A Lei 13/2006, do 27 de decembro, de horarios comerciais de Galicia (DOG do 28 de
decembro), modificada pola Lei 1/2013, do 13 de febreiro (DOG do 14 de febreiro), determina
no artigo 5 que os domingos e días festivos en que os establecementos comerciais
poderán permanecer abertos ao público serán, como máximo, dez ao ano.
O artigo 6 do mesmo texto legal sinala que os domingos e festivos de apertura serán
determinados para cada período anual mediante orde da consellería que posúa as competencias en materia de comercio, que se publicará no Diario Oficial de Galicia antes do
15 de outubro do ano anterior ao da súa aplicación, logo da consulta ás asociacións de
consumidores máis representativas con implantación en toda a Comunidade, ao Consello
Galego de Cámaras Oficiais de Comercio, Industria e Navegación de Galicia e ás demais
organizacións empresariais e sindicais do sector comercial máis representativas de Galicia.
Con independencia do establecido no parágrafo anterior, e co obxectivo de protexer
os intereses comerciais nos diferentes concellos, unha vez publicadas no Diario Oficial
de Galicia as datas as que fai referencia este artigo, calquera concello poderá solicitar da
consellería competente en materia de comercio a modificación de dúas datas para o seu
termo municipal. Esta solicitude deberá ser motivada e realizarse antes do 15 de novembro,
e terá que se presentar acompañada dos informes emitidos pola Cámara de Comercio,
Industria e Navegación da zona e polas organizacións empresariais e sindicais do sector
comercial máis representativas. A consellería resolverá no prazo de quince (15) días,
contados desde a presentación da solicitude. De transcorrer o dito prazo sen resolución
expresa, considerarase estimada a petición. Con anterioridade ao 15 de decembro, serán
publicados no Diario Oficial de Galicia os cambios que se aprobasen.
A Consellería de Emprego, Comercio e Emigración ten competencia en materia de comercio,
de acordo co disposto no Decreto 147/2024, do 20 de maio, polo que se establece
a estrutura orgánica da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración (DOG núm. 101,
do 27 de maio).
En aplicación dos citados preceptos, logo de consulta efectuada aos axentes socioeconómicos
determinados pola lei, e tendo en conta o interese xeral do comercio e dos consumidores,
procédese á fixación dos dez (10) domingos e festivos que, para os efectos do
exercicio da actividade comercial, terán a condición de hábiles durante o ano 2025.
Polo tanto, en uso das facultades que teño conferidas,
DISPOÑO:
Artigo único. Os domingos e festivos en que os establecementos comerciais poderán
permanecer abertos ao público durante o ano 2025 son:
– 7 de xaneiro
– 12 de xaneiro
– 17 de abril
– 29 de xuño
– 30 de novembro
– 6 de decembro
– 8 de decembro
– 14 de decembro
– 21 de decembro
– 28 de decembro