Coas 40 edicións, pecha un ciclo de éxito e crecemento cuantitativo e cualitativo da MIT, que deixa paso a unha nova etapa.
No mellor momento do festival nas últimas décadas, o Director da MIT, Roberto Pascual, anuncia a súa decisión de deixar o cargo tras unha moi meditada fase de valoración da situación e do que significa para Ribadavia e para Galicia un motor sociocultural destas características. Por un lado, Roberto Pascual valora que despois de 15 anos e 16 edicións na Dirección Artística do festival, é necesario deixar paso a un novo proxecto nun cargo de responsabilidade pública dunha institución cultural coma a MIT. “Non convén eternizarse nun mesmo posto de responsabilidade pública, débese ter sentido institucional tanto nos momentos de defensa das debilidades coma nos momentos máis florecentes. A honestidade e o sentido de servizo público para os dereitos da cidadanía deben estar por enriba dos sentimentos egoístas que poidan darse en situacións de estabilidade e recoñecemento amplo coma esta. Marchar nun momento tan bo, con premios e apoios, tamén é xenerosidade co proxecto, oportunidade para que a Mostra poida seguir no bo camiño e darlle normalidade ás transicións, que na maioría dos casos se dan por motivos non positivos. Debería ser máis normal o legado en positivo para o ben común e as transicións acompañadas”, afirma Roberto Pascual.
Roberto Pascual fará un balance demorado da súa etapa, que foi dende a 25 edición ata a número 40, no mes de setembro. Será no Pleno dese mes, no Consistorio de Ribadavia, e dará cumprida información e detalles da evolución da Mostra estes anos en termos de transparencia, sustentabilidade e progreso profesional e internacional. Ata o mes de setembro non se detallarán as bases e procedementos para a escolla da nova Dirección, na cal participará e colaborará de maneira xenerosa o Director saínte, que tamén desexa emprender novos proxectos persoais e profesionais despois dunha intensa etapa de adicación e inxente implicación no progreso da Mostra e da vila de Ribadavia.
O respaldo popular, a valoración da calidade polos medios especializados e a evolución do seu perfil internacional son os selos de calidade da histórica Mostra nestes últimos anos. Ten consolidado un equipo organizativo moi implicado e coñecedor do contexto e un futuro prometedor. A MIT é un emblema.