O presidente provincial recalcou o carácter innovador desta iniciativa da Deputación, e visitou tamén en compañía do alcalde, Antonio Puga, e membros da Corporación as obras de ampliación de vestiarios no anexo do campo de fútbol municipal e a sede da Fundación Curros Enríquez, poñendo en valor a importancia da cooperación institucional, “onde colaboramos en favor do deporte, o comercio local e a cultura”
Celanova, 30 de outubro de 2024.
O presidente provincial, Luis Menor, desprazou hoxe a súa xornada de traballo a Celanova, onde quixo poñer en valor a importancia da cooperación institucional, salientando que “colaboramos en favor do deporte, o comercio local e a cultura”, destacando tamén que “o noso xeito de traballar, coa colaboración como eixo principal, é o que primamos no Goberno Provincial e así seguiremos a desenvolver as políticas que máis beneficien e apoien aos municipios da provincia.
Así, Menor participou na presentación da primeira audioguía dixital patrimonio/comercio local, coa que a Deputación posibilita que o casco histórico de Celanova “sexa o primeiro espazo aberto de carácter monumental de Galicia que conte cunha audioguía dixital multimedia para que os visitantes poidan ser guiados polas rúas comerciais a través do patrimonio local”. A Deputación, en colaboración coa Asociación de Comerciantes CHEA, contribuirá a dinamizar a economía do comercio local a través da dixitalización, creando a primeira audioguía dixital aproveitando o potencial turístico da zona monumental. A través da dixitalización do material turístico en papel, ponse a disposición un innovador elemento de promoción coa cofinanciación de Fondos Next Generation.
Os usuarios poderán obter esta audioguía a través dun cógido QR que se lle facilitará gratuitamene nos comercios adheridos a esta iniciativa, e poderán escoitala no seu teléfono móbil puidendo deixala de recordo para escoitala con máis profundidade nos seus fogares. “Da man da cooperación institucional seguimos dando pasos firmes para a posta en valor do noso territorio provincial, ofrecendo ferramentas para que os municipios poidan desenvolver políticas de proxección turística innovadoras e produtivas”, explicou Luis Menor, amosando o seu convencemento de que “esta audioguía suporá un antes e un despois na política de promoción turística do municipio”.
Novos vestiarios no campo de fútbol municipal
Luis Menor tamén visitou a obra de ampliación dos vestiarios no campo de fútbol anexo de San Rosendo. “Esta dotación deportiva de herba sintética, utilizada polas escolas deportivas, verá ampliados e mellorados os seus vestiarios grazas á cooperación da Deputación”, recalcou o presidente provincial. De feito a Deputación aportou o 100% do importe desta obra, cifrada en 47.855,50 euros e consignada a través do Plan de Cooperación CooperOU.
Visita á casa natal de Curros Enríquez
A xornada de traballo en Celanova, -na que Menor estivo acompañado polo alcalde do municipio e presidente da fundación, Antonio Puga, así como por membros da Corporación-, culminou cunha visita á casa natal de Curros Enríquez e sede da fundación que leva o seu nome.
Luis Menor lembrou que a Deputación, como membro do Padroado da mesma, colabora activamente cos gastos de funcionamento desta entidade, “que ten como obxecto a promoción e difusión do coñecemento da vida e obra de Manuel Curros Enríquez, así coma dos outros escritores relacionados con Celanova”. A Fundación Curros Enríquez recibe máis de 6.000 visitas ao ano e 10.000 atendidas fóra nas actividades que organizan, ademais da visita de máis de 50 centros educativos ao ano de toda Galicia