NENO, DE SAÚL AGUDO DE AZA, COMPOSTA SOBRE O POEMA HOMÓNIMO DE MANUEL MARÍA, FOI A CANCIÓN LÍRICA GAÑADORA DA TERCEIRA EDICIÓN DO CONCURSO MANUEL MARÍA DE COMPOSICIÓNS MUSICAIS QUE SE CELEBROU ESTA TARDE NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA
A COMPOSICIÓN GAÑADORA SERÁ EDITADA XUNTO ÁS OUTRAS PEZAS FINALISTAS NUNHA PUBLICACIÓN QUE SERÁ DISTRIBUÍDA GRATUITAMENTE POR TODOS OS CONSERVATORIOS DE GALIZA
Outeiro de Rei, 26 de outubro de 2024.- Neno, da autoría de Saúl Aguado de Aza, composta sobre o poema homónimo de Manuel María, foi a canción lírica, para voz e piano, que resultou gañadora da terceira edición do Concurso Manuel María de Composicións Musicais celebrada esta tarde, cunha gala-concerto, na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. O autor que levou un premio de mil euros en metálico, verá a súa composición editada, xunto as obras das outras finalistas, nunha publicación que será distribuída gratuitamente por todos os conservatorios de música de Galiza para que poida ser empregado como material didáctico.
A gala-concerto contou coa presenza da mezzosoprano Nuria Lorenzo e a pianista Noemí Salomón que interpretaron nunha primeira parte as cancións finalistas, O Carro de María Mendoza, Galiza e Neno de Saúl Aguado de Aza e Mito de Luis Serrapio Fernández. E nunha segunda parte presentaron en concerto unha serie cancións galegas dos compositores José Baldomir, Juan Durán e Carlos Cambeiro baseadas en poemas de Curros Enríquez, Rosalía de Castro e Manoel Cambeiro.
O gañador desta edición, Saúl Aguado de Aza, mora en Segovia e é compositor, pianista e editor de partituras no Instituto Complutense de Ciencias Musicales.
O concurso contou cun salientábel e prestixioso xurado composto por Margarita Viso Soto, Alejo Amoedo Portela e Julio Cabo Meseguer, que nunha primeira fase, celebrada a primeiros do mes de xullo, escolleu, de entre todas as composicións anónimas que se presentaron a concurso, as cinco pezas finalistas que se puideron escoitar no día de hoxe nun cheo auditorio da Casa-Museo Manuel María. .