que perseguen unha mellora para a veciñanza”, sinala e portavoz do PSdeG, Natalia González.
Neste senso, as e os edís socialistas apoiarán a recollida de firmas e asistirán esta tarde ao concerto que os e as integrantes do movemento celebrarán no bar Antigua O’ Renque, a partir das 19.00 horas, preto do Campus Universitario. “Consideramos importante respaldar aquelas iniciativas cidadás que alzan a voz por riba do ruído das orquestras e que se lle dea voz á mocidade para expresar as súas necesidades e ideas. Son parte imprescindible de Ourense malia que non existan actualmente políticas nin lugares para o seu desenvolvemento e expresión”, subliña a tamén secretaria xeral do PSdeG na cidade.
Lembran, así as cousas, dende o grupo municipal que o Espazo Lusquiños era un sitio seguro no que se ofertaba formación, coloquios, as bandas de música podían ensaiar ou gravar maquetas e ata celebrar concertos no auditorio do que dispón a instalación. Un lugar que leva un ano e medio pechado e con visibles signos de abandono.