Natalia González afirma que “o gran bluf para o termalismo en Ourense chámase Gonzalo Pérez Jácome”
O goberno local confirma aos socialistas que o Concello de Ourense non colaborará un ano máis na Feira Termatalia nin estará presente nin participará na Mesa Termal da Deputación
Ourense, 22 de agosto de 2024. Nos últimos 5 anos de goberno de Jácome desapareceron por completo as concellerías de turismo e termalismo do Concello de Ourense, as políticas de impulso institucional ao proxecto termal nin están nin se lle esperan, as zonas de baño e dotacións públicas en funcionamento, e a disposición da veciñanza e dos e das turistas quedaron reducidas case á metade.
A única proposta en materia turística que puxo sobre a mesa Jácome en 5 anos foi trasladar a oficina municipal de turismo á Casa do Concello, feito que afortunadamente non chegou a producirse. Neste período estival e dende hai xa uns meses o coñecido tren turístico das termas deixou de funcionar e segue sen renovarse a flota.
A voceira socialista considera que “o desastre termal deste período provocou que a día de hoxe contemos cun 40% de pozas públicas valeiras e sen funcionamento, coa piscina termal das Burgas pechada ‘sine die’, pendente de informes ‘ad hoc’ para ‘vestir o santo’ da súa futura privatización ou coa fonte do Tinteiro vítima dunha chapuza de obras.”
Despois dun verán cos nosos recursos e dotacións termais baixo mínimos históricos por culpa do rexedor, a pesar do “boom turístico” experimentado na cidade trala chegada da alta velocidade (no que nada ten que ver o goberno municipal), agora intenta mover o foco do debate prantexando a suposta eliminación da prohibición de sacar fotos nas termas públicas de Ourense e intentar así tapar as vergoñas da súa inexistente e nefasta xestión.
No último pleno ordinario de agosto, dende o Grupo Municipal Socialista prantexabamos no apartado de rogos e preguntas coñecer se existiría algún tipo de colaboración por parte do actual goberno coa organización e celebración da feira internacional Termatalia e se ía participar ou non o Concelllo de Ourense, dando cumprimento a unha iniciativa plenaria socialista aprobada, na Mesa Termal promovida pola Deputación Provincial de Ourense.
As respostas por escrito recibidas esta semana confirman a falta de vontade política e o desinterese total e absoluto de Pérez Jácome: non participarán novamente en Termatalia e non estarán presentes na Mesa Termal da Deputación, ao entender segundo eles que só serve para dar resposta ás demandas de concellos de menos de 20.000 habitantes.
A nula xestión do goberno de Jácome en materia de termalismo e turismo en Ourense non admite lugar a dúbidas. Os e as socialistas seguiremos a traballar a prol de que Ourense sexa nun futuro próximo e dunha vez por todas a Capital Termal de Galicia.