O Centro de Estudios Chamoso Lamas vén de presentar a obra “A memoria recuperada”, que contén vinte traballos de investigación de dezasete autores que se corresponden con outras tantas comunicacións e ponencias dos dous últimos congresos deste colectivo cultural carballiñés. Son traballos de arqueoloxía, historia, etnografía, arquitectura, urbanismo, literatura e clima, entre outras materias, sobre aspectos relevantes do Patrimonio cultural das comarcas do Carballiño e O Ribeiro. Trátase dunha publicación de máis de 300 páxinas que ven a incrementar as edicións de obras impresas promovidas polo colectivo de investigadores que preside Carlos Rodríguez Calvo e que supoñen xa unha vintena de publicacións con máis de 300 traballos.
Estes estudos e ensaios foron realizados individualmente ou de xeito colectivo por Jorge Lamas Bértolo, Xosé Lois Sobrado, José Ramón Estévez, Xosé Fernández Fernández, Juan Ignacio García, Óscar Gónfer, Diego Reboredo, Mª Encarna de la Fuente, Miguel García, Adolfo Otero Loureiro, Rafael Castillo Gómez, Carlos Rodríguez Calvo, Anitza Calzadilla, Juan José Docampo, Eladio Munín Barreiro, Alicia González Barreiro e Valentín Verea Argibay, todos integrantes e colaboradores do Centro de Estudios Chamoso Lamas.
A presentación de “A memoria recuperada” servíu como anticipo da inauguración, o vindeiro venres, do 13º congreso do Centro de Estudios, cun total de 25 comunicacións, proxeccións e conferencias que se desenvolverán na Casa da Cultura, na sede do colectivo en Cabanelas (Casa da Bexanca) e na adega Pazo Tizón.