A Xunta Directiva do Padroado reitera a reivindicación de que a RAG lle dedique o Día das Letras Galegas do 2025.
O día 4 de xuño de ano 2024 cúmprense 20 anos do pasamento de Antón Tovar e, con tal motivo, o Padroado do Museo da Limia convocou un Certame Literario, patrocinado polo Balneario de Cortegada e o Hotel Bienestar Termas de Monção (Tesal Explotación SL).
O xurado do citado Certame acorda, por unanimiade, premiar o poema “Tanto camiñei, camiñei tanto”, de Laura Valeria Gutiérrez Caneda.
Decide adherirse tamén ao acordo da Xunta Directiva do Padroado do Museo da Limia, do 24/05/2024, mediante o que se reitera a demanda de que a RAG lle dedique o Día das Letras Galegas do 2025.
O premio do certame, patrocinado polo Balneario de Cortegada e o Hotel Bienestar Termas de Monção (Tesal Explotación SL), consiste nun bono para pasar unha fin de semana, para unha parella, en pensión completa, no Hotel Bienestar Termas de Monção (Portugal) e na publicación do texto na revista Tempos Novos.
A entrega do galardón terá lugar o sábado, día 15 de xuño, ás 19:00 horas, no Museo da Limia, nun acto no que participará a autora da creación premiada coa lectura da mesma. Van intervir tamén alumnos/as do CEIP Carlos Cid Arregui (Rairiz de Veiga), que recitarán poemas do autor limiao. Delfín Caseiro, presidente do Padroado e responsábel da antoloxía de Tovar publicada por Xerais en 2023, fará unha breve semblanza da vida e obra do poeta da Pereira. O acompañamento musical estará a cargo do cantautor valdeorrés Anxo Rei, que creou a música para dez poemas de Tovar, reunidos no disco A rabela da pluma.
A obra poética e narrativa de Antón Tovar, feita de autenticidade e alta calidade literaria, mantén plena vixencia nos nosos días. A convocatoria deste certame literario Antón Tovar por parte do Museo da Limia quere ser unha nova chamada á sociedade galega para que valore o extraordinario legado creativo do autor ourensán.
O Museo da Limia vén promovendo desde o ano 2021, centenario do nacemento de Antón Tovar, unha serie de iniciativas encamiñadas a difundir a obra tovariana e a demandar a dedicación do Día das Letras Galegas ao poeta da Pereira. No ano 2022 foi entregado na sede da Real Academia Galega un completo expediente que recollía varios centos de sinaturas de adhesión da cidadanía e numerosos documentos que se manifestaban neste sentido.