O subdelegado do Goberno resalta o labor da Policía Nacional velando “pola nosa seguridade e liberdade”, durante a conmemoración dos Anxos Custodios

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 2 de outubro de 2024. – O subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos, asistiu esta mañá aos actos conmemorativos do Anxos Custodios, patróns da Policía Nacional, que consistiron nunha misa na Catedral de Ourense, seguida dun acto institucional celebrado no Auditorio municipal, no que se procedeu á tradicional entrega de medallas e tamén dos premios aos gañadores do primeiro concurso de debuxo infantil organizado por este corpo.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Eladio Santos comezou a súa intervención recoñecendo “o labor fundamental que realizan homes e mulleres deste corpo, que velan pola nosa seguridade e a nosa liberdade” e tamén quixo “render  un sentido homenaxe neste día aos que deron a súa vida no cumprimento do deber”.

Ademais, fixo fincapé nos valores que inspiran cada día a actuación da Policía Nacional, como son a honestidade, valentía, respecto e compromiso co servizo público; polo que trasladoulles o agradecemento de “toda a cidadanía, do Goberno de España e do Ministerio do Interior”.

O subdelegado amosou que o bo traballo dos axentes tradúcese nas actuais cifras en materia de seguridade cidadá na capital, onde na primeira metade ano se observou unha redución da criminalidade. Tamén destacou o traballo das unidades específicas de loita contra a ciberdelincuencia e a violencia de xénero; e o importante papel que xoga a Policía Nacional participando nas charlas que se teñen lugar nos centros escolares con motivo do Plan Director do Ministerio de Interior, “para a educación e prevención de condutas violentas, consumo de drogas e condutas aditivas, acoso, ciberacoso e violencias machistas”, detallou.

Así mesmo, explicou que o Goberno do Estado é tamén consciente das necesidades da Policía Nacional e intenta afrontalas coa modernización das instalacións, formación constante e reforzo das plantillas, con 2.707 novas prazas convocadas este ano.

Por último, non quixo rematar sen destacar “a necesaria colaboración coas outras forzas de seguridade: Garda Civil e Policía Local, que teñen canles permanentes de comunicación e coordinación, na procura dunha maior eficacia”.

Ao acto tamén asistiron, entre outras autoridades, Juan Cástor Vázquez, comisario xefe provincial do Corpo Nacional de Policía; Luis Menor, presidente da Deputación Provincial; Aníbal Pereira, tenente de alcalde do Concello de Ourense; Julián Pardinas, tenente fiscal de Ourense;  Antonio Piña, presidente da Audiencia Provincial; Rafael Berguillo, tenente coronel da Comandancia da Garda Civil; e Manuel Pardo, delegado territorial da Xunta en Ourense.