Actualmente, a oferta formativa en estudos musicais en Galiza componse de sete conservatorios de titularidade da Xunta (os da Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol, Santiago e Vigo) e preto de 30 de titularidade municipal espallados ao longo do país, nos que se está a rexistrar unha evidente situación de desigualdade.
É dicir, a Consellería mantén conservatorios nas cidades, alí onde os concellos xa contan cun réxime de financiamento local moito máis cuantioso co que recibimos os concellos con menor número de habitantes. Sen embargo, nas áreas rurais son concellos cabeceira de comarca coma o de Ribadavia os que teñen que asumir a prestación deste esencial servizo educativo, sen que a convocatoria de axudas da Xunta cubra máis ca unha mínima parte do custe que os conservatorios supoñen para os concellos.
Existe unha desigualdade a nivel de concellos, que no caso de Ribadavia están a asumir unha competencia impropia e que vai contra a idea de ofrecer os mesmos servizos nas vilas e no rural ca nas cidades, así como de fomentar a conciliación familiar e o desenvolvemento comarcal.
Do contrario, produciranse serias dificultades económicas nos concellos para manter o servizo, un incremento de taxas de matriculación ao alumnado e no peor dos casos a centralización deste servizo nas sete grandes cidades.
Asemade cabe engadir a precariedade na que en moitos casos se atopa o profesorado, en canto a contratación por horas, limitación de instalacións e material musical, incerteza legal por ausencia de normativas propias derivada, entre outras razóns, do feito de seren os conservatorios municipais os únicos centros de estudo que seguen fóra da rede pública de educación da Xunta e que mostran a necesidade urxente dunha regularización por parte do goberno galego
Por estes motivos propomos ao Pleno do Concello de Ribadavia a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1. Demandar á Xunta que recupere a mesa de diálogo cos conservatorios municipais co obxectivo de establecer un novo marco legal que garanta a equidade das persoas interesadas na formación nestes centros e unifique as condicións laborais do persoal docente e administrativo.
2. Demandar á Xunta unha maior participación no financiamento dos conservatorios municipais, que asegure a prestación deste servizo educativo en todo o territorio en igualdade de condicións.