A programación de Cine Club Carballiño correspondente ao presente mes de outubro continúa mañá, venres, coa proxección da película francesa “Matronas”, nos dous pases habituais das 20,00 e as 22,30 horas, no Auditorio Manuel María, e que nesta ocasión serán ofrecidos en versión orixinal subtitulada en castelán. Este filme, dirixido por Léa Fehner, foi unha das grandes sorpresas do ano, con éxito de público no seu país e moi ben valorado pola crítica internacional, acadando no Festival de Xixón o premio á mellor longametraxe do Xurado Xove. Sofía e Louise son parteiras recén licenciadas. Pronto verán que, a pesares de ser unha profesión chea de ilusión e esperanza, teranse que enfrontar a desafíos do traballo diario nun hospital nun sistema de atención sanitaria deficiente e cheo de problemas. Narrada nun tono case documental, a película conta con unhas excelentes interpretacións que a dotan dunha enorme credibilidade, sumerxíndonos no día a día dun paritorio e non omitindo unha clara referencia crítica á situación dos sistemas públicos de saúde, que lle dá un valor engadido.