O Consello Regulador da D.O. Ribeiro iniciou onte a décima edición do ciclo “CatArte” coa presentación conxunta de dúas das súas adegas de colleiteiro en Castrelo de Miño: Casal do Canteiro e Adega Pousadoiro. Jonatán Pousada e Alfredo Fernández foron os encargados de guiar a presentación-cata dos seus viños, un total de cinco referencias entre brancos e tintos, en total sintonía co grupo musical ourensán Los Camachuelos, que foi o encargado de ofrecer a nota musical en forma de versións desta primeira sesión. O acto, con aforo completo, tivo lugar no primeiro andar do Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación de Ourense, onde se sitúa a exposición fotográfica ‘O anxo que nunca fun’ de Manuel Outumuro.
Nesta décima edición continuaron as catas solidarias e toda a recadación da venda de entradas solidarias irá destinada integramente á Asociación Aixiña de Ourense. Esta entidade xestiona un Centro Especial de Emprego sen ánimo de lucro para a inserción laboral das persoas con discapacidade, que inclúe a todo o persoal que traballa na Asociación e que lles permite dar continuidade aos diferentes programas, actividades e servizos. Xeran valor ao ofrecer un proxecto diferente que ofrece calidade, compromiso e profesionalidade na prestación dos servizos. Hoxe é unha realidade socialmente responsable e un referente na creación de emprego para persoas con discapacidade e na busca de alternativas e novos proxectos dende unha concepción global, interdisciplinar e innovadora que entende a diversidade e a igualdade de oportunidades como un factor de cambio social e participación das persoas con discapacidade.
O ciclo celébrase durante tres días no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, os xoves do 14 ao 28 de novembro con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con actuacións musicais. O seu aforo está limitado a 100 persoas por día, e as entradas solidarias, cun custo de 5€ por persoa, véndense a través da plataforma en liña “Entradium”. O xoves 21 de novembro será o momento de Bodegas Cunqueiro coa cata dos seus viños máis representativos, acompañada da música de Perrito Piloto. E para rematar esta décima edición, o broche final será o xoves 28 de novembro da man de Bodega Alanís, que fará unha cata de tres dos seus viños en sintonía gastronómica xunto coa actuación musical de En Mala Hora.