A programación do Ciclo Mestre Mateo continuará en Ribadavia esta vindeira fin de semana, cun minimaratón de cinco curtametraxes que se proxectarán este sábado, 16 de novembro, no salón de actos da Casa da Cultura da vila, dende as 17,30 horas. A esa hora poderase ver “Antes de que se poña o sol”, unha reunión familiar na que catro irmáns teñen que tomar unha decisión e non todos están de acordo. Na segunda sesión, “O coidado”, no que Eduardo é un é un home que comeza a ter problemas para coidar de si mesmo. Na súa casa, a que noutro tempo foi a casa familiar, vive só cun androide cuxa única función é mellorar a súa calidade de vida. A través do trato co robot, Eduardo atopa a relación de intimidade que non é quen de afianzar co seu fillo Anxo.
A curta “To bird or not to bird” é unha ollada crítica e caleidoscópica do mundo actual, contada ao traverso das traxicómicas e esperpénticas vivenzas duns paxaros. Na seguinte sesión ofrecerase “O neno sardiña”, na que se conta que nun punto sen determinar do río Miño, ao parecer ao norte de Galicia, un neno-sardiña cruza a corrente deixando atrás a aqueles que celebran o seu enterro co fin do entroido. Descoñécese que provoca a súa transformación, pero din que os ollos máis atentos poden captar de preto a humidade da súa pel. A súa existencia está confirmada polos máis escépticos da zona. Ninguén no lugar ten dúbidas.
A última sesión corresponderá a “Ulises”, unha personaxe que sofre un acusado trastorno psicomotor e que está ao coidado do seu irmán. Un día abandona a casa familiar e decide enterrarse vivo. O seu irmán, desesperado, atópao e convénceo para volver, pero xa non sabe que facer para protexelo.