Ribeiro en Común e BNG de Ribadavia suman forzas para o Pleno de setembro reivindicando unha solución para a Galiña Azul.

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Tamén BNG e Ribeiro en Común asinan unha Moción conxunta na que piden que se paralice a subida abusiva da taxa do lixo que anunciou o PP.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Ribadavia, 21 de setembro.

Demandamos que a Xunta e o Concello lle dean unha solución ás dez familias excluídas da Galiña Azul de Ribadavia.

Tras varias iniciativas desde o mes de maio, e un Acordo Plenario aprobado en xuño, polo cal o Pleno Municipal instaba a crear máis prazas na GALIÑA AZUL, tras varios Plenos interesándonos desde entón pola situación de familias que podían ser excluídas deste servizo público, obtendo sempre respostas optimistas por parte do goberno local, agora neste mes de setembro faise público que o Concello nada fixo no verán, e unha vez comezado o curso veñen as presas, deixando a 10 nenos e nenas sen praza.

Para BNG e Ribeiro en Común, as vilas e municipais que asentan poboación ou mesmo a aumentan, son aquelas que ademais de ter oportunidades laborais e económicas, ofrecen servizos de calidade e onde as persoas poden conciliar a súa vida laboral, persoal e familiar.

Cabe recordar que a Lei de Servizos Sociais de Galicia obriga a Xunta de Galicia a estabelecer oportunidades e recursos que garantan a conciliación entre a vida persoal, familiar e laboral.

Polo tanto, o servizo de Escola Infantil é básico para o desenvolvemento da vida no noso municipio. Asentar poboación e evitar que a cidadanía marche a outros concellos é fundamental para a nosa propia existencia. Sen servizos, non é posible.

Neste sentido, cabe recordar que xa no curso 2020- 2021 a Xunta tiña comprometido, e recollido nos seus Orzamentos, a ampliación e creación dunha nova Galiña Azul no edificio do antigo colexio da Alameda, sen embargo, a Xunta aínda non explicou a causa que a levou a paralizar e non continuar con este proxecto que estaba en marcha. O resultado é que agora, case 4 anos despois, no curso actual 2024/2025, a paralización da Xunta deste proxecto trae como consecuencia a exclusión de 10 familias sen praza, cando Ribadavia como capital comarcal necesita e merece unha infraestrutura mellor por parte da Xunta.

Por todo o exposto, BNG e Ribeiro en Común solicitamos ao Pleno Municipal a adopción do seguinte ACORDO:

1. – Instar á Xunta a aumentar de maneira urxente o aumento de número de prazas na Galiña Azul.

2. -Tomar medidas inmediatas para evitar que familias de Ribadavia queden sen praza na Galiña Azul.

3.- Solicitar que a Xunta recupere e impulse o anteproxecto presentado para a nova Galiña Azul no edificio do antigo Colexio da Alameda.

4.- Solicitar que a Xunta teña en consideración as reivindicacións das traballadoras do Consorcio Galego de Benestar, cuxa boa labor é a base de que este servizo público teña tanta demanda.

Tamén BNG e Ribeiro en Común asinan unha Moción conxunta na que piden que se paralice a subida abusiva da taxa do lixo que anunciou o PP.

Demandamos que a Xunta manteña o actual canon aos concellos adscritos a SOGAMA e instaure un sistema de reciclaxe, redución e reutilización.

Os grupos municipais de BNG e Ribeiro en Común presentamos esta Moción para evitar a suba do canon que o Concello de Ribadavia, e demais concellos adscritos á Sociedade Galega de Medio Ambiente (SOGAMA), van ter que pagar á esta axencia da Xunta de Galicia pola súa recollida de lixo.

O anuncio da Xunta do incremento do canon de SOGAMA para 2025, logo da suba xa aprobada en xullo de 2024, suporía un incremento acumulado de máis do 60%: o canon tipo pasaría dos 68 euros/tonelada da primeira metade de 2024 aos 108 euros en 2025. Un auténtico abuso que merece unha resposta contundente por parte dos concellos.

Propoñemos que o Concello lle demande á Xunta de Galicia, como mínimo o mantemento do canon actual que pagan os concellos.

Ademais, non nos parece de recibo o intento recente do Presidente da Xunta de, en primeiro ligar botarlle a culpa ao goberno estatal desta suba, cando é unha directiva europea que obriga, desde 2018, e antes, a implementar outro modelo de tratamento dos residuos, sen que a Xunta do PP fixera nada ao respecto. Tampouco é serio, o intento recente do PP de anunciar que a Xunta ía facerse cargo do 60% da suba anunciada, xa que na realidade supón unha subida do 40% do canon para os concellos galegos, cando non somos os culpables de ter chegado a esta situación.

A CIDADANÍA SERÁ UNHA VEZ MÁIS A MÁIS PREXUDICADA NUN CONTEXTO DE SUBIDA DE PREZOS CONTINUA E DE ENCARECEMENTO DA VIDA.

Os concellos galegos, cun importante déficit de financiamento por parte das Administracións superiores, estamos ademais obrigados a pensar na nosa veciñanza, e no actual momento de encarecemento dos prezos básicos, polo que non deberamos encarecer e agravar máis a situación que vive a nosa cidadanía.

O goberno municipal do PP de Ribadavia, en pouco máis de un ano de mandato, xa subiu varias taxas e prezos de servizos tan básicos como a Asistencia no Fogar ou Xantar na Casa, prexudicando na súa maioría a fogares coas pensións máis baixas e humildes, polo que unha nova subida sería un abuso que non se pode consentir nun contexto de vulnerabilidade como o que estamos a vivir.