Unha vintena de conferencias, ponencias e comunicacións, ademais doutras iniciativas, serán presentadas no XIII CONGRESO DO CENTRO DE ESTUDIOS CHAMOSO LAMAS, que se desenvolverá co título de “HISTORIA, ARTE E ARQUITECTURA RELIXIOSA NAS COMARCAS DO CARBALLIÑO E O RIBEIRO” o 4,5e6de outubronaCasa da Cultura do Carballiño, na Casa da Bexanca-Cabanelase noPazo Tizón-Moldes.
Nesta edición da cita bianual do colectivo investigador carballiñés préstase unha atención especial á efeméride do cento cincuenta aniversario do nacemento de Antonio Palacios cunha conferencia do catedrático emérito de Arquitectura e Urbanismo da Universidade Politécnica de Madrid José Fariña Tojo, fillo de Xosé Fariña Jamardo, que falará sobre “Antonio Palacios, más que un arquitecto”; coa presentación do “Poxecto Atlas Palacios 2024-2026” por José Manuel Mouriño; cunha “Homenaxe póstuma a Rafael Jorreto Cifré, aparellador da construcción do templo da Veracruz”; coa proxección do documental “O Andar da Pedra”, realizado polo departamento de audiovisuais do IES Chamoso Lamas, e cunha visita guiada a Mondariz para coñecer “A pegada arquitectónica de Antonio Palacios na vila termal de Mondaríz”.
Arqueoloxía, historia, arte, arquitectura, urbanismo, educación, etnografía, meteoroloxía, botánica e incluso gastronomía son algunhas das materias dos traballos de investigación que se presentan neste congreso e que permitirán coñecer moitos aspectos relevantes do patrimonio cultural do Carballiño e O Ribeiro, e que serán recollidos nunha próxima publicación do centro de estudios.
Na xornada de clausura tamén destaca a conferencia do catedrático de Botánica e vicerrector do Campus de Ourense, Francisco Javier Rodríguez Rajo, que falará sobre “Novas estratexias para a optimización e o desenvolvemento sostible da colleita en viticultura”, así como unha homenaxe a Xosé Manuel Cid, exdecano da Facultade de Educación e Traballo Social no campus de Ourense, polo seu apoio aos congresos do Centro de Estudios Chamoso Lamas.