Denuncian que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome “pretende privatizar a Administración pública” pero non para convertela nunha empresa privada, senón “nunha onde nin sequera se garanten os dereitos laborais”
Entre algúns dos cambios destacan a eliminación das xefaturas de servizo, a inexistencia da creación de novas prazas ou a ausencia total dunha estrutura funcional que sirva para mellorar a calidade dos servizos prestados á cidadanía
Ourense, 8 de agosto de 2024. Dende o grupo municipal socialista denuncian que o goberno de Gonzalo Pérez Jácome “pretende privatizar a Administración pública” pero non para convertela nunha empresa privada sen máis, senón “unha onde nin sequera se garanten os dereitos laborais” logo de coñecer a proposta para a mesa de negociación da Relación de Postos de Traballo (RPT) e a modificación da OPE extraordinaria de estabilización.
Neste senso, a edil do PSdeG María Fernández Ojea destaca que, se ben a lexislación estatal e as directivas europeas están orientadas á protección dos e das empregadas e ás melloras da función pública, no Concello de Ourense “non se pretenden modificar os erros nestes eidos”. “Estamos a falar de persoal que dende o 2008 perdeu poder adquisitivo e a normativa vixente tende a corrixir esta situación, ofrecendor emprego estable e de calidade”, subliña.
Neste senso, engaden as e os socialistas que desaparecen algún postos esenciais para o correcto funcionamento da actividade administrativa e que se eliminan, por outra banda, dereitos retributivos “sen ninguna mellora salarial ou laboral”. “Semella unha inquina persoal contra traballadores e traballadoras, pouco coherente en quen goberna unha Administración pública, que despreza o labor das mesmas, ningunea os seus dereitos e retrocede en procesos legais xa iniciados”, expón a edil.
Entre algúns dos cambios destacan a eliminación das xefaturas de servizo, a inexistencia da creación de novas prazas ou a ausencia total dunha estrutura funcional que sirva para mellorar a calidade dos servizos prestados á cidadanía. “Todo elo, ademais, no límite do prazo para sacar adiante a estabilización de obrigado cumprimento. Outro exemplo máis da improvisación continua na que permanece mergullado o Concello de Ourense. Deberían, ademais, apresurarse en aboar as pagas que algúns empregados e empregadas aínda agardan cobrar dende hai meses”, remata.