“O propio Concello de Ourense e o seu goberno local teñen un papel crucial xa que o repunte de incidencias está vencellado, en parte, ao estado de abandono e decadencia no que se atopan os nosos barrios”, advirte a portavoz Natalia González
Tamén pedirán, na moción que defenderán no vindeiro pleno ordinario de setembro, que a Xunta de Seguridade Local de Ourense aborde esta problemática específicamente nos barrios de A Ponte, O Vinteún e O Pino
Ourense, 4 de setembro de 2024. A veciñanza dalgúns barrios da cidade -especialmente de O Vinteún, A Ponte e O Pino- vén trasladando, nos últimos meses, a súa percepción dun aumento das incidencias no que atinxe a seguridade. É por elo que o grupo municipal socialista levará ao vindeiro pleno ordinario de setembro unha moción para instar ao Concello de Ourense, e demais administracións responsables, a tomar medidas concretas para reconducir a situación.
A pasada semana, a voceira do PSdeG, Natalia González, e a deputada no Congreso, Marga Martín, reuníanse con representantes das asociacións e colectivos veciñais de A Ponte, As Termas, Santa Ana do Pino, Tras Estación, Covadonga, Santa Teresita, Vía Vella de Ponte Canedo, Andén I, Oira, Rúa do 21 e Peliquín para recoller as súas demandas e necesidades nun encontro no que ambas partes coincidiron en que se trata dun problema multifactorial que debe ser atendido polas diferentes administracións públicas e os diversos efectivos de seguridade.
“O propio Concello de Ourense e o seu goberno teñen un papel crucial neste senso, xa que este repunte de incidencias está vencellado ao estado de abandono e decadencia no que se atopan os nosos barrios en materia de limpeza, desbroce, iluminación e outros servizos básicos”, indica a portavoz das e dos socialistas na Casa Consistorial.
Por elo, entre os puntos de acordo que agardan aprobar na sesión deste venres inclúen o de instar ao executivo local a tomar medidas urxentes para a mellora do servizo de limpeza, desbroce, iluminación e servizos básicos nos barrios nos que moitos veciños e veciñas atopan deficiencias.
Tamén se solicitará ao executivo municipal, aos representantes institucionais e de corpos e forzas de seguridade abordar de maneira específica esta problemática dentro da orde do día da vindeira Xunta Local de Seguridade en Ourense. Así como promover, por parte das administracións responsables e competentes, todas as accións oportunas para implementar a coordinación, vixianza e actuacións en materia de seguridade nos barrios de A Ponte, O Pino e o Vinteún, así como naqueles lugares onde sexa preciso ante o repunte de incidencias dos últimos meses.
Con todo, Natalia González subliña que “a chegada da Alta Velocidade e o notable incremento turístico vencellado á mesma converteron a Estación Empalme e os seus arredores nun lugar de moito tránsito e tamén de maior actividade delitiva a pequena escala”, pero que o que se reclamará no pleno, ademais de aportar solucións ás problemáticas actuais, son medidas disuasorias e preventivas para que todas as zonas susceptibles de melloras se vexan atendidas polo executivo de Gonzalo Pérez Jácome.
Enviamos enlace ao audio con declaracións da portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González:
https://drive.google.com/file/d/1tUCAjCOhiL3CKBHoFE3zOBd375Sdn9z0/view?usp=drive_link
Enviamos enlace ao vídeo con declaracións da portavoz do PSdeG no Concello de Ourense, Natalia González:
https://drive.google.com/file/d/1OJOVqxHHq4hMNZKvElgui849DfqYkbUu/view?usp=drive_link