O Concello de Ribadavia impulsa o turismo sostible bonificando un proxecto de once cabanas a carón do río Avia

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO
  • Os promotores abonarán so o 50% do imposto de construccións, instalacións e obras por ser considerado un proxecto estratéxico que potencia o turismo de interior e diversificara oferta de aloxamento na vila

Ribadavia, 30 de outubro de 2024

O Concello de Ribadavia da un paso adiante no desenvolvemento do seu potencial turístico coa aprobación no pleno de onte dunha bonificación do 50% no Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras (ICIO) para o proxecto “Cabanas do Avia”. Este proxecto, que contará con once cabanas de madeira situadas á beira do río Avia, con acceso desde a estrada provincial OU-0305, enmárcase dentro da estratexia de dinamización turística aprobada o pasado mes de xullo polo Concello. A estratexia busca diversificar a tipoloxía de aloxamentos dispoñibles en Ribadavia, consolidando o concello como un destino de referencia en turismo sostible e de interior.

A instalación das cabanas non só aumentará a oferta turística do municipio, senón que tamén permitirá crear unha experiencia inmersiva na natureza e no patrimonio cultural local, sendo unha aposta directa polo turismo de calidade e respectuoso co medio ambiente. Así o manifestou o alcalde de Ribadavia, César Fernández, quen destacou a importancia de potenciar “un turismo sostible que complemente o noso patrimonio arquitectónico, cultural e natural, ademais do termalismo e o recoñecido viño do Ribeiro”. Fernández engadiu que este proxecto permitirá ao municipio “dar un paso máis cara á consolidación de Ribadavia como un destino turístico de primeiro nivel en Galicia”.

Este proxecto de cabanas, situadas nunha contorna natural única, bañada polos ríos Avia e Miño, non só responde á demanda de novos modelos de aloxamento, senón que tamén permite posicionar a Ribadavia como unha alternativa atractiva para os visitantes que buscan experiencias que combinen natureza, tranquilidade e cultura. A oferta complementará os recursos naturais e patrimoniais xa existentes, reforzando a identidade do concello como un espazo ideal para o turismo de interior, promovendo un impacto positivo na economía local.

O Concello de Ribadavia, co apoio a esta iniciativa, quere facilitar a implementación de proxectos que acheguen valor ao municipio e favorezan a creación de emprego e o benestar da comunidade. A ordenanza que regula o ICIO recolle a posibilidade de aplicar

bonificacións para aqueles proxectos de carácter estratéxico, como as Cabanas do Avia, que se consideran clave para o desenvolvemento turístico e económico do concello.

O Concello valora e agradece o proxecto e o traballo dos seus promotores, que ademais de ser locais, representan a aposta por Ribadavia e por desenvolver proxectos empresariais aquí.