A Deputación reúne aos axentes do Proxecto Acelerou que axudarán ás empresas á súa transformación dixital

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

Esta iniciativa é un paso máis no obxectivo da Deputación de Ourense de apoiar ás pemes, autónomos e emprendedores na súa modernización tecnolóxica

Os axentes dixitalizadores axudarán ás empresas a materializar o proceso de dixitalización con asesoramento especializado, formación, talleres e aplicacións e programas, entre outras liñas de traballo

Ourense, 13 de setembro de 2024.

Dar a coñecer o Proxecto AcelerOU e todas as accións que se porán en marcha no marco desta iniciativa foi o obxecto da reunión que mantiveron o director da Área de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación, Marcos Valiño, xunto ao equipo AceleraPyme, con preto dunha quincena de axentes dixitalizadores, que serán os encargados de dar apoio tecnolóxico ás empresas.

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

AcelerOU nace no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, dentro do programa AceleraPyme e que forma parte do Plan de Dixitalización de pemes 2021-2025 financiado pola Unión Europea- Next Generation EU. Así, esta iniciativa convértese nun paso máis no obxectivo da Deputación de Ourense de apoiar ás pemes, autónomos e emprendedores ourensáns na súa transformación dixital e modernización.

Cando un usuario contacte coa Deputación a través das diferentes oficinas dispoñibles, tanto físicas como itinerante ou virtual, o seu caso será analizado polo equipo AceleraPYME e serán tramitadas as axudas dispoñibles, como é o caso dos programas estatais “Kit Consulting” e “Kit Dixital”.

A partir deste trámite, os axentes dixitalizadores axudarán ao interesado no seguinte paso, que é fundamental: materializar o proceso de dixitalización.

Asesoría personalizada, desenvolvemento web e de aplicacións, marketing dixital, xestión de clientes ou redes sociais son algúns dos ámbitos nos que os axentes mostraron o seu interese para apoiar aos usuarios.

Tamén se invitou aos axentes dixitalizadores a formar parte dun plan complementario que inclúe xornadas, obradoiros e seminarios de sensibilización, ademais de apoio sobre tecnoloxías dixitais ou talleres teórico-prácticos sobre axudas de financiamento á dixitalización xa existente.

Ao mesmo tempo, relatorios dos axentes, formación específica ou a presenza nos expositores de Acelerou en diferentes eventos constitúen un amplo abano de posibilidades de colaboración dentro do proxecto.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------