As e os socialistas celebran que o executivo local pedira orzamento para retirar algunha desta simboloxía presente en Covadonga, logo dun rogo da voceira, Natalia González, no pleno ordinario deste pasado mes de xullo
Mais subliñan que aínda quedan moitos vestixios nas rúas e barrios da cidade que urxe eliminar para cumprir coa Lei de Memoria Democrática do 2007 aprobada polo goberno de José Luis Rodríguez Zapatero
Ourense, 6 de agosto de 2024. O grupo municipal socialista no Concello de Ourense celebra que, un ano e medio despois de que se aprobase a súa iniciativa para retirar toda a simboloxía franquista aínda presente na cidade de Ourense, o executivo de Jácome veña de contestar que, “atentendo e en cumprimento da Lei 52/2007, de 26 de decembro”, xa foi “solicitado presuposto para que no barrio de Covadonga, tanto na súa praza como na rúa Minerva” se leve a cabo dita acción.
A resposta do goberno local chega logo de que a voceira do PSdeG, Natalia González, realizase un rogo, durante a sesión plenaria ordinaria deste pasado mes de xullo, facendo alusión a unha moción respaldada pola Corporación, en febreiro de 2023, para eliminar os vestixios franquistas que aínda quedan nas rúas de toda a urbe. Algúns deses vestixios aparecen recollidos no texto aprobado que solicita, ademais, crear un censo municipal de “elementos contrarios á Lei de Memoria Democrática que dea cabida de modo exhaustivo aos mesmos”.
Atendendo a esa iniciativa, a resposta do executivo municipal resulta insuficiente xa que nin sequera se refire a todos os elementos detectados no propio barrio de Covadonga e, ademais, deixa pendente de eliminación moitos outros esparexidos pola cidade. Entre algúns exemplos cítanse: a gran placa da fachada da praza do Polvorín: “Delegación Nacional de Sindicatos/ Grupo Santa Bárbara/ 150 viviendas año 1954” entre xugo e frechas e o emblema do sindicato vertical franquista; placas con similar simboloxía nos barrios de A Cuña e O Couto -rúa Zurbarán-, topónimos de enxalzamento da sublevación golpista ou figuras do franquismo.
Lembran as e os socialistas que, tal e como aparece na moción presentada hai ano e medio, en aplicación da Lei de Memoria Histórica no seu artigo número 15, dedicado a símbolos e monumentos públicos: “as administracións públicas, no exercicio das súas competencias, tomarán as medidas oportunas para a retirada de escudos, insignias, placas e outros obxectos ou mencións conmemorativas de exaltación, persoal ou colectiva, da sublevación militar, da Guerra Civil e da represión da Ditadura”. Polo que instan ao executivo de Democracia Orensana a axilizar non só as mentadas retiradas do barrio de Covadonga, senón tamén todas as restantes.
Por outra banda, e así as cousas, o grupo municipal socialista solicita que se constitúa e convoque o Consello Municipal de Memoria para abordar e traballar todas as eivas pendentes nesta materia de xeito urxente, sen dilatar máis no tempo o cambio nas rúas de Ourense.