Moción do BNG para a inclusión de Ribadavia na área de transporte metropolitano de Ourense

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

O concello de Ribadavia non pode permanecer ausente nas vindeiras xuntanza da comisión recentemente constituída.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribadavia, 17 de xullo de 2024

Non podemos perder este tren. Queremos que Ribadavia se integre no transporte metropolitano de Ourense. É a única área urbana de Galiza que aínda non ten un sistema de transporte metropolitano que facilite a mobilidade entre a cidade e os concellos próximos.

A semana pasada celebrouse a primeira reunión para desbloquear a creación do transporte metropolitano da área de Ourense á que asistiu, da comarca do Ribeiro, o concello de Cenlle, pero non o de Ribadavia.

É fundamental que Ribadavia entre neste sistema de transporte público. Facilitarlle o transporte á nosa veciñanza que vai traballar, estudar ou recibir servizos nos concellos da área de Ourense. Facilitar que a xente poida chegar a Ribadavia.

Desde o BNG presentamos unha moción para que o concello de Ribadavia entre na comisión de transporte metropolitano de Ourense e presente propostas sobre as necesidades de extensión de liñas ou de creación de novas rutas.

MOCIÓN PARA A INCLUSIÓN DE RIBADAVIA NA ÁREA DE TRANSPORTE METROPOLITANO DE OURENSE

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A mellora da mobilidade entre Ourense e os concellos periurbanos é unha demanda na que Ribadavia ten que integrarse.

A proximidade do noso concello á área metropolitana de Ourense, que acumula case a metade da poboación da provincia é unha oportunidade de desenvolvemento que está lastrada por diversos factores. Un dos máis relevantes é a falta dun sistema de transporte público integrado que facilite a mobilidade entre Ribadavia e os concellos da área metropolitana ourensá, que reborda os límites do propio concello de Ourense.

Sendo Ourense a única área galega que carece dun sistema de transporte público metropolitano, o pasado 10 de xullo celebrouse unha xuntanza entre concellos, Deputación e Xunta sobre o desbloqueo do transporte metropolitano.

Logo da mesma, anunciouse que os concellos teñen ate o 1 de setembro para presentar propostas sobre as necesidades de extensión de liñas ou de creación de novas rutas.

En dita reunión non tomou parte o concello de Ribadavia, aínda que si o de Cenlle, concello tamén do Ribeiro. Ribadavia ten que integrarse na área de transporte metropolitano de Ourense e conseguir a extensión de liñas ou a creación de novas rutas que comuniquen o noso concello coa área metropolitana.
Por estes motivos propomos ao  Pleno do Concello de Ribadavia os seguintes

ACORDOS:

  1. Instar ao Concello de Ribadavia a demandar á Deputación provincial é a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a  súa integración na comisión de transporte metropolitano de Ourense.
  2. Instar ao Concello de Ribadavia a entregar diante de dita comisión o próximo 1 de setembro as necesidades concretas de mobilidade entre Ribadavia e a área metropolitana de Ourense, propondo a extensión de liñas de transporte público ou a creación das novas rutas que sexan necesarias.