As festas do San Cibrao chegan ao seu fin e mañá terán como punto de referencia a tradicional romería na honra da Virxe da Saleta na paraxe compartida co veciño municipio de Boborás. Uns festexos nos que O Carballiño rendeu onte homenaxe ao seu patrón cunha procesión polo casco urbano co acompañamento da banda de música de Boborás, que despois ofrecería un concerto no templo da Veracruz. O templo parroquial acolleu ao mediodía unha misa solemne, oficiada polo bispo da Diócese de Ourense, monseñor Leonardo Lemos, e cantada polo Orfeón carballiñés. Pola tarde, o DJ Tibu amenizou unha gran festa infantil con concursos e agasallos na Praza Maior, pechándose a xornada coa Gramola e a orquestra Panorama.
O concelleiro de Turismo, Manuel Dacal, destacou a alta participación de público nos concertos e o impacto na hostalaría e no comercio locais:
A programación das festas abríuse o día 13 coa última sesión do festival ‘Feito no Carballiño’, coa actuación dos grupos Five Pipers, Susie Q’s e Kambotes, e incluíu pasarrúas das charangas Dr. Anchoa, CLK e Castro Bello e da agrupación de coros e danzas Cantigas e Agarimos. Os concertos estelares corresponderon a Gin Toni’s, Guadi Galego e un tributo a Dire Straits, mentres as bandas de música de Boborás e Agrupación Musical da Limia protagonizaron a música popular e La Fórmula e Panorama foron as orquestras contratadas. As atraccións recreativas instaladas nas prazas da Veracruz e o Emigrante e na avenida Conde Vallellano ofrecerán hoxe ao público un desconto do 50%.