O Pazo dos Ulloa, na localidade ribadaviense de Esposende, acolleu o pasado sábado o acto de entrega dos premios ‘Bacelos de Prata’ na súa 16ª edición, nos que foron galardoadas as empresas Pazo Lalón, adega da Denominación de Orixe Ribeiro, ubicada en Barro de Gomariz (Lairo), e Kalekoi, adicada a elaboración de produtos lácteos de Rodeiro (Pontevedra). Os integrantes do xurado dos premios destacaron a aposta que ambas entidades fan polo uso da lingua galega, tanto na etiquetaxe dos seus produtos coma nas súas páxinas web de publicidade. Avelino Muleiro, presidente da Asociación Álvaro das Casas, que promove estes galardóns, suliñou que “as empresas premiadas decatáronse, de forma intelixente, de etiquetar os seus produtos en galego, unha estratexia publicitaria que trascende a estética mercantil ao acrecentar e reforzar a cultura e a historia de Galicia”. Os irmáns Eduardo e Tomás Bravo foron os encargados de recoller a medalla e o diploma acreditativos do premio a Pazo Lalón, que tamén foron entregados a Susana Aguiar e Álex Moure, da empresa Kalekoi.
No acto desenrolado no Pazo dos Ulloa, que foi amenizado pola cantante María do Ceo, participaron o alcalde de Ribadavia, César Fernández; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; o director xeral de Gandería e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e a presidenta do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, Concepción Iglesias. O xurado destes ‘XVI Bacelos de Prata’ estivo formado por Avelino Muleiro García, presidente da Asociación Álvaro das Casas; Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; Clodio González Pérez, etnógrafo; Xosé Carballido Presas, enxeñeiro técnico da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e coordinador da Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros (Irgade); Cándido Vázquez Mosquera, propietario da Casa dos Ulloa; Celso Domínguez, colleiteiro, e Carme Pérez Vaquero, secretaria da Asociación.